Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/03/08

Pekín 2008

Comezan a escoitarse voces que nos falan do lado escuro destes xogos olímpicos. Mellor dito, do país que os acollerá. Porque, non o esquezamos, China é unha ditadura.


O plusmarquista mundial de maratón, Haile Gebrselassie anunciou que non correrá a proba raíña do atletismo a causa da enorme contaminación que padece o aire pequinés. Anteriormente, Steven Spielberg negouse a participar como asesor artístico nas cerimonias de inauguración e clausura pola actitude chinesa no conflito de Darfur: Pekín, que obtén de Sudán as dúas terceiras partes do petróleo que consome, non só vende armas ao goberno dese país, senón que coa súa presenza no Consello de Seguridade da ONU impediu que a comunidade internacional envíe forzas de pacificación a esa zona, onde xa morreron máis de 200.000 persoas e hai máis de dous millóns de desprazados.
Pero antes, Amnistía Internacional expoñía datos para botarse a tremer: China é o país do mundo onde máis condenas a morte se executan; a pena capital aplícase ata para castigar fraudes fiscais. Sospéitase que os órganos dos condenados sexan aproveitados despois para realizar trasplantes.
A liberdade de expresión non existe. Os medios de comunicación están sometidos á censura e control. Igualmente ocorre en Internet, onde nin sequera aparecen palabras como LIBERDADE.
Os que lixan a imaxe da cidade (toxicómanos, mendigos, prostitutas...) son detidos e enviados a temibles centros de reeducación.
E agora, o Tíbet, do que tamén falamos con Gonzalo Moure, por certo. Si, o Tíbet, invadido polos chineses e que agora sofre máis ca nunca a opresión da ditadura chinesa.




Pero nada disto importa. "Poderoso caballero es don Dinero". E sobre isto, os chineses teñen moito que dicir.

Un xenio do realismo

Din que é o mellor pintor realista do mundo e, a xulgar polo visto, non resulta difícil crelo. Imán Maleki (1976, Teherán) pintor iraní e xenio do realismo, galardoado co premio William Bouguerea e o “Chairman’s Choice” na II Competición Internacional de Art Renewal Center, deixa ver, máis alá da súa mestría, a sutileza do intre.
Os seus debuxos compiten coas cámaras dixitais de 10 Mega píxeles”, aseguran.
Contempla algunhas das súas obras e fíxate en todos os detalles. Asegúroche que non son fotografías...


30/03/08

O día da marmota

Non sei se coñecedes este filme: Atrapado no tempo (Groundhog day, O día da marmota).
Que facer se toda a vida se vivise o mesmo día?
Esta comedia plantexa cuestións de carácter ético sobre como comportarse cos demais, pero tamén de tipo existencial, pois ás veces sentímonos sós ou atrapados e non sabemos como saír dese círculo que os antigos gregos chamaban "o eterno retorno do idéntico". O filósofo alemán Friedrich Nietzsche dixo que os humanos deberiamos aceptar a vida até o punto de chegar a asumir que sempre nos sucedese o mesmo, é dicir, conformarnos co que nos vai ocorrendo de xeito que non nos importase volver a vivilo. As súas palabras son desacougantes: Imos supór que certo día ou certa noite un demo se introducise furtivamente na soidade máis profunda e che dixese: Esta vida tal como ti a vives e a viviches terás que vivila aínda outra vez e aínda innumerables veces; e repetiraseche cada dor, cada pracer e cada pensamento, cada salaio e todo o indiciblemente grande e pequeno da vida.



Vía La lechuza de Minerva

Ampliación da Torre Eiffel

Creo poder afirmar que unha das cousas que máis impresionou ao noso alumnado na recente excursión a París foi a torre Eiffel.



