Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/01/14

O heroe



A miña última lectura deste nadal é esta obra de teatro que non lin non seu día -menos mal que se poden subsanar os erros-: O heroe de Manuel Rivas publicada por Xerais. Mágoa non tela vista no teatro: esa é a miña maior pena! 
O heroe é a historia de Arturo, ou de Robinson, ou de Caronte. Un ex-lexionario dunha guerra descoñecida (a de Sidi Ifn, de finais dos anos 50) que non atopa á súa volta vítores nin proclamas, senón todo o contrario; con esta desilusión e sufrimento vai conformando o seu xeito de ver o mundo, curando feridas e converténdose nun resistente. Interesante resulta situar esta acción a finais da ditadura franquista, cando se lle pide que volva ser un heroe e que actúe como tal para acabar dunha vez con esa situación política. A solución será ben complicada para este home anónimo e namorado que só pretende seguir coa súa vida; ao mesmo tempo o lector-espectador pode facer moitas lecturas do que ocorre ou se entreve no escenario; creo que a personaxe de "Medias Vermellas" dá moito xogo neste sentido: será posible permanecer impasible?. Tamén é chamativa a utilización do flash back para achegarse aos anos inmediatamente posteriores a esa guerra descoñecida pero real cando a ditadura está en pleno apoxeo e os maltratadores carcereiros poden actuar con total impunidade (o que nos lembra o que aconteceu estes días no estado español: nada se pode facer aquí, hai que ir a Arxentina...).
De fondo, a admiración pola palabra de Manuel Rivas, unha palabra que suxire, que describe, que provoca, que fala, que escoita. Unha palabra coa que nos quedamos.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.