Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/05/13

Roberto Vidal Bolaño: Obras Completas. Volume I

A recomendación da nosa colaboradora Carme vén moi acaída para este mes das Letras. Nada menos que as Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño publicadas por edicións Positivas.


O Volume I das Obras Completas de Roberto Vidal Bolaño, publicado por Positivas (2013), reúne seis textos dramáticos que, por un ou outro motivo, seguen de actualidade.

Criaturas e Saxo Tenor son dous deles, onde está moi presente o cine, tanto na linguaxe como en distintas referencias fílmicas, xunto cun universo galego onde o humor e a ironía non faltan. A primeira delas enfronta a deformidade da Criatura, creada polo Dr. Frankenstein, á doutros personaxes que, sen dúbida, recoñeceremos na pel dalgúns dos seres cos que nos tropezamos diariamente ou lendo as páxinas de calquera xornal. Incluso, escaravellando un pouco, algunha pegada deles tamén podemos atopar en nós mesmos. O morbo, a violencia machista, o fanatismo, as condicións laborais precarias… Todo isto lévanos ao final da obra a preguntarnos quen é realmente o monstro.

Saxo Tenor adéntranos nun barrio marxinal onde conviven a droga e a prostitución xunto coa morte, o amor, o incesto, a soidade ou a perda da memoria, sendo un vello saxo tenor, o que desde un escaparate se converte en testemuña silenciosa do decorrer vital duns personaxes marcados pola derrota.

“ Nunca entenderei

por que me tiñas máis medo a min

do que ao común da xente.

A miña monstruosidade

non é senón o reflexo

da que aniña en vós.

En ti,

en todos.

Pero eu non son real.

son unha ficción.

Non existo.

Vós si.”

Criaturas

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.