Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/07/16

Orfos





Aínda conmocionada. 
Sabía que estabas ben maliño, dende a túa última carta fíxose o silencio, un silencio provocado por unha enfermidade contra a que loitaches canto puideches. E venceu. Eras demasiado bo para que non quixeran levarte a un alén que agora se me antolla máis vivible porque estás ti. E este mundo no que quedamos nós, orfo, é máis terrible dende hoxe. 
Cando comezou a nosa correspondencia? Lembro con ilusión cada nova comunicación na que me facías partícipe dalgunha entrada túa no teu blogue, na que me falabas dalgunha deste blogue... foi o noso amor pola palabra escrita quen permitiu que te coñecese, no mundo das bibliotecas escolares. E dende aquela fíxose realidade algo que sabía, a túa bonhomía, a túa xenerosidade, a túa dozura.
Permaneces e permanecerás connosco. Seremos capaces de construírmos a nación que querías, coa que soñamos? Agardamos que si. Hoxe o día fíxose noite e a noite alongarase demasiado. Pero por ti e contigo o día alumeará de novo nun país que falará a nosa lingua.
Non, a terra non te leva, quédanos a túa palabra, quedan os teus libros e miles e miles de lectores e lectoras que che agradecerán sempre que contigo se iniciaron e engancharon á Literatura Galega. Canto tes feito por todas e todos nós! Canto temos que che agradecer! Canto te queremos!
Grazas, prezado amigo, prezado mestre.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.