Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/03/16

Esmeraldina, a pequena defunta

Só unha pluma mestra pode falar da morte a un lectorado novo como algo natural e cercano. E conségueo, abofé, Ledicia Costas, aínda que non contenta con iso, intróducenos no mundo do Alén con ledicia e maxín, impedindo caer na sensiblería extrema, aínda que ás veces sintamos que nos quere percorrer unha bágoa ante a perda dunha nena. Falamos de Esmeraldina, a pequena defunta, publicado por Xerais, con ilustracións de Víctor Rivas.  Se nos gustara o anterior libro, este está á mesma altura, ou nun nivel superior, non sabería dicir. A mesma protagonista, Esmeraldina-Escarlatina, só que agora sabemos quen era cando estaba viva, por que morreu tan noviña, o seu gusto pola cociña, e como coñeceu a súa inseparable amiga Lady Horreur. Xa que Esmeraldina terá que se acostumar a ser Escarlatina (os mortos adoptan o nome da causa do seu deceso), coñeceremos tamén como entrar no Inframundo, algo non tan doado, e como tamén nese mundo hai esqueletos bos e malos, aqueles que non aceptan a súa propia morte e aqueloutros que gostan de pasear entre os vivos para asustalos ou mesmo para acompañalos. Si, Esmeraldina terá que aprender moito, mesmo a afastarse dos seus seres queridos, e estes á súa vez terán que aprender a vivir sen ela; non é doado pero así é. Este é o xogo da vida, aceptar a morte porque forma parte de nós. Unha xenial, divertida, tenra e disparatada historia absolutamente recomendable. 
Que sorte temos na Literatura Galega!!! 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.