Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/10/08

Estética africana



Cando lin, máis ben cando vin, a reportaxe en El Semanal, souben que quería achegárvola. E aquí está. Porque paga a pena, creo, botarlle un ollo e saber máis de culturas tan afastadas e diferentes. E de sacrificios tan estraños a nós, que vivimos outros sen apenas percatarnos. De que falo? Da ornamentación corporal que en África é símbolo de beleza, identidade e madurez. É o fotógrafo Steve Bloom que nola achega.
A decoración corporal en África constitúe unha importante forma de expresión. En toda África poden verse innumerables ornamentos, aínda que os máis abraiantes son aqueles que implican unha transformación (claro que na nosa sociedade temos lifting e demais) moitas veces traumática e dolorosa do propio corpo.




Un dos exemplos máis chamativos é a perforación e deformación do beizo inferior para introducir adornos nel. Na tribo dos muri, Etiopía, cando unha moza cumpre 15 anos extráenselle os incisivos inferiores e perfóraselle o labio inferior. No orificio resultante colócase un pequeno cilindro de madeira, que se irá reemprazando por outros de maior tamaño e despois por discos de arxila ou madeira. Obviamente, para poder comer, o disco debe retirarse, pero este adorno condiciona tamén a súa forma de fabar. Mesmo sen o disco, ao carecer de dentes, a súa fala é distinta á dos homes.




Outra práctica nas tribos de Omo é a escarificación. Consiste en levantar a pel coa espiña dun arbusto, practicar unha incisión e frotar as feridas con cinza, para que forme un tecido avultado, unha cicatriz identificativa. Realízase do mesmo xeito desde hai centos de anos para realzar a beleza dos seus corpos, no caso das mulleres, e cun importante simbolismo, no dos homes.





Tanto os suri como como os mursi seguen a tradición de levar discos nos labios, normalmente de arxila e e circulares, aínda que tamén de madeira. Considérano símbolo de madurez e identidade. Poden chegar a medir 25 centímentros.





Outra característica é pintar a cara con diferentes pigmentos. Os nenos suri fano desde pequenos con ocre e arxila branca, e os amigos locen idénticos deseños para facer gala da súa amizade.











Máis información en El Semanal ou no libro África de Steve Bloom, editado por Lunwerg.

As fotografías están extraídas desta ligazón:
http://morecoolpictures.blogspot.com/2008/05/african-portraits.html



1 comentario:

Anónimo dixo...

É un mundo descoñecido e que nos alucina con cada nova que nos chega. Pero ser diferente non significa ser peor, por suposto

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.