Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/05/13

A nena á que non deixaban ser feliz


De radiante beleza é como podemos denominar a deste álbum  de Miguel Ángel Alonso Diz coas ilustracións de Luz Beloso que edita A Porta Verde do Sétimo Andar. Se falamos de "radiante" facémolo baixo a convicción de comentarmos a bondade que irradia o libro, non só polas ilustracións "acorazonadas" que predominas nas súas páxinas, senón pola reflexión positiva á que nos encamiña a súa lectura. A capacidade de soñar é o valor máis importante que nos ofrece este álbum, así como o rexeitamento do autoritarismo e o desprezo da subordinación a un poder establecido que impide calquera liberdade. A lectura vaise artellando arredor do concepto do totalitarismo -como non lembrar o celebrado 1984 de Orwell- e da procura da propia identidade, quen non presenta absolutamente ningún esgazo ao pensamento. A nena protagonista sabe moi ben o que quere e o que necesita (ou máis ben o que non necesita nin procura, senón que rexeita) para ser feliz. Un pecado abondo inconcebible e rexeitable nunha sociedade totalitaria que podemos transportar facilmente aos nosos días e a todo o que está a suceder non noso país e na nosa sociedade actualmente. A solidariedade e a xenerosidade serán as características máis importantes da nosa protagonista, uns valores que precisamos importar para esta sociedade suminda nunha crise non só económica e si vergoñante.
Así pois, unha lectura e un libro de total actualidade disfrazados baixo un álbum infantil que nos convida á reflexión e do que agardo tiremos conclusións valiosas.

1 comentario:

Elvira M. dixo...

Encántame.Escribo por terceira vez que o caso da ilustradora é un exemplo perfecto de simbiose nome/ persoa.


Elvira Moroño .
Saúdo

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.