Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/02/15

El Club de los 27

Novamente, é Xaime quen me ofrece este post. A última curta do guionista londoner de Compostela Carlos C Tomé.

Cuentos para entender el mundo

Eloy Moreno é o responsable (que se autoedita) deste Cuentos para entender el mundo que conta coas ilustracións de Pablo Zerda. Neste libro temos contos populares, anécdotas, curiosidades filosóficas, historias de todo tipo. Ao principio, unha soa instrución: ler un conto cada día para ter tempo para reflexionalo. Ben, como o libro prestáronmo na libraría para dar a miña opinión, fixen caso omiso e lino dunha sentada; porque ten esa vantaxe: lese deseguida e deixa un bo sabor de boca.
Hai moitas historias que coñecemos, e o libro serve para nos refrescar a memoria. Outras son novas para min. Pero todas son interesantes. De cando en vez, salferidas por algunha ilustracións -poucas, coido-. Os contos teñen en común que de todos eles é posible extraer algún tipo de lección, e o bo é que o autor tan só nos ofrece as historias: somos nós quen debemos concluír a moralexa. Se a ten.
Coido que é un libro para todas as idades que non vai defraudar.



Máis por menos

Por que a muller debe traballar máis e gañar menos? Con este vídeo preténdese visibilizar e denunciar a discriminación que sofren as mulleres.


27/02/15

A hair-raising message

Campaña publicitaria impactante producida pola Fundación Sueca de Cancro Infantil. Unha mensaxe que non deixa indiferente. Vía.

Un cuento



Daniil Jarms e Rocío Araya, sorprenden con esta oferta literaria, imaxinativa e chea de humor, que nos ofrece a editorial Mil razones: Un cuento. Estamos a falar dun libro que foi escrito na década de 1930, na Rusia estalinista.O autor foi encarcerado en varias ocasións por saírse da canle estética proposta polo réxime. Neste álbum desprega suficientes armas como para que sexa o maxín quen mande ata un final espléndido e sorprendente. Polo camiño, enredos e humor, ata o autor asoma a cabeza un momento! Este, o que fai, é mesturar todos os planos e facer un conto diferente que realmente o que fai é comprender, unha vez máis, que a Literatura é unha marabilla.
As ilustracións tamén foxen de convencionalismos.: collage, lapis, óleo... é posible mesturalo todo. As ilustracións viven canda as palabras, ofrécennos aos lectores e lectoras chiscadelas e reviravoltas, conseguen a mesma maxia que as palabras.


Un cuento (Daniil Jarms, ilustraciones de Rocío Araya)
Un cuento (Daniil Jarms, ilustraciones de Rocío Araya)

Non existe o acoso?

Vin que no Facebook propoñían este cómic como unha ferramente necesaria e útil. Segue a existir o acoso, segue a medrar o machismo.
Un cómic de Robot Hugs, publicado orixinalmente en  tickld.com.


26/02/15

Negra Sombra

Grazas ao amigo Xaime coñezo esta versión de "Negra sombra" na voz de Andrés Suárez:

De cristal

Silvestre Gómez Xurxo reúne en De cristal, publicado por Xerais, cinco relatos que falan de realidades duras que conviven na nosa sociedade e que ás veces nin vemos nin queremos ver. Cinco relatos que a priori resultan máis que interesante para unha lectura xuvenil, porque ben nos cómpre que o noso lectorado axexe outras vidas posibles que moitas veces coidan afastadas e ás que dan o lombo mesmo sen percatarse. Por iso libros coma este son necesarios, porque debemos ter presente que o devir cotiá non é tan sinxelo, que se nós somos afortunados hai moitas outras persoas ao noso arredor que non o son. Que a felicidade, se existe como tal, debemos procurala cada día, pero hai moitas persoas que o teñen ben máis difícil ca nós. 
Ata aquí, estaría ben. Pero o libro comete un pecado, dende o meu punto de vista, imperdoable. E é que o autor xa nos procura a reflexión el mesmo. Ese exceso de didactismo que tantas veces se ten denunciado na Literatura Infantil e Xuvenil ten aquí o cupo cuberto. Boto de menos que os relatos presenten estas situacións e só iso: non nos dean o traballo feito, por favor, deixen que sexamos nós, lectores e lectoras, quen fagamos as nosas propias reflexións e cheguemos ás nosas propias conclusións. O autor diríxenos coma se fósemos monicreques polo carreiro que, evidentemente, é o correcto. Pero eu, como lectora, quero tomar o carreiro que eu elixa. E quero que o meu alumnado faga o propio.



