Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/05/08

Queremos tanto a Julio

En 1994, aos dez anos da morte de Cortázar, a editorial Nueva Nicaragua publicou un pequeno libro-homenaxe titulado Queremos tanto a Julio, remedo da súa colección de contos Queremos tanto a Glenda e no que colaboraron non menos de vinte destacados escritores do ámbito hispánico. O título é especialmente elocuente, pois Cortázar sempre foi o paradigma de escritor que espertaba entre nós unha adhesión reverencial que participaba dunha estraña combinación do cómplice e o carismático, ao que non eran alleos o seu compromiso político de entón nin certos indicios de estrañeza fisonómica -altura extraordinaria, ollos separados e o seu recoñecido efebismo, pois por Cortázar (literalmente) non pasaban os anos-.
Ademais dos seus desasosegantes e perfectos contos, que para moitos lectores son o seu cume creativo, Cortázar escribiu Rayuela e para moitos todo cambiou. Aínda que impregnada como poucas do espírito da súa época, moitos a lemos con fruición devota, coa expectación de quen se cre a piques de descubrir os máis segredos arcanos, coa conciencia de dispórnos a vivir unha experiencia iniciática, pois iso era o que outros nos transmitiran. Agora, tempo despois, resabiados e escépticos, podémonos preguntar polas razóns que animaron tanto fervor: A súa audacia formal? A proposta dunha radical opera aperta que non é no fondo senón a negación irónica de toda ars combinatoria ao uso? A súa vontade provocadora? A súa linguaxe, desde o coloquial rioplatense ás simas do lirismo máis exacerbado e máis antisolemne? A concepción radical do poético como instrumento liberador do reprimido? O seu humor desmitificador? A ambición abarcadora do seu potencial significante? Todo isto e moito máis, pero sobre todo a promenade de Oliveira supuxo para moitos un novo ethos, ligado a unha percepción insólita do contixente e o rexeitamento das convecións nun contexto ante todo efectivo e erótico, unha proposta de liberdade onde fundamentar a nosa educación sentimental e a posibilidade dun imaxinario na que proxectar un novo espazo utópico. Hoxe, corenta e cinco anos máis tarde, todo este xigantesco "work in progress" renóvase coa tirada de dados de cada nova e libérrima lectura que Julio (a quen queremos tanto) nos propón.

A inmiscusión terrupta é un conto breve de Cortázar incluído en Último round (1969). Aquí tedes unha curta realizada con el. A característica deste conto é que "se infaventa las malabras y amostiga el mulcho, por lo que es muy fano para diversos fines paravénticos. Espero que les melgue". E se premedes aquí teredes o texto completo, publicado polo blogue No sólo libros. (A narradora coñecédela, estivo hai dous anos no noso centro!)
Eu tan só quería prender en vós a mecha que non se apaga de Cortázar.



Grazas, Marcos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.