Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/10/08

Exorcismos

Un sacerdote di que Galicia rexistra máis casos de exorcismo que o resto de España porque "a maxia está moi estendida"

José Antonio Fortea destaca a Castela e Valencia como "terras máis cristiás" e "con menos problemas neste campo"

Galicia, onde "a maxia está moi estendida", rexistra máis casos de exorcismo que outros lugares de España, segundo explica o sacerdote José Antonio Fortea con motivo da publicación da súa novena obra 'Memorias dun exorcista' (MR Edicións).

Na outra cara da moeda atópanse Castela e Valencia, "terras máis cristiás, con maior práctica relixiosa e, polo tanto, con menos problemas neste campo", sinala este exorcista, un dos cinco que existen en España.

Fortea, que é sacerdote, arcipreste, teólogo, exorcista e escritor, advirte de que "as grandes cidades promoven tipos de esoterismo moi perigosos", e constata que no mundo, en xeral, hai poucos exorcistas, posto que se trata dun "ministerio considerado excepcional, dado que non hai moitos casos que atender".

Os casos de influencias demoníacas son moitos máis, "pero eses non teñen nada de espectacular", afirma. Malia que non haxa moitos novos casos de exorcismos -uns catro ó ano en España-, o pai Fortea cre que fan falta, "polo menos, máis sacerdotes especializados neste tema para poder responder as consultas dos fieis". "E dicir, tería que haber sacerdotes que puidesen atender a xente dende a experiencia e non dende o que cada un pensa sen coñecer o tema a fondo", sinala.

En España hai cinco exorcistas, tres deles na Provincia Eclesiástica de Madrid. O seu mestre na profesión é o pai Gabriele Amorth, da Diocese de Roma, que sostén que Hitler ou Stalin estaban posuídos. Pero el asevera: "Non creo que haxa nin un só político ou personaxe da vida pública posuído. A posesión é un fenómeno extraordinario que tampouco ten que ver coa vida moral da persoa".

Os "síntomas" dos "clientes" do pai Fortea son cambio de voz, convulsións, transos, berros blasfemos, utilización de linguas non coñecidas polo posuído ou aversión ao sagrado. Non sempre se presentan todos á vez e o "tratamento" pasa por rezos e chamamentos ao demo para que saia do posuído. As sesións normalmente duran entre media hora e tres horas e, aínda que hai casos que se resolven cunha soa visita, outros prolónganse durante meses. Nos quince anos exercendo esta profesión tratou moitas persoas necesitadas neste campo, pero non sabe a cantas porque non leva a conta.

'Memorias dun exorcista' é un libro que se basea no seu diario, no que conta as súas experiencias dende a súa ordenación. "O que mostra -ao longo das súas 352 páxinas- é a vida real día a día dun párroco", relata. Tras esta, a súa novena obra, prepara unha obra teolóxica sobre os aspectos espirituais do exorcismo.

José Antonio Fortea Cucurull naceu en Barbastro (Huesca) en 1968. Estudou Teoloxía en Navarra e Comillas e a súa tese sobre 'O exorcismo na época actual'' foi dirixida polo actual secretario xeral da Conferencia Episcopal Española e bispo auxiliar de Madrid, monseñor José Antonio Martínez Camino, entón secretario da Comisión para a Doutrina da Fe.

E ti que cres?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.