Nós cantar cantamos: o libro

O curso pasado participamos nunha actividade conxunta co IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín. Unha actividade preciosa da que damos conta aínda agora e que unía con poesía o Día de Rosalía co Día da Poesía. Sempre estamos a tempo!
Recollo as palabras do irmán Mario e do blogue da biblioteca A Marela:

Comezamos o ano pasado e case non chegamos.
Tiñamos que poñerlle o ramo ao ano de Rosalía (2013). Pensamos en escoller trinta e seis poemas de trinta e seis mulleres. Trinta e seis e trinta e seis baixo o lema “Nós cantar cantamos”, pluralizando o verso rosaliano “Eu cantar cantei”.
Así llelo propuxemos a alumnas e alumnos do IES “Pintor Colmeiro” de Silleda e do IES “Ramón Mª Aller Ulloa” de Lalín. Deles e delas saíu a selección.
As ilustracións fixéronas desde as aulas do Bacharelato de Artes de 2º BAC do IES “Ramón Mª Aller Ulloa”.


25/02/15

No Exit



Vía

Planet Under Pressure

 Os ricos presionando para ter que comer e agravando o cambio climático:





Vía

24/02/15

¡Monstro!



Vía

Tío Budo


A editorial Fulgencio Pimentel e hijos é quen publica este orixinal álbum de Víctor Coyote Tío Budo. Divertido álbum dirixido aos tíos, e no que dous sobriños tentan convencer a seu tío de que rasure a barba. E non só isto: o libro inclúe o "Manual do perfecto tío". Xa vedes, se tedes por aí un tío ou unha tía a quen facerlle un agasallo e que está acostumado a exercer como tal, aquí tedes o mellor dos presentes. E é que este libro é unha tenra homenaxe á relación que se establece entre tíos e sobriños, cunhas ilustracións que chaman a atención, afastadas de calquera sensiblería e ás veces ben escuras, en todo caso sempre absolutamente deliciosas. Como o álbum remata con esa guía que vos comentei, poderedes comprobard se realmente sodes ou non bos parentes, se facedes tan ben aquilo que criades que si, ou mesmo ata que punto ser tío significa ser transgresor, xa que para educar estás as mamás e os papás. Esta guía vén en formato cómic.








Eu son Rosalía

Eu son Rosalía. O club de lectura pola Igualdade do IES Laxeiro tamén é Rosalía:


Hoxe, un libro, unha flor.



Google tamén é Rosalía!!!

23/02/15

Tecate Box

Que un home cante na ducha está mal porque é alfo moi feminino. A violencia é de homes, por iso "cómpreche ver máis Box". O colmo: 



Ver un filme de amor? Por favor! Iso só o fan as mulleres! Non sexas nenaza!!!:


El paraíso perdido


Descubrir este libro é un pracer para todos os sentidos. Polas ilustracións de Pablo Auladell, a quen lle debo terme achegado a este texto de John Milton, que non lería se non fose pola oportunidade que nos ofrece arestora a editorial Sexto Piso. Unha visión sobre a rebelión de Satanás e a caída de Adán e Eva que eu non coñecía. Todo isto, en conxunto, nunha edición extraordinaria, luxosa, perfecta. Pablo Auladell, nun traballo impresionante, representa os versos de Milton dun xeito ben ecuánime, sen caer en modas relixiosas. Milton utiliza pasaxes dos evanxeos para reflexionar sobre o papel dos demos, de deus, dos homes, compoñendo máis de dez mil versos para falar dunha dobre expulsión: a de Satán e a de Adán e Eva; con esta obra, é un dos pais da cultura europea dos últimos séculos. Pablo Auladell engade forza narrativa ofrecéndonos un Satanás ambicioso e rebelde que se pode relacionar cos antigos mitos. Leremos en imaxes potentes a luz, a escuridade, a guerra, os demos e os anxos, a forza do paraíso, o pecado, a serpe... ata chegar á vergoña, ao oprobio, ao sufrimento. Ao final, o home converterase nun ser efémero pola seu pecado, e o seu territorio non será precisamente luminoso. Pero foi a súa elección.
Un libro máis que recomendable. Unha alfaia.


Piropos

Humor arxentino agresivo. Falamos dun tema no que non podemos ser permisivas nin tolerantes.

