Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/12/13

O derradeiro libro de Emma Olsen

Non sabe a miña amiga e colaboradora Carme que coincidimos en tempo e lectura: onte cando me mandou esta recensión eu viña de rematar este libro (vaime matar cando lea isto!) Como ademais, concordamos, nada teño eu que engadir. Só a miña gratitude.
E como esta será a súa última colaboración deste 2013, quixera engadir algunhas palabras.
Vai xa para os dous anos cando Carme Moure aceptou colaborar con este blogue mandando unha opinión mensual sobre un libro do seu agrado. Sempre puntual, invariablemente, os primeiros días de mes chegaba un seu correo na miña axuda. Carme é unha desas persoas que traballan vinte horas diarias para que o ensino público galego sexa mellor cada día, para que a nosa lingua e a nosa literatura non esmoreza. Entusiasta, sacrificada e laboriosa, bríllanlle os ollos cando fala dos resultados do seu alumnado, cando compartimos lecturas, cando me descobre libros, cando le poesía. É unha persoa vital que sabe o que fai. E é unha grande amiga e persoa. Por iso, dende este pequeno habitáculo, quería agradecerlle o esforzo que supón para ela mandarme cada mes a súa reflexión lectora. Este mes de decembro, cando agobiada por exames e avaliacións, non puido mandarma, notei a súa inquedanza por non cumprir, coma se isto fose unha obriga e non un divertimento. Así que o meu recoñecemento público e privado é dobre.
E agora si, déixovos coas súas palabras, que fago miñas tamén:


                O derradeiro libro de Emma Olsen, premio Narrativa Breve Repsol 2013 publicado pola editorial Galaxia, é unha desas novelas que deixan un bo sabor de boca e das que non te arrepintes ter mercado. Berta Dávila, a autora, di no seu blog Confabulario novo (absolutamente  recomendable) que a historia naceu a partir dunha fotografía de Ann Sexton diante dunha máquina de escribir e este é un dos nomes literarios que se repiten na biografía de Emma Olsen. Narradora, nos estertores dun cancro terminal, decide voltar a Faith e escribir  a súa vida neste lugar de Dakota do Norte, no que naceu, viviu e logo, fuxiu.
                Faith é o lugar de Emma e de Clarissa, dos Olsen e dos Logan , de Anna e de Luke, do profesor Montana e de Bill. Aínda que todos estes personaxes teñen a súa importancia na historia, e cada un deles merecería outra novela breve, quedaría, primeiro, co do profesor Montana, a quen Emma axuda a ordenar a súa biblioteca, abríndoselle así, para ela,  o mundo da literatura (pode parecer tópica esta situación, mais non resulta así na novela). E segundo, Clarissa, sempre Clarissa, sen ela non habería historia. Porque Clarissa é o límite, o prohibido, a vertixe, o medo, o xogo, a vida e a morte. Foi ler por primeira vez o seu nome e asocialo inmediatamente con Clarissa Dalloway, a protagonista de A señora Dalloway, de Virginia Woolf, e nalgún momento, si se vinculan as vidas destas dúas mulleres. Personaxe fascinante o de Woolf, pero tamén o de Dávila.
                Mágoa que Emma Olsen sexa só ficción e non poidamos ler algunha das súas obras mencionadas nos pés de páxina (Dream Grass,pola que obtivo o Pulitzer, Mum, Homes de palabra, To do something…). No apartado gramatical, maior atención na colocación dos pronomes e na puntuación. Como banda sonora: Connie Francis ou Loretta Lynn (para unha, que lle gusta o country, foi un pracer escoitar o "Don´t come home a drinking").




                Díxome unha vez o señor Montana que a característica común a todas as grandes historias é que poderían ocorrer en calquera parte do mundo” (páx 27)
                Ao cabo, todo aquel que escribiu unha novela sabe que contar unha historia inventada é o xeito máis sinxelo de rematar falando do que máis nos importa de nós mesmos, e que cando tratamos de dicir a verdade prescindindo das máscaras da literatura a dose de mentira é sempre moito maior” (páx 88)

1 comentario:

Fernando dixo...

Concordo con Carmen (que me alegra que peche ela este ano literario coa súa análise)na interesante elaboración que ten esta novela. Á parte das posibles influencias literarias, cinematográficas ou mesmo musicais destaca a arquitectura desta obra de tan nova autora. Parabéns a Berta Dávila.

Bó ano
Fernando ( Galaxia)

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.