Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/05/13

Costa do Solpor

Non tiven eu unha boa temporada lectora e por iso demorouse esta lectura máis do desexado, e non foi só polo seu grosor. Pero xa está aquí: Costa do Solpor de Xosé Mª Lema, finalista do Premio Xerais 2011 (ano de novelas marítimas en Xerais) é unha novela de aventuras que podería estar escrita hai un século. E aí reside parte do seu mérito, pois manter a acción durante máis de 600 páxinas non é doado. Como boa novela decimonónica, os heroes e heroínas saen sempre ben parados e os malos malísimos desaparecen. Non contento con isto, Xosé Mª Lema realiza unha reconstrución histórica da Galicia do século XVIII e sobre todo da Costa da Morte. Os foros, os fidalgos, a Inquisición... personaxes históricos -temos un apéndice final para solucionar dúbidas- pasean polas nosas páxinas para falar da sociedade daquela época, ás veces en demasía posto que fan que a novela de aventuras teña demasiadas digresións históricas, ralentizando unha acción propia deste tipo de novelas.
A orixinalidade do libro comeza dende o principio, posto que o autor utiliza a técnica do manucristo atopado, presentándose como un tradutor deste, en lingua inglesa, e introducindo algunha anotación para mellor entendemento do texto. O "manuscrito" estará posto en boca do personaxe principal, Jim, pero tamén nalgunhas ocasións recórrese ao doutor Livesey, coa fin de conseguir maior veracidade do relato, posto que Jim non sempre é testemuña dos acontecementos.
Aínda sendo unha novela de piratas, tamén hai amores, uns amores que semellan imposibles polo estatus social tan ríxido daquela época pero que o "tradutor" ten a ben solucionar dando un golpe de efecto para mellor solución feliz de todos os acontecementos. Curioso que eses amores se vexan por parte dos ingleses como moi liberais, sendo como somos tan tordobeos, pero en fin...
En resumo, novela de aventuras e de piratas, con abordaxes, fabulosos tesouros, cruentas loitas... que é capaz de seducir ao lector a pesar desas digresións longas que cremos sobradas na novela.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.