22/02/15

Devoción ciega

A curta podería ser fermosísima e facernos chorar, pero analizándoa entramos nunha cotiá noción de machismo e no mito de "amor romático"; unha muller que se preocupa sobre todo por facer as cousas da casa porque así llo ensinaron, que está máis preocupada polo que vai sufrir a súa parella que ela mesma. E el, o perfecto cabaleiro sobreprotector.


As palabras poden matar

Silencio. As palabras poden matar. O medo pode axudar a sobrevivir. Ou a malvivir. Mentres hai vida, hai esperanza. Mentres respiremos, podemos dicir que estamos vivos. Aínda que ao noso arredor só haxa inxustiza, vinganza, pobreza, morte. Vivir como marxinados, vivir baixo a opresión, vivir procurando nun horizonte inexistente unha saída. Pero vivir. E se o Silencio comeza a ter eco, ata é posible, quizais, que algún día ese eco se convirta nunha voz, esa voz nun clamor, ese clamor en solidariedade, esa solidariedade en forza, esa forza en remuíño... Ou non. Quizais todo sexa unha ilusión. Vivir nunha situación marxinal pode reverterse? Está a sociedade preparada para que exista tal cambio? Sempre existe a disxuntiva, escoller entre o ben ou o mal? O mal predomina, manda. Impón a lei do Silencio. A lei do medo. E así, subxugados por ese medo, percorremos o mesmo camiño cada día. Sen saír dese estado. Ou quizais, toleando. Porque ese ser "tolo" é un xeito de fuxir da realidade, unha maneira de soñar, de atrapar un horizonte que nos estaba vedado. Existe esa liña do horizonte, esa que nos impide ver un mar límpido de liberdade? O pasado é cruel, o futuro... existe? Podemos conseguir unha paz duradeira? Somos quen de erradicar o Mal das nosas vidas?
Marcos Calveiro, unha vez máis, incide nun problema social que nos deixa cheos de interrogantes e que procura na nosa alma a desazón que esquecemos cada día por vivir nunha sociedade máis acomodada que a que nos presenta. As palabras poden matar foi finalista do premio Verne o ano 2014 e vén de se publicado por Xerais. Agora, o lectorado adolescente ten a palabra. Agardámola.


Non á violencia contra as mulleres (CDII)

Rap da "Batalla dos Galos" contra a violencia de xénero :

21/02/15

Feast

 Unha curta divertida para esta noite de sábado, directamente dende "El árbol rojo":



Premio Annie 2014 Mellor curta.

Una montaña de amigos

Kerstin Schoene é o artifice deste Una montaña de amigos que publica Kókinos. Fermoso álbum que na contada serve para interactuar, xa que cómpre darlle voltas ao libro e xogar con el. Unha narración sobre o poder da amizade, da solidariedade e da empatía. Un tenro álbum delicioso que reflexiona asemade sobre o poder de cadaquén para tentar alcanzar o propio soño. Con amigos, todo é posible. E o lector/lectora será un deles. Se ademais, vos gustan os animais, este é o libro axeitado para ler antes de durmir.




20/02/15

Hisense ULED

Curta sen palabras realizada  por Embar Lab.



vía

Los libros en The New Yorker

Que mellor que o humor? O libro que vos propoño hoxe é Los libros en The New Yorker. La literatura en viñetas publicado por Libros del Asteroide. Máis de duas centas viñetas que apareceron na revista "The New Yorker" dende 1925 cun tema: o libro, en catro seccións: autores, editores, lectores e libreiros. Con moito humor. Os escritores están reflectidos cun ego inconmensurable; os editores viven nunha burbulla altanera, os lectores son pedantes e os libreiros quixeran pertencer a algún desoutros tres mundos.
Para pasar un tempo de lectura ben divertido!







Libro do Mal Amor (IX)

Esta entrega fíxose de rogar, ben o sei, pero xa vedes que mereceu a pena. Hoxe traémosvos os haikus de Antonio Reigosa, Xavier Queipo e Rosa Huertas. Os dous primeiros ilustrados por Mar García e o terceiro por Arancha.





