Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/07/14

Corredores de sombra

A miña Mariña pasa a ser colaboradora deste blogue posto que xa non é a miña alumna, aínda que sempre será a miña nena. Botamos de menos a Carme, a quen agardamos en calquera momento, e deitamos arestora a lectura de Mariña que, ao mesmo tempo, manda un efusivo agradecemento a Agustín Fernández Paz. A súa lectura é Corredores de sombra publicado por Xerais.

E di Mariña:

Esta é unha das novelas de Agustín Fernández Paz que máis me engaiolou, pola intriga que empapa as súas páxinas e as ganas (case desesperadas)  que provoca no lector resolver o misterio que agocha un cadáver do pasado.
Non hai heroes irreais nesta historia, só os retratos en sepia de mozos que viviron nun cru pasado, que parece tan afastado e esquecido.
A historia é narrada de xeito moi verosímil e os personaxes teñen esa falta de humanidade que os fai tan humanos. Esa capacidade de mirar cara a outro lado para evitar que o seu "reinado" se desmorone.
O tempo pasa, pero os recordos perduran. Os soños truncados, os amigos perdidos, as enemistades formadas...
A nosa protagonista Clara dedicará o verán a tratar de resolver o misterio do morto que leva no faiado do pazo da súa acaudalada familia máis de medio século.
Vivimos con ela o risco que corre na busca de probas e historias, o afastamento de seus pais, o descubrimento do primeiro amor...
Chegas a collerlle cariño despois de todas esas vivencias, pois ela non quere ser coma o resto das neniñas ricas da vila. O seu apelido non lle permite xuntarse con calquera rapaz, nin portarse inadecuadamente, pero ela é unha inconformista que está disposta a chegar ata o final do espiñoso asunto no que se veu envolta a súa familia.
Tantos segredos enterrados, tantas preguntas sen resposta, eses amores que se esvaecen co tempo, esas atrocidades que nunca deberon quedar impunes son os que te van enganchar a este libro.
Moi recomendable!

1 comentario:

Agustín dixo...

O agradecido son eu: é unha fortuna poder contar con lectoras competentes como Mariña. "Corredores de sombra" segue sendo unha das novelas das que máis satisfeito estou. Acabei colléndolle cariño á Clara Soutelo, que sabe saír adiante malia nacer nunha familia tan espiñenta.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.