Eiffel DNA é unha proposta do estudo Serero Architects que gañou un concurso de arquitectura para redeseñar "calquera dos espazos públicos e áreas de acceso" da torre Eiffel, construída en 1889 para a Exposición Universal de París. O proxecto ampliará a superficie do chan da planta superior da torre enxertando unha estrutura de Kevlar, poliparafenileno tereftalamida, poliamida sintetizada por primeira vez pola química Stephanie Kwolek en 1965.
Stephanie Kwolek foi homanexeada en varias ocasión polo seu descubrimento, unha fibra cinco veces máis resistente có aceiro, que se utiliza para a construción de cascos, escudos, pneumáticos, luvas de cociña, botes, cables, freos, pezas de avións e chalecos anti-balas. Acumula toda clase de galardóns e honores, como ter sido incluída no "hall" nacional dos inventores en Akron (Ohio), a carón de Thomas Edison ou os aeronáuticos irmáns Wright.
A nova plataforma non require ningunha modificación da estrutura existente. Ampliará a superficie útilde 280 metros cadrados a 580.


Prevese que estea finalizado para o 120 aniversario deste monumento no 2009.

29/03/08

Oh miña querida

Para os meus moi queridos futuros papás...
Esta curta animada do director Börge Ring conta as experiencias dunha parella como pais dunha filla. É unha graciosa e tenra historia contada cunha linguaxe chea de metáforas, que estivo nominada ao Óscar á mellor animación en 1977.




Sempre hai un lugar para a poesía (XXVIII)

Moitas horas no autobús, na excursión a París, dan para falar do divino e do humano e de moito máis. Un alumno preguntábame que é a emoción. Outra que como saber cando estás namorada. Difíciles respostas cando hai que describir sentimentos. Cando non topas a poesía exacta que llelo describa. As palabras soltas non chegan.
O xoves compartín comida con Gonzalo Moure. Na conversa, falou do poeta Raúl Vacas e do seu taller literario. E leunos algúns poemas del. Tamén o fixo despois na reunión co club de lectura. Pero alí na mesa, mentres pechaba os ollos e oía a súa cálida e harmoniosa voz, sentín que non estivese o meu alumno para comprender que é a emoción. Sentir a poesía. Sacar as tripas ao sol.
Tráiovos entón un poema deste autor que me queda pendente na miña biblioteca persoal. Ogallá tivese a voz gravada de Gonzalo e o poema que me leu, pero cando menos disfrutade da lectura deste.


BORRACHOS, GO HOME

Era de noche y me encontré al poeta. Estaba tiritando
de inédito.

RAFAEL PÉREZ ESTRADA: El ladrón de atardeceres.


Sólo nos queda recoger los abrigos y los cadáveres tristes
y salir de puntillas a la noche.
Después recordaremos nuestros ojos y la electricidad
y tus mejillas tiernas y el ruido de los vasos.

Y porque tú no te vayas me beberé la luna
en dos segundos,
pasearé a tu lado sin hablarte,
rebañaré los bordes de tus labios
y escarbaremos el mar y nuestra ropa.

Sólo nos queda en esta noche una canción de cuna
un calendario roto, una mentira más y veinte duros
para arreglar el mundo antes del lunes.

Sólo nos queda tu tabaco de pipa y un papel,
y un poema en barbecho,
y una guerra en Kosovo,
y una deuda en tu cama,
y una bomba en el pecho,
y una sed repetida
y un sueño sin hinchar.

Pero nada me importa si me quedo contigo,
mirándote nublado,
recorriéndote loco y dactilar,
arrimado a tu blusa y a tus pendientes azules
y a tu vida,
llenándome de ti, llorándote, aprendiéndote,
mojándote,
mientras miramos
el cielo sin brillantina alguna,
mientras contamos balcones
y cigüeñas dormidas
y pistachos.

Sólo nos queda una pared sin estrenar
y una pregunta
y una ambulancia negra por las calles
y una lata de alubias,
y el zumo de naranja de las sirenas.

Pero nada me importa, como antes,
si te llamo despacio, sin sufijos,
si te aprieto la angustia
con el dedo meñique
y te borro los labios con mis besos oscuros.

Y así, después de apalabrar los bares
y caminar torcidos
te llevaré a buscar en la basura,
te llevaré a soñar en los cajeros
y a gritar en las plazas sin farolas
hasta que llueva a plazos.

