Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/03/08

Bolboretas monarca

O ascenso das temperaturas obriga a millóns de bolboretas monarca a voar cada vez máis alto nas montañas mexicanas para invernar.

As pólas do "oiamel", abeto mexicano de altura, filtran a máis de cincuenta metros do chan o sol templado de inverno. Nos frondosos, avesíos e silenciosos bosques de Michoacán, en áreas que varían de ano en ano segundo o seu capricho, millóns de bolboretas monarca -en multitudinaria danza, pegadas aos troncos ou colgadas en palpitantes acios- búrlanse do frío polar que abandoaron un mes e cinco mil quilómetros atrás.
Acaba outubro e Zitácuaro, Ocampo e Angangueo serán o Benidorm das monarca até que mediando abril emprendan camiño de regreso ao seu fogar estival en Estados Unidos e Canadá. Os seus descendentes, cando morra o seguinte outono, repetirán unha das migracións máis misteriosas e fascinantes da Natureza.
Tan diminuta -11 cm coas ás estendidas- como fermosa, a Danaus Plexippus Linneo é a raíña das bolboretas, capaz de percorrer 120 km nun día, de resistir as condicións variables do clima e de vivir ata nove meses, fronte aos 24 días do ciclo vital doutros lepidópteros. A súa importancia como axente polinizador e factor de equilibrio ecolóxico son enormes, e a súa visita anual a México é en boa parte responsábel da variedade de flores e plantas que alfombran o país.
Durante o verán, a monarca vive ao este das Montañas Rochosas e nos Grandes Lagos. Cando os días comezan a acurtar e baixan as temperaturas, a bolboreta desplázase cara a latitudes máis cálidas, en busca de alimento e de calor para pasar o seu letargo invernal. Algunhas viaxarán ata a costa central de California, outras baixarán ata o profundo México, as máis ousadas poden chegar a Cuba e mesmo culminar viaxes trasatlánticas.
Aínda se descoñece como a monarca lembra a súa rota e repite o seu destino xeración tras xeración. Os patróns de voo son hereditarios, o ritmo cicadiano (o reloxo interno) as impulsaría á diáspora e a posición do sol e os campos magnéticos serviríanlles de compás. Durante o voo, evitan as montañas e aproveitan os ventos do norte que sucan os vales abertos: aproveitan as correntes para planar e só baten as ás para cambiar de rumbo. Se o ar é moi forte pregan as súas ás en "V" para controlar a velocidade, e esténdenas por completo cando a penas sopra lixeira brisa. Voan durante as horas diurnas e pernoctan en grupos sobre as árbores que topan ao seu paso.
No seu mes de travesía, a monarca aliméntase de asclepias, unha plantas tamén chamadas "linguas de vaca" ou "quebramoas" que conteñen un alcaloide velenoso para outras especies, pero que a elas sérvelles de protección. A bolboreta, unha vez asimilou o veleno da planta, adquire sabor e olor desagradables para os depredadores, ao tempo que se viste de pigmentos colorantes. a asclepia serviralle tamén de niño onde depositará as súas larvas no camiño de retorno.
En 1975 descubriuse o santuario michoacano da monarca, a uns 3000 m sobre o nivel do mar. As bolboretas agrúpanse de noite e durante os días nubrados na parte media das árbores, onde os ventos non azoutan e as temperaturas son menos extremas. Aínda así, millóns de bolboretas morren de frío; soamente a metade da poboación sobrevive ao inverno.
A mediados de febreiro comeza o proceso de apareamento: o macho inicia o cortexo perseguindo ás femias e tratando de captivalas: cargará con elas sobre as súas ás e buscará un lugar tranquilo para a unión, que pode durar máis dunha hora. A maioría dos machos morren, exhaustos, tras un desenfreo sexual que pode durar tres días. A principios de marzo millóns de bolboretas baterán as súas ás ata topar unha corrente de aire ascendente que as poña no camiño de volta á casa.
Durante esta segunda migración cada femia depositará uns 600 ovos fecundados, para despois morrer. Catro días máis tarde, estes eclosionan e brotan as eirugas, que comen a casca que as contivo. Durante dúas semanas alimentaranse de substancias tóxicas para os posibles depredadores. Posteriormente formarán a crisálida: despois de doce días emergen as bolboretas maduras que volverán ás colonias de Norteamérica.


Pero o ascenso global das temperaturas -provocado polo cambio climático- levou ás bolboretas a buscar en terreos máis altos o ambiente fresco que necesitan e a adiantar a súa partida.

3 comentarios:

Anónimo dixo...

Preciosa reportaxe, amigos. Se mo permitides, direi que tamén coloniza as Illas Canarias e parte das illas Madeira e Azores e en 1880 descobreuse que se estaba reproducindo en Tenerife. A primeira vez que se detectou a monarca na península Ibérica foi en 1886, en Xibraltar. Hoxe en día sábese que a monarca se reproduce na en Cádiz e Alacante. Durante os meses de outono existen numerosas observacións desta bolboreta nas costas atlánticas europeas: Irlanda, Inglaterra, Francia, Portugal e Galicia.
Os exemplares, que aparecen nas costas europeas durante o outono, chegan aquí despois dunha longa viaxe que atravesa o océano Atlántico, axudadas polas condicións meteorolóxicas desta época do ano na que os ventos dominantes do oeste lle facilitan a súa chegada a Europa.
En Galicia detectouse a monarca por primeira vez en 1980, na praia de Santa Comba en Ferrol. Desde aquel día ata hoxe, avistáronse cinco exemplares e realizáronse seis capturas, todas elas na costa e nos meses de setembro, outubro e novembro.

Un saúdo.

Anónimo dixo...

Arrea!
Este home é unha enciclopedia!

Ronsel dixo...

Tocámoslle a fibra sensible... que era difícil, non creas!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.