Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/06/14

Na Festa da Palabra

Onte á noite asistín, un ano máis, á Gran Festa da Palabra que organiza a editorial Xerais. Sempre me deixa abraiada a perfecta organización, o inmenso traballo que hai detrás para que todo saia impecable. Sei que iso son miles de horas e moito esforzo. Por iso, máis que dar os parabéns aos gañadores, que tamén, por suposto, hoxe quero destacar o labor destas persoas que loitan cada día por facer visible a palabra escrita na nosa lingua. 
Fun por primeira vez hai catro anos, cando me chamaron para formar parte do xurado dos Premios Merlín. Ese feito proporcionoume uns amigos que a día de hoxe son parte esencial da miña vida. (Non teño a foto con Helena!)


Pero deume moito máis: ser testemuña directa de como o empeño dun grupo de persoas fan posible que un mundo de soños galegos se fagan realidade nas mans do meu alumnado. Velos traballando de preto supuxo unha reflexión necesaria que ás veces esquecemos: detrás de cada editorial galega hai un monllo de persoas que cren. Crer... Que necesario é crer! 
Manuel Bragado está dende a primeira hora no peirao para recibir a todas as persoas que embarcan. Hai tres horarios, ollo, pero el permanece sorrindo dende o primeiro momento ata que por fin o derradeiro dos convidados a última hora sobe para ir ata a Illa. Á volta, o mesmo. E Celia Torres fai o propio na outra beira. Iso xa é loable de por si, e había que destacalo. Tamén creo que debemos reflexionar sobre a importancia que ten un día como o de onte para as nosas Letras, onde só o idioma é aquilo que nos debe unir e facer esquecer vaidades persoais. Deberiamos ter moi claro que só na unión está a forza, e que para nada cómpren individualidades á hora desta loita nuns tempos ben críticos para a nosa Cultura. Por iso, paréceme encomiable o labor das persoas que están detrás desta editorial, por ser uns currantes que cren no que fan. 
Onte, mentres andaba dun lado para outro (xa sabedes que paro pouco) pensaba en que sería ideal que nese momento proclamásemos a República Galega porque estabamos unidos nunha sociedade monolingüe -case, e como doe este case!-. Unha sociedade ideal que procura a unión na nosa Lingua. Este é o vento que debe gobernar a nosa travesía: a crenza de que só na nosa lingua debemos sobrevivir. E fóra personalismos.
Eu, xa o sabedes, tamén tiven un premio. Ver a familia de Mariña orgullosa da súa nena que tamén é un pouco miña. É necesario dar visibilidade ao alumnado do rural, anónimo, con menos posibilidades que un alumnado urbano con acceso doado á Cultura e a quen a xera.

Particularmente, non teño máis que palabras de agradecemento a todo o equipo que conforma a editorial: adoptáronme estes días con toda naturalidade e permitiron que fose unha máis sen ser un convidado de pedra. Xesto que me conmove enormemente.

Onte botei de menos a moitas persoas que quero. Como non botar de menos a Agustín, sempre lembrado en todas as conversas. Botei de menos a outros amigos que me tería encantado ver alí. Pareceume que había menos xente ca outros anos. Pero sempre é unha gozada reencontrarse con xente magnífica que de xeito case involutantario foron aparecendo na miña vida:


Unha Lúa marabillosa despediunos, nunha tarde de temperaturas agradables como a festa en si:


Esta é unha pequena mostra de canto aconteceu onte arredor dun agasallo de palabras:

3 comentarios:

Antonio Martínez dixo...

Que casualidade, veño de cruzarme con Anxeles e Cobas. Saúdos

Toni Solano dixo...

Enhorabuena por ese constante fomento de la cultura y la lengua. Grazas :)

Ronsel dixo...

Grazas a ambos por abrir esta fiestra.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.