Sólo nos queda en esta noche un charco sin abrir
y tu portal sin ascensor y sin bombillas
y tus pecas impares
y la guerra de Kosovo
y una deuda en tu cama
y una bomba en el pecho
y una buena disculpa
cuando llegue a mi casa
y te sueñe descalzo.

Pero nada me importa si me dices tu nombre,
si me enseñas tus uñas,
si te quitas la falda,
si te quedas conmigo.

Publicado en Proceso de amor

Monólogos de la vagina


O meu bo amigo Xabier Campos regaloume este libro hai xa cinco anos, un libro que devorei en pouco tempo e do que cumpría falar.
Esta obra converteuse nun dos grandes éxitos mundiais do teatro. Estreouse nos 90 e gañou varios premios, traducíndose a máis de 45 idiomas e levada ao escenario en 120 países. Escribiuna a feminista estadounidense Eve Ensler, sendo o epicentro dun movemento sen fins de lucro que loita en contra da violencia cara á muller. Escribiuna despois de entrevistar a máis de 200 mulleres acerca do sexo, as relacións amorosas e a violencia de xénero. Foi creada como crítica social chea de humor e sinceridade. Unha chamada á reflexión.



Afronta o tema da vergoña que a cultura machista transmitiu ás mulleres cara ao seu propio corpo e en especial cara á vaxina. Por iso é esta a que se expresa, de xeito simple e forte.
No capítulo The Good Body denúnciase o sutil poder oculto e mediático que nas nosas sociedades demócratas impón unha certa idea da muller e do corpo feminino, en especial a través da publicidade, onde os homes impoñen ás mulleres un modelo de muller: céntrase no tema da obsesión do corpo perfecto, que non envellece nunca e sempre está tonificado.




Estaba preocupada polas vaxinas. Estaba preocupada polo que pensamos das vaxinas e aínda máis preocupada de que non pensemos nelas (...) Así que decidín falar coas mulleres acerca das súas vaxinas, facer entrevistas sobre as vaxinas, que se converteron en “Los monólogos de la vagina”. Falei con mulleres vellas, mulleres novas, mulleres casadas, solteiras, lesbianas, profesoras universitarias, actrices, executivas, traballadoras do sexo (...) Ao principio eran reacias a falar xa que se sentían un pouco tímidas. Pero unha vez que arrancaban non podías paralas”.

28/03/08

O home e a auga

Un precioso alegato de Joan Manuel Serrat á fonte da vida.



video

Xeometría fractal

Un fractal é un obxecto semi xeométrico cuxa estrutura básica se repite a diferentes escalas. O termo foi proposto polo matemático Benoît Mandelbrot en 1975 e deriva do Latín fractus, que significa quebrado ou fracturado. Moitas estruturas naturais son de tipo fractal.
Un fractal natural é un elemento da natureza que pode ser descrito mediante a xeometría fractal. As nubes, as montañas, o sistema circulatorio, as liñas costeiras ou as folerpas de neve son fractais naturais.

Non o cres? Pois mira, mira...

27/03/08

Visita de Gonzalo Moure

Agora mesmo, nove e media da noite, estou a chegar da reunión do noso club de lectura. Unha reunión tan especial que quedará impresa nas nosas memorias e seguro aloxarase nun lugar recóndito ata que dentro de moitos anos os nosos soños nola devolvan nitidamente, a toda cor. Sento a escribir coa maxia na man, cun sorriso no corazón, e cos ecos do Sáhara na cabeza. Son consciente dos agasallos que ás veces nos chegan en forma de persoas. E son consciente de que entre toda a tristura dos acontecementos hai luces que fan fracasar os naufraxios perennes. Sei que hoxe avanzamos un paso máis na inconsistencia que nos dá a vida e nos miles de enigmas -sen solución- que esta nos dirixe.
Tres horas estivemos a falar con Gonzalo Moure. Máis falou el, claro, xa que -estrañamente- os integrantes do club de lectura estaban