Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/06/15

Calorosa San Simón

Un ano máis, a ledicia e a ilusión reinaron na entrega dos premios Xerais na illa de San Simón, esa illa da lembranza triste reconvertida agora na illa da esperanza. Esa mesma esperanza que vén acompañada dunha entrega de premios a xente nova, novos autores e autoras que están a construír un novo firmamento para a Literatura Galega. Ese que non deixaremos que esmoreza. Unha illa que unha vez ao ano fala galego case por completo (algún día quizais deixe de engadir este "case").
Grazas á editorial, doutra volta, por convidarme a un dos eventos máis relevantes da Cultura Galega. E parabéns pola organización que semella mellorar cada ano; sigo flipando con estas persoas que fan posible a maxia da palabra; unhas persoas que traballan arreo nunha editorial para conseguir que as letras galegas constrúan un futuro con presente; en toda a noite non perden o sorriso: están para recibir e están para despedir. Multiplícanse dun xeito insospeitado.
A de onte foi un serán para a lembranza. Esa que se vai acumulando na miña  memoria para regresar imaxes de anos anteriores. O ano pasado a miña nena Mariña foi unha das protagonistas da xornada. Ogallá no futuro estea ela tamén recibindo un dos premios Xerais.
Parabéns a Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville. Estamos desexando lelos.
(e como quedei sen batería seguirei aumentando o número de fotografías cando me cheguen...)


 Xogando, claro.

 A natureza reclamando o seu espazo.

 Con dúas boas amigas, na ponte da suor.

 ...e o mar.

A foto de cada ano, coa mellor bibliotecaria do mundo e o mellor ilustrador de ídem




1 comentario:

Anónimo dixo...

Precioso comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.