Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/04/08

Un dente como arma

A contaminación, a retirada dos xeos árticos e a sobrepesca están a mermar gravemente todas as poboacións mariñas, pero no caso do narval a situación é aínda máis grave: a caza con rifles está levando ao "unicornio do Ártico" á desaparición.
Pese a non ser unha especie en perigo de extinción, esta especie está a diminuír de xeito alarmante. E quizais a única razón do primeiro é simplemente pola escasez de datos sobre este animal.
Os inuits ou esquimós sempre cazaron narvais. Necesítanos para sobrevivir. Dos seus corpos utilizan practicamente todo: a carne para comer, os tendón para facer cordas, os ósos para construír zorras e apeiros de caza, a pel e a graxa tamén lles serve de alimento e como fonte de vitamina C. E... o dente?
Os inuits cambian os dentes por utensilios, comida e abelorios e en Europa estendeuse a lenda de que eran cornos de auténticos unicornios, o que precipitou que adquirisen un valor extraordinario. O verdadeiro animal non se coñeceu até o século XVI.
O narval forma parte da familia dos monodóntidos, unha saga de cetáceos. A súa área de distribución, nas augas do Ártico, fai moi difícil o seu estudo, tendo en conta a súa tendencia a mergullarse baixo o xeo en busca de peixes e luras. Un dos interrogantes máis complicados é saber a utilidade do seu lendario dente, que se valora extraordinariamente nos mercados: o metro págase a 300€. Creuse que servía como defensa ou arma de ataque, pero recentes estudos descubriron que do nervio central do dente saen preto de dez millóns de diminutas terminacións nerviosas, o que o converte nun órgano sensorial extremadamente complexo. Sospéitase que a través destas os narvais detectan os cambios de temperatura, presión e salinidade.
Na actualidade non se sabe cantos narvais quedan, pero o número de cazadores aumenta. O problema é que moitos deles non teñen experiencia e os narvais foxen con balas no corpo para despois morreren na auga sen que ninguén os aproveite. No ano 2004 os expertos reclamaron reducir o número de capturas a 135 exemplares por ano. O Goberno de Groenlandia fixou a cuota en 300. Nos últimos anos o promedio de capturas ronda os 500 exemplares.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.