Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/07/12

El mapa y el territorio

Remato o curso esgotada e pouco lectora, de aí que o tempo que lle adiquei a este libro fose o triple do normal, xa que é un dos que tiveron que ler as miñas alumnas para o xurado do Premio Arcebispo Xelmírez. Estaba intrigada, posto que a valoración que elas lle deron fora totalmente negativa, mentres que un par de amigos faláranme marabillas. Non a degustei, polo que xa dixen, e cando unha libro se demora no tempo non constitúe para min un gran éxito.
Estou a falar, naturalmente, do libro de Michel Houellebecq El mapa y el territorio publicado por Anagrama. Un libro que considero está moi ben escrito pero que comprendo que non fose o votado por elas, sen a suficiente madurez intelectual e lectora para chegar a entender todo o que o escritor francés nos propón. Novela ao borde do ensaio, constata as contradicións da sociedade deste século deixando no lector un pouso de pesimismo difícil de conlevar. Comeza e ocupa gran parte do libro cunha reflexión sobre a arte actual e a frivolidade que a rodea, asemade sobre o prezo desmesurado e o valor da crítica. Chama a atención o retrato despiadado que nos ofrece de si mesmo, escritor convertido en personaxe, como misántropo, maniático, tacaño e alcohólico, como un xogo literario onde non se critica senón que xoga co lector. E chama máis a atención que xa case ao final do libro este se convirta en novela policíaca para ofrecernos un Houellebecq asasinado e novos personaxes que non chegan ata este momento.
O autor xoga con mestría coas relacións, cos personaxes... como só pode facer un bo escritor; mestura xéneros e introdúcese a si mesmo... realmente é quen de escribir coma ninguén. Sen ser un nome do meu listado de predilectos, teño que recoñecer que o tío fai o que lle dá a gana e resólveo con mestría. E non podemos dicir sempre isto de calquera.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.