Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/03/15

Máscaras rotas para Sebastian Nell

Alberto Ramos constrúe un personaxe inesquecible en Máscaras rotas para Sebastian Nell, premio García Barros 2104 publicado por Galaxia. Dentro dun puzzle onde o autor vai presentando moitas pezas definidas polo amor polo cine e por Shakespeare, a novela é unha entrevista a dúas mans entre o protagonista e unha xornalista que se converte a súa vez en co-protagonista. Dous personaxes son suficientes para unha novela de 400 páxinas ben construída que reclama toda a nosa atención: que hai de verdadeiro e de falso en todos os datos que nos proporciona a lectura? E sobre esta maraña incerta temos un personaxe detestable que odiamos dende o primeiro momento pero que imos descubrindo, en ocasións, que tamén ten o seu corazón. E a xornalista, que partía con todos os puntos, vainos perdendo asemade mentres debruzamos a conversa que manteñen. É por tanto esta especie de biografía de conversa un texto poliédrico e fluido que vai prenando a vida chea de claroescuros, xa que os personaxes, seres humanos, presentan perfís que non son os da perfección: el é homófobo, machista, orgulloso, soberbio... un carácter que a priori é odioso e así nolo transmite á perfección o autor. Finalmente, como valoramos unha persoa que ademais de todos estes defectos algunha virtude ten? E de pano de fondo deste teatro no que nos movemos -porque el é actor e isto defíneo- está a terrible soidade, a enfermidade, a dor, a morte, e máis ca nada a perda da memoria, que é, ao fin e ao cabo, o cerne da novela. O alzheimer é quen provoca un libro que atrapa e interesa, que non é doado nin branco, senón que ten moita negrume, moito desprezo, moita vida. A contradición do ser humano perfectamente caracterizada nun xogo de sombras, de fracasos e éxitos, de ambicións e de humildades, de amores e desamores, de medos e desexos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.