Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/03/14

Ámote Leo A. Estación de tránsito

Anceios que tiñamos de ler a segunda entrega desta triloxía que Rosa Aneiros nos propón por medio da editorial Xerais: Ámote Leo A. Estación de tránsito gustoume máis cá anterior, porque por fin obtiven a paixón que botaba de menos na primeira entrega. Ademais, encantoume pasear por Italia e París da súa man e revivir as mesmas bógoas que eu tamén derramei ao contemplar a beleza de Venecia. Imposible non sentir a inmensidade do maxestuoso veneciano.
A nosa protagonista, máis namorada ca na anterior entrega, quizais por iso menos libre, tenta sentir os mesmos pulos que a guiaran polo primeiro percorrido, pero un novo lastre comeza a facer mela nela. Será quen de dobregalo? Esta é a pregunta que nos queda no ar coas últimas palabras desta segunda parte, que, claramente, nos deixará intrigados ata obter a terceira. Maldita sexa! Así que toca agardar a ver que ocorre. De momento, as quinielas sobre quen é o autor das pintadas fanse máis fortes.
Coido que é doado identificarse cunha protagonista chea de dúbidas, que ás veces cansa, que ás veces sente a soidade, que ás veces mira para adiante, que ás veces sente morriña e que ás veces bota de menos á súa familia. Unha moza identificable porque é humana, porque non é unha superheroína. E aí radica o mellor desta triloxía: que calquera adolescente sente preto á súa personaxe principal. Sentir o amor, sentir o medo, sentir. Sobre todo, sentir. Porque de sentimentos estamos feitos os viaxeiros. De sentimentos que afloran e se acochan. De miradas e de desexos. Todo un acerto de Rosa Aneiros. Como non aprender algo dun mesmo ao lerte, Leo? Como non viaxar contigo e tentar aconsellarche sobre os teus pasos? Rosa domina o catálogo de viaxes e sentimentos mentres nos preguntamos, novamente, quen é o viaxeiro anónimo que acompaña a Leo, amándoa dende a distancia dos muros.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.