Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/03/13

Ás veces quero morrer coa risa

Antes de vos sentar a ler, collede unha morea de panos. O que avisa non é traidor: estades ante unha lectura que non vos deixará indiferentes. E sobre todo estades ante un libro que provocará bágoas. Non pensedes que esaxero. Non lembredes que eu son unha branda. 
E aínda así, recoméndovolo.
Da man da editorial Galaxia chéganos esta tradución cun título ben significativo: Ás veces quero morrer coa risa -e unha portada ben espantosa, por certo: buscade en google a orixinal e observade a diferenza- de Birgit Schlieper e Nina Stahl, esta última pedagoga na sección de Oncoloxía pediátrica nunha clínica universitaria. Maxino que a súa experiencia foi vital para a realización deste tremendo libro que nos fala do drama dunha morte anunciada polo cancro, os derradeiros días de vida dun grupo de rapaces e rapazas, adolescentes ou non, que saben que pouco lles queda xa para seguir adiante. 
O amor. O amor dos pais, o amor das enfermeiras, o primeiro amor. A enaxenación que ás veces é superior a calquera pensamento. O sufrimento. A dor. A tristura. E moitas veces a necesidade desas palabras que nos faltan, deses sentimentos que ocultamos... por que? Cantas oportunidades nos dá a vida para falar do que queremos, do que sentimos? Por que non somos capaces de expresarnos con naturalidade, de dicir, "queda comigo", "abrázame forte", "necesítote"? Por que somos tan reacios a falar dos nosos sentimentos?
O libro é duro, triste. Só lembralo fai que os ollos se me enchan de bágoas. E axuda a reflexionar. A poñernos no seu lugar. A pensar nos nosos fillos e fillas querendo que nunca estean aí. E a sentir que "carpe diem" debe ser a máxima que nos ilumine. A non deixar nunha páxina en branco ilusións nin palabras. A nos expresar.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Si, moi triste si, e concordo que a portada é pouco atinada.
Totalmente dacordo

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.