Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/04/14

Ningún amante sabe conducir



Sorprendente poemario de Rosalía Fernández Rial que publica Edicións Positivas: Ningún amante sabe conducir ten espazo de seu para a poesía, a prosa e o teatro. Eros mestúrase coa velocidade, a condución, a marcha atrás, o desexo, o sexo... e aí radica a orixinilidade dos poemas, poemas eróticos que se confunden nos derrapes accidentais da estrada, que envolven a pel entre olores de derrapes e goma queimada, que saben a animais salvaxes mentres miramos dende a outra marxe.

A estrada escribe,
en pel de asfalto,
as feridas que nos separan.
Entre liñas;
raias de coca
desde o meu coche
ao teu leito.
Aceléranme,
atropélanme a cordura,
acenden faros dentro de min.
E eu cabalgo motor,
troto os quilómetros
que quedan
ata o noso furacán
de pernas, dentes,
labios, grito,
tacto!
Como se só desgarrándonos
puidésemos pechar cicatrices.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.