19/02/15

Un anaquiño de horizonte

Arturo Abad e Miguel Cerro son os artífices de Un anaquiño de horizonte que publica OQO. O anceio por descubrir o que se agocha detrás de máis alá do que vemos, ese "infinito" que non debe ser tal, ese querer saber máis do ser humano que ten permitido descubrir e inventar. Este é o argumento deste libro que temos nas mans. E nesa procura hai quizais unhas regras que debemos cumprir, sobre todo, a tenacidade é unha arma fundamental. Por iso o noso protagonista, podea e xoguetón, desexa saber que segredos agocha o horizonte, pero este resísteselle.
A necesidade de alcanzar os nosos soños, a constancia como virtude, e a educación como base -aceptar sempre as regras do xogo para participar- son as bases para que poidamos conseguir ese anaco de horizonte como agasallo.
Se o texto é poético, non o son menos as ilustracións, cheas de cor, metáforas e tesouros agochados.





Sen príncipes

Ilustracións de Saint Hoax nas qu se di  ‪#‎AdiósCupido‬‪#‎SaveYourself‬  e adeus aos príncipes azuis.






18/02/15

Fol'amor

Curta sen palabras da escola de Gobelins:



Vía

Augusta e os seus medos


Celebramos a publicación na editorial Xerais dun álbum ilustrado coma este que hoxe nos ocupa: Augusta e os seus medos é de Sabela Fernández Trelles con ilustracións da que foi a miña prezada compañeira de traballo Alicia Suárez. Un libro para falar do medo ao descoñecido, do medo á vida, da antisocialización que ten precisamente o seu cerne nesta inseguridade do individuo. A nosa protagonista vive engulida polo medo á propia andaina, sabedora de que non será quen de realizar ningún dos seus proxectos por vivir atenazada polo pánico. Un pánico que poderá solventar grazas á súa propia vontade e á axuda da familia, porque só se pode enfrontar o medo con afouteza, e porque a soidade é a peor das conselleiras cando semella a única posibilidade.




¿Sientes lo que escuchas?

Sentes o que escoitas?
Campaña contra as mensaxes do Reggaeton creada por estudantes de Colombia.
Letras que din cousas coma esta: “Si sigues en esa actitud voy a violarte, eh, así que no te pongas alzadita…”.







Para saber máis, aquí.

17/02/15

Meet Meat

Curta sen palabras da escola de Gobelins:



Vía

Personal

Lee Child gañou con Personal o VIII Premio RBA de Novela Negra, un libro que segue a serei de  Jack Reacher -que conta con 19 entregas-, un ex-policía militar enorme, vagamundo superdotado, adicto ao café e violento. Eu non o coñecía, pero máis ca unha novela negra pareceume un "thriller", unha novela de espionaxe sobre todo que se asenta na personalidade do protagonista e os seus recursos de supervivencia. Este personaxe non é un detective nin un policía como estamos acostumad@s a ler nas novelas negras, senón que é singular, único, unha persoa que vai dun lado para outro cun cepillo de dentes como toda equipaxe. O que máis destaca del, ademais do seu tamaño, será a súa mente matemática, a súa incrible memoria e un gran coñecemento da linguaxe corporal, das armas e mesmo dos idiomas.
Un libro que atrapa, ben escrito e que deixa un pouso de boa literatura cando o pechas.



Música sexista (I)

Future feat. Kanye West - I won

"Un trofeo, gañei un trofeo"/"Un trofeo, he ganado un trofeo". "Desexo por o teu cu de ouro"/"Quiero forrarte el culo de oro". "Cada vez que anoto é coma na Super Bowl"/"Cada vez que anoto es como en la Super Bowl". "A túa nai só fabricou trofeos" /"Tu madre solo fabricó trofeos"


Vía

16/02/15

Nebula

Curta sen palabras da escola de Gobelins:




Vía

Osos

O último agasallo de Kalandraka é esta marabilla de álbum ilustrado polo incomparable Maurice Sendak

Despois do anunciado "ano Sendak" nesta editorial, tiñamos o anceio de recibir máis libros deste autor, e chega por fin ás nosas mans: Osos, de Ruth Krauss data de 1948, pero foi no ano 2005 cando Sendak o ilustra ara converter o libro nunha oseira simpática que dirixe un neno vestido con traxe de lobo. Follealo nestes días invita a disfrazarse canda eles! Un libro ideal para os/as máis pequechos que sorrirán ante este divertido catálogo de osos que nos convidan a entrar en escenas ben curiosas onde os osos son o pano de fondo dun rapaz que persegue o seu cadelo por roubarlle o seu osiño de peluche. Como poder durmir así???
Xenial

Prexuízos


Yang Liu é unha deseñadora que fala dos prexuízos que ten a xente con respecto aos xéneros, ilustrándoos para demostrar o absurdos que resultan.
“Un home debe saber arranxar algo”
“Unha muller sabe cociñar”

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.