Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/11/16

As horas roubadas

Recoñezo un certo escepticismo cando me acheguei á lectura deste libro, As horas roubadas de María Solar, publicado por Xerais. E fíxeno porque a súa autora me pediu que a acompañase na presentación do mesmo na miña vila. Así que constituíu unha certa sorpresa atopar un texto áxil, que se lía con comodidade, cun argumento interesante, onde o amor e o regreso á sociedade da primeiriza transición constituían un reclamo de lectura. Unha momento histórico que volveu a min e me fixo lembrar a xuventude e a vida en branco e negro -a da televisión- ata que se fixo de cor. Pero o que máis me atraeu foi a historia dunha das familias protagonistas e constatar como o dereito de home a humillar á súa muller vén desde longo. Aínda que coido que falta un pouco de profundidade, cando menos a min o que me gustaría fose que esta relación se analizase mellor, aínda que estou segura de que o ánimo da escritora non era tal, senón que foi o de achegarse a esa época dende diferentes puntos de vista, tal como se constata na lectura. Son os cambios sociais daquel momento tamén un aspecto importante que nos sacode dende as súas páxinas, salferidos pola historia primixenia do amor adúltero e oculto dun par de vellos que testemuñan que o amor pode ser eterno. E a carón deste amor, o amor adolescente, o amor primeiro, o desamor... e as convencións sociais que reinaban no ano 79. Non sei se cambiaría moito a nosa sociedade en moitos sentidos, vendo o retroceso que estamos a vivir hoxe en día.
É pois unha novela que se le doadamente, que atrae, aínda que a min vólveme a ocorrer o que tantas veces: moléstame a voz dun narrador que nos leva da man por onde el quere.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.