Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/02/12

Transición


Hoxe fixen a viaxe diaria a Forcarei moi ben acompañada por Fran Alonso e María Lado. E abofé que se me fixo ben curta! Foi un pracer escoitar algúns dos poemas deste libro de Fran Alonso, Transición, publicados pola editorial Franouren, nas súas voces. Un acerto que este CD acompañe o libro de poemas.
O certo é que non sei a quen lle debo agradecer o agasallo: moitas grazas polo envío!
Hai nalgúns poemas un contacto directo co seu último libro, Ninguén, ao igual que hai amor pola súa terra e a súa xente, a presenza constante de Vigo e os seus arredores, a denuncia da opresión e da inxustiza, a soidade do home na sociedade actual... e hai unha búsqueda poética. Creo que Fran Alonso preocúpase constantemente por ir cara adiante, por topar novas fórmulas para a súa escrita, para afastarse do que pode resultar obsoleto para achegar novos camiños polos que percorrer o camiño, un camiño que, coa súa lectura, permite ao lector avanzar con el ao seu carón.






Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.