Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/03/16

Cara ao leste

Gustoume a proposta que nos fai Antía Nara con Cara ao leste publicada por Xerais. Unha novela curta que precisa dunha lectura demorada pola súa intensidade para afacerse aos dous mundos que nos presenta, o do rural e o da emigración, cunha historia que se vai urdindo dende un nobelo complicado que cara ao final acada un cumio que fomos enxergando moi pouco a pouco e xa cara ao desenlace. Catro camiños diferentes dunhas mozas que tiveran un proxecto común e que agora deberán xuntar de novo esforzos por unha causa que vén a ser a mesma de todas elas, porque a vida tece e destece ao seu antollo e ás veces hai ocasións únicas que deben ser aproveitadas.
Interesante tamén é o xeito de nos presentar a reunión: un velorio no rural, a descrición desa vida que aínda permanece, e ao mesmo tempo as inquedanzas das vidas destas protagonistas que tiveron que saír por onde a vida lles permitiru, ou "a corrente" lles deixou, na procura de novos lugares ou novos horizontes. Ou non tan novos. Vidas difíciles, vidas ensanguentadas, vidas incenciadas e marcadas case sempre polo lugar de orixe e de pertenza a unha clase social. 
E de fondo, unha reflexión sobre un tema candente no noso país cada ano (non necesariamente cada verán, porque aquí como teñamos uns días de calor abafante, abonda): os incendios. 
Reflexión e espello de varios temas nunha novela de escasa extensión dan idea da súa forza: o rural, a emigración, a desigualdade social e de xénero, o caciquismo...

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.