Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/03/14

"A memoria da choiva" en Lalín




Noite máxica a de onte ao recibirmos na vila a presentación do último libro de Pedro Feijoo na libraría Vagalume. Convidáronme a estar na mesa xunto co autor e con Manuel Bragado, o editor de Xerais. Todo un honor. 
Déixovos o texto que serviu de introdución á mesa redonda:



En primeiro lugar, quixera agradecer á libraría Vagalume o feito de podermos ter na nosa vila actos coma este, que tanto se botaban de menos. E agradecer á editorial Xerais que pensase en min para acompañar a Pedro Feijoo nesta mesa.
Pero sobre todo, quero darlle as grazas a Pedro Feijoo : por crear para a nosa Literatura, aínda orfa, algo tan imprescindible coma o BEST-SELLER. Conseguiuno primeiro  con Os fillos do mar, que vén de recibir o Premio San Clemente hai uns días: un premio dado dende a sinceridade da adolescencia. Nun ano converteuse nun fenómeno editorial sen parangón nas nosas letras. Sei moi ben que estará agora acenando a cabeza para retrucarme, como fai sempre que abordamos esta cuestión. Pero apelo ás súas palabras: “interésame repetir a sensación de lectura áxil, de lectura entretida, de ritmo rápido que parece que producía Os fillos do mar; quero pasar por enriba dos prexuízos que hai contra a literatura galega do tipo “yo es que en gallego no te leo”. E se consigo que se identifique esa maneira de escribir co meu estilo, se cadra son lectores que se van sumando ao sistema literario galego. Iso é o que quero”.

Pois ben, eu tamén quero iso.

Segundo o crítico Armando Requeixo, os best-sellers son obras de acción intensa e forte intriga. É habitual que sitúen a súa acción en lugares recoñecibles. Están escritos cunha estilística do transparente, de xeito que o plano do fondo ou contido pule sempre por riba do da forma ou expresión, que é perfectamente sacrificable en aras da omnicomprensión. Tamén axuda que os protagonistas sexan individuos cos que se poida producir un recoñecemento ou empatía inmediatos. E que reflictan as nosas problemáticas sociais máis candentes. Todo isto cúmpreo sobradamente Pedro Feijoo.
Así que teño que confesar que estou encantada de telo en Lalín. E comprobarédelo cando comece a falar: a súa voz conquistaravos antes cá súa escrita. Recoñezo, ademais, que me gusta que xogue co feito literario, coa trama, coas figuras históricas e coas actuais, co lector e coa lectora... que converta, en fin, a Literatura nun xogo.
Literatura como xogo e como desmitificación. Coido que así é como Pedro Feijoo ve o acto literario. Fóra de opinións, críticas, aparencias, el procura un constante divertimento.

E iso encántame asemade. 

Co seu primeiro libro, xogou. Como? Con fotos lectoras. Así, non só persoas, senón vacas, cans, gatos, cabalos... compartiron lectura. Agora, son as portadas. Que queredes ver os vosos nomes estampados para lucilos coma eles fan? Non tedes máis que fotografar un ollo que vos guste ou o voso propio para que Pedro Feijoo vos transforme en autores de A memoria da choiva.
Por que non achegar o feito literario como algo lúdico e non distante? Por que non vermos os autores como persoas achegadas e non afastadas? Por que non ser nós, lectores e lectoras, partícipes do xogo literario? Pois iso consegue Pedro Feijoo. 

E a min, gústame.

Pedro Feijoo logra, algo que agradezo, que o lector permaneza atado á súa cadeira devorando as páxinas, facendo que cada letra, cada palabra, sexa un bocado gorentoso que degustaremos con apetito voraz. Eu, debo confesalo, fun abducida. Secuestrada, literalmente, por este libro que hoxe nos reúne, permanecín unha fin de semana pendente dunha lectura que, malia o seu número de páxinas, antollóuseme ben curta. Porque a novela engancha dende o primeiro momento grazas a un estilo áxil e unha linguaxe sinxela onde a nosa retranca –tan cobizada porque pode mesmo perderse- sobrevoa as súas páxinas.
E é que A memoria da choiva parte dunha idea fascinante: Rosalía de Castro e a súa descendencia convértense en protagonistas desta obra. Que morbo! Máis morbo dá pórlle cara a personaxes principais da nosa cultura. Unha disección dos segredos de elites que parecen querer protexer a cultura galega de si mesma. O ritmo é cinematográfico e os personaxes son todos sospeitosos. Un xogo sutil entre ficción e realidade. A todo isto engádese un final totalmente inesperado. E os versos de Rosalía pululan estratexicamente polo fío da historia. Temos aquí e agora unha ficción que cambia a realidade de Rosalía? Convértese Pedro Feijoo no vingador que procuraba a voz poética da Rosalía máis conmovedora de “A xustiza pola man”?
Pedro Feijoo súbenos a un coche de carreiras e logo descubrimos que este non ten freos. Así que non queda máis remedio que seguir conducindo. Cada esvarón é un novo asasinato que nos trae de cabeza. Arrepiante. Demasiadas curvas sen beiravía. E decidimos, como non, seguir ao volante sen pestanexar. Non podemos tirar os nosos ollos dunha estrada ben pendente. O tempo da carreira é limitado. Só nós podemos decidir canto vai durar. Ou non? Poderemos pechar os ollos nalgún momento para descansar? Sen dúbida, iso custaranos. As luces de néboa non funcionan. E esta vólvese cada vez máis mesta. Onde está a meta? Eses ollos que intuímos entre a brétema procuran o noso desfalecemento. Son despiadados. A súa ira reflíctese nas herbas do camiño.  A nostalxia da seguridade que tiñamos antes de subir a este coche que semella maldito desaparece. Os quilómetros van sendo devorados e tememos un infarto. Cando chegamos ao final, un salaio entorpece a noite. Era un soño novelesco que nos acompañará reiteradamente? Que parte construímos real? Foi todo unha fugaz ilusión? Estabamos nun simulador? Son os versos de Rosalía os causantes deste maquiavélico xogo? Rosalía como soño. Rosalía entre nós. A nosa Rosalía...

Coido que Os fillos do mar amosaba algúns excesos argumentais. Porén, nesta segunda obra mostra unha madureza que sorprende pola rapidez con que o autor vai mellorando na escrita. Unha escrita lixeira que consegue un abano de lectores e lectoras ben amplo de todas as idades. Se Suso de Toro é o seu referente literario, coido que Pedro Feijoo chegará a se converter tamén no seu digno sucesor. Se agardabamos con ilusión cada nova entrega daquel, con este ocorrerá o mesmo. Dáme no nariz que Pedro sabe por onde pisa e faino con paso forte, seguro, con alancadas cada vez maiores porque é consciente do seu peso.
 
E iso tamén me gusta.


  (Fotos de Manuel Bragado, libraría Vagalume e Faro de Vigo)

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.