Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/08/14

Bibliotecarias e bibliotecarios "infames"


En edicións Laiovento atoparedes este libro que nos dará unha magnífica lección de Historia. De Historia necesaria, contemporánea e esquecida. Desa Historia que agardan e procuran que ninguén saiba. Falamos de Bibliotecarias e bibliotecarios "infames" de Francisco Xavier Redondo Abal. 8 exemplos onde a maioría son mulleres. Persoas que traballaban a prol do libro e da lectura, da igualdade, da xustiza social. Eran arquveir@s e bibliotecari@s. Persoas anónimas que foron xulgadas e castigadas por crer. Por saber. Pola Cultura. Esa cultura que aínda hoxe adoece no noso país. Unha Cultura que aínda non chegou. 
As súas voces, as súas teimas, as súas inquedanzas e o seu latrocinio son recollidas polo autor para formarnos e informarnos, nunha xusta compilación histórica de danos e prexuízos que aínda hoxe a sociedade actual, galega e española, tende a esquecer. Ou pretende que esquezamos. Silenciarnos como silenciaron a estes traballadores do ben común. Porque detrás hai libros. E os libros, como ben sabedes, son perigosos. Son "inimigos de España, e por tanto deben queimarse". Que gran poder que teñen, os libros!
Así que se os libros teñen tanto poder, pensade o poder que terán as persoas que están detrás deles. E non, non falamos dos seus autores e autoras, falamos de quen os custodia, de quen os dá a coñecer, de quen os propaga. Que perigo!

"O segredo da liberdade radica en educar as persoas, mentres que o segredo da tiranía está en mantelas ignorantes". Maximilien Robespierre (1758-1794)

Con motivo de la Fiesta del Libro se celebró un auto de fe en el patio de la Universidad Central, pronunciando el catedrático Antonio Luna las siguientes palabras:
"Para edificar a España una, grande y libre, condenamos al fuego los libros separatistas, los liberales, los marxistas, los de la leyenda negra, los anticatólicos, los del romanticismo enfermizo, los pesimistas, los pornográficos,los de un modernísimo extravagante, los cursis, los cobardes, los seudocientificos, los textos malos y los periódicos chabacanos.
E incluimos en nuestro índice a Sabino Arana, Juan Jacobo Rousseau, Carlos Marx, Voltaire, Lamartine, Máximo Gorki, Remarque, Freud y al Heraldo de Madrid"
Xornal Ya (Madrid), 2 de maio de 1939

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.