Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/05/12

As fronteiras do medo

Recibo con ledicia un novo libro de Agustín Fernández Paz, As fronteiras do medo, publicado por Rodeira-Edebé. Seis relatos vencellados por un tema común: o medo, un libro que papei en pouco tempo, lembrando aqueles meus tempos novos nos que eu tamén lin con fruición a Poe e a Lovecraft.
Como en todo libro de relatos, hai uns que gustan máis ca outros. É de interese o pé de cada un deles, aínda que compartan características comúns como a presenza do estraño e o seu desenvolvemento na nosa xeografía, o que fai abrollar elementos culturais de noso coma mitos prehistóricos.

.- "A porta do Alén: gustoume moito este relato, quizais tamén influída por ser o primeiro, pero pareceume moi interesante toda a explicación que se nos ofrece nas páxinas 39 e 41. Non é un relato de medo propiamente dito, senón de abraio, xa que é o final sorprendente e pouco esperado: as construcións megalíticas, a Estación das Sombras que se abre o 31 de outubro é sobre o que se artella a historia.

.- "A voz do sangue": é seguramente un relato máis terrorífico có anterior, coa proposta dunha porta que non debe abrirse e todo o que supón a súa descuberta. O destino que chama e do que non se pode fuxir. Desta volta é o pintor Matisse a fonte de inspiración, mesmo o título é dun cadro del no que se ve un carballo con dúas portas abertas no tronco.

.- "Os fillos de Hamlet": Foi quizais o relato que menos me gustou. A referencia arestora -está claro- é Shakespeare. A crenza de que hai outras realidades diferentes das que podemos ser vítimas, humanos só na aparencia e unha sobremesa gorentosa na máxica noite de Walpurxis.
.- "O pozo": clara influencia de Lovecraft, autor que le o protagonista e que lle provoca pesadelos nocturnos. Gustoume especialmente polo tratamento do paso da infancia, da verosimilitude de que hai lembranzas  asociadas a terrores que non marchan e que poden agromar en calquera momento da vida, aínda  que se crea que teñen desaparecidos.

.- "O enigma do menhir": volvemos mergullarnos nos poderes de certos seres e lugares da nosa contorna máis próxima, enerxías misteriosas que quedan sen resolver.

.- " A mirada de K": Quizais o meu preferido, o terror que pode inserir crer nunha orde misteriosa que manda sobre nós e que nos fai descoñecedores das nosas propias accións.

Sexa cal sexa o relato que máis vos guste, seguro que este libro, un máis de Agustín, vaivos atrapar entre as súas páxinas para degustar as palabras, as intrigas, os perigos. Traspasade as fronteiras do medo para abrir calquera das seis portas que Agustín vos ofrece. Non sairedes decepcionados.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.