Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/12/08

Tempo de Nadal

Achégovos un artigo publicado por M. Villarverde en Galicia Hoxe. Opinade a ver que vos parece:

Sinónimo forzado de tempo de crise, de tregua ou paz na guerra. E xusto nestes días a Fraga Iribarne non se lle ocorre outra cousa que dicir aló na meseta ou planalto español que Franco, que el saiba, nunca foi un criminal, que quen foi un criminal era Che Guevara. A lei da memoria histórica non lle interesa, prefire que os asasinados polo franquismo sigan enterrados nas gavias, nos foxos, e que non se saiba nada, nin do trebón infame que abateu España.

En Galicia, saiba o señor Fraga Iribarne non houbo guerra civil, o fascismo golpista asolou a Nación galega dende os primeiros días da infamia. Non houbo a penas resistencia. E os mortos cóntanse por milleiros: paseos, levalos ás claudias coa complicidade da noite e da alba ou mencer tristeiro, e que ninguén esqueza que as ordes viñan de sumarísimos de opereta perversa oficiados por cregos impíos e militares sen honor. Aínda era ministro de información Fraga Iribarne, cando axustizaron covardemente a Julián Grimau.

Queremos logo, recuperar a memoria de Blanco Torres, asasinado nun cavorco escuro de Entrimo, Bóveda, e tantos outros. Salvouse Castelao a quen logo chorou e chalaneou cinicamente o propio Fraga Iribarne, cando era presidente da Xunta de Galicia en mans do PP español, que do biligüismo harmónico pasa ou quere pasar ao "cordial" exposto polo escuro Núñez Feijóo.

E por tal nace un meniño de papel nestes días de Nadal, decembro aínda non brizado, para proseguir amocando. Eis o bilingüismo que non é nin harmónico nin cordial, e o único que pretende é sustentar a perversidade da diglosia, disimulando ou autoodio, o autodesprezo cunha pluralidade delirante que a velliña do tute cabrón da vida lle chamaría dislate, disparate.

Pero imos polos vieiros do Nadal no sentido piadoso, e xa as lámpadas e luceciñas de festa e hipocrisía enchen as vilas e as cidades Estado español, e por non ser menos, tamén aquí, na inmorrente nación galega, con galegos e galegas entregados ao cinismo burgués, empoleirados tristeiramente no capitalismo predador. Agora a memoria estoura coma sombras fuxidías nas tempas dos inocentes. A xente xoga á lotaria, coa baraza anodada na alma, no corazón ou o que sexa o corazón.

A tregua da miseria está a chegar; xentes exultantes con papeliños de cores e o boneco de Coca-Cola nas salas de non estar. Trescentos e pico de euros para morrer, e un billete da sorte do paxariño. Un braseiriño para espaventar a friaxe que levan dentro os máis desherdados por mor da cobiza do capital que os grandes administradores do imperio queren resucitar. Morfoloxía da irrealidade, "Canto conto no Nadal"... Poña un pobre na súa mesa de rico-pobre, ata chegar a derrega do delirio e ordenar o medo con ansiolíticos.

Hai que manter o bilingüismo para matar o infinitivo conxugado dos inocentes; dicirlles que Xesús de Nazaret (escríbese así?) ten e tiña o don da ubicuidade e a reencarnación despois do epipaleolítico. Nace en todos os berces, ou rolos a un mesmo tempo e a distinta hora... O milagre-transposición vai medrando nas contornas do mundo. Velo aí de madeira e pedra entre os restos Neandertais dos castros-castelos de Triacastela, como quere Avelino Abuín de Tembra, nobremente escribo e digo. Eis a María nun contrasentido de calquera sinérese sempre apócrifa, como unha contradición nos termos: concibida e ao mesmo tempo inmaculada, concepción por obra de graza dunha Trindade aínda non platónica.

Pero a caravana de bébedos melancólicos prosegue o seu camiño... Para que repetir outra volta as palabras do poeta que quixo ser Antonio Machado? "Mala gente que camina y va apestando la tierra".

Aquí neste mediodía do mar, pola banda do oeste, a xente azarada de angurias, agarda a noite para ver regresar cara á noite do Paseo de Afonso, cabo da oliveira que medra e desmedra na cidade, o envés do tempo que escribo para este Nadal que nos fan vivir.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.