Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/07/13

El niño que robó el caballo de Atila

En plena crise lectora, collo este libro que é curto por ver se de novo volvo ao meu ser, despois dunha fin de curso tan sumamente esgotadora. A min se me ocorre! Collo un libro do máis duro que coñezo que me provoca pesadelos. Tremenda lectura que vos recomendo, certamente. Non sei se é o máis indicado para o verán, se é certo iso de que hai lecturas de verán e de inverno. Eu veño de decidir que me vou meter de cheo na novela negra para poder engancharme, a ver se así!

Si, falo d' El niño que robó el caballo de Atila de Iván Repila publicado por Libros del Silencio. Se vos gustou Intemperie, que seguro que si, habedes gozar con este, menos famoso (eu coñecino, por suposto, grazas "a la Paramio") pero non menos interesante, e con moitos puntos en común. Un buraco na terra é todo o espazo que o autor necesita para desenvolver o argumento, onde dous irmáns loitan
pola supervivencia. Esta será o catálogo que leamos ata conducirnos a un final apocalíptico.
Unha aposta filosófica e unha alegoría, o relato fainos naufragar como persoas e caer nunha loucura case cotiá, desintegrando mesmo a linguaxe como símbolo de debilitamento físico e psíquico, mesturando sentimentos como o amor fraternal, o sacrificio, a compaixón, a tenrura... o silencio. 
E nese silencio permanecerá o lector, mudo, absorto,consternado, desalentado, pensativo, ofuscado, tremente.
 «El amor como un pacto de silencio donde se administran violencias propias de un reptil, de un cocodrilo viejo. −¿Tú me quieres?, pregunta el Pequeño. –Lloverá».

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.