Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/05/12

Dun tempo e dunha terra

Vén de me chegar este fermoso agasallo da editorial Edelvives: unha Antoloxía da obra poética de Celso Emilio Ferreiro con prólogo de Gonzalo Navaza e ilustracións de David Pintor. Unha edición fantástica onde a ilustración axuda a enxalzar a voz deste poeta único. Os poemas que se recollen son tirados de: 11 de O soño sulagado, 21 de Longa noite de pedra, 4 de Viaxe ao País dos Ananos, 2 de Antipoemas, 1 de Terra de ningures, 5 de Onde o mundo se chama Celanova, 1 de Cantigas de escarneo e maldecir e 1 de Cimenterio privado.

Afirma Navaza no seu prólogo:

Longa noite de pedra ábrese cunha cita do italiano Salvatore Qusaimodo: "Ser dun tempo e dunha terra. Eis o segredo da poesía máis humana e verdadeira". A poesía de Celso Emilio Ferreiro atense a ese principio. Por máis que na súa obra atopemos outros temas e rexistros, foi sobre todo a súa poesía social, nacida do compromiso co seu tempo e a súa terra, a que lle valeu o recoñecemento dos seus contemporáneos.

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.