Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/06/16

Poemas birollos para ler cos ollos

 A palabra poética feita xogo, o xogo da poesía infantil, a poesía é un xogo... Fran Alonso sempre o consegue nos seus libros de poesía infantís: facer que a poesía sexa un xogo e que a lectura poética da infancia non só sexa doada senón tamén imprescindible.
Así é o novo libro que publica Xerais de Fran AlonsoPoemas birollos para ler cos ollos, un libro que prende no interior para destacar que a poesía é un xogo non perigoso pero si adictivo. Moito olliño! Porque este é un libro para nenos e nenas de 6 anos! E se empezan por este e logo non paran? Coido que debemos ter moito coidado con este tipo de estupefacientes. E non só isto, o autor inclúe unha ligazón para que a lectura continúe na rede en forma de videoxogo. Que atrevemento! O que vos eu dicía: un delincuente, este Fran.
Imposible non remexerse neste mundo poético onde sorprende cada nova páxina, cada nube que se agocha ou cada gato que agarda nos cadros e nas letras que xogan e que nos fan virar e revirar o libro unha e outra vez para seguir xogando e buscando novas posturas. 
Queda moi claro que un escritor que innova neste panorama actual é moi, moi perigoso. Eu cumprín advertindo. Se queredes ir á literatura transmedia e perdervos nela, xa é o voso problema.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.