Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/07/16

Horizonte de sucesos

Debido á miña última incapacidade lectora, acudo a axudantas para que me boten unha man. Grazas a Cristina Costela, de 4º de ESO, pola súa lectura deste libro de Anxo Fariña publicado por Xerais: Horizonte de sucesos.



Impactante. Así é como definiría este libro. Grazas a el podemos coñecer a vida dos nenos dentro do centro de acollida e o por qué de estar alí e non coas súas familias. Historias duras e tristes, nenos que ven como os pais maltratan as súas nais ou mesmo a eles, nenos que teñen que mendigar, nenos metidos no mundo das drogas e da miseria, nenos orfos... que non teñen máis remedio que ir a un centro de acollida, pensando que alí terán unha vida mellor cando non é así.
Os nenos definen o centro de acollida coma un burato negro, xa que unha vez que están alí non poden saír, xa que non coñecen outra vida nin outro munda ca o de estar alí metidos, onde lle dan cama, comida... e unha vez que saen non son quen de atopar o seu sitio no mundo.
No centro de acollida os rapaces tentan buscar “flotadores salvavidas” e non caer nese burato negro, ao que tanto lle temen.
Neste libro atópamonos con rasgos biográficos e creo que o autor tenta facer unha denuncia a través dos pacientes de dor crónica, coma neste caso o é o bolseiro que padece migrañas, xa que nun momento, o protagonista pregúntalle ó seu médico se lle daría a un fillo os medicamentos que lle receita a el.
Anxo Fariña cóntanos como un rapaz de dezaoito anos que estaba a piques de comezar o primeiro curso na facultade de Belas Artes entra como bolseiro educador na Escola Fogar do centro de acollida de menores Cidade Infantil Afonso X. Nesa aventura coñece a moitos rapaces e entabla amizade, con algúns máis ca outros, e preocúpase por eles, sempre tentando axudar e dándolles moito cariño, que é o que máis necesitan.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.