Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/12/13

A lúa da colleita

Veño de rematar este último libro de Anxos Sumai publicado pola editorial Galaxia e merecente do Premio García Barros 2013: A lúa da colleita. A verdade: non sei moi ben que dicir. Xa parezo unha das miñas alumnas exclamando: "Recoméndoa" e non sabendo engadir nada máis. Supoño que debería repensala e madurala antes de achegarme ata esta páxina en branco que me agarda expectante. Tal era o meu xeito de enfrontarme a esta lectura, a expectación que foi in crescendo, curiosa, ata rematala. Unha novela moi ben escrita que nos afasta de lugares comúns para achegarnos a unha muller que sofre de bipolaridade, algo que seguramente adoita parecer ben afastado. A memoria como xoguete, a coincidencia como reflexión, os personaxes como monicreques arredor dun marabilloso argumento que oscila entre as dúas mulleres que presentimos e lemos e que son unha. A procura dun pasado que se dilúe nunha amnesia enfermiza e obsesiva, con presenzas estrañas e acontecementos case inexplicables, personalidades múltiples que gravitan sobre un tempo presente en que o final chega a ser tan contundente como agardado: hai final verdadeiro? Só a morte, e non é o caso.
Imposible non adherirse a estes personaxes que arrastran, a esta vitalidade e a este modo de encarar a vida, os problemas. O vello que fotografa obsesivamente, a amiga que vive e deixa vivir, o hotel que pracidamente convida a lacazanear... A vida, en toda a súa extensión. A vida que emociona. A vida que esgota. A vida que queremos... conservala moito tempo.
E como xa sabedes que son repugnante e que me gusta pór defectos, coido que ese irmán tan necesario ocúltase demasiado e non amosa a actitude que cabería esperar del. Pero en fin, por buscarlle cinco patas ao gato, que xa sabemos que ten só catro.
Unha novela inesquecible. 


1 comentario:

Anónimo dixo...

Haberá que lela porque así deixas abertas moitas portas. Con tal que sexa boa literatura xa invita entrar por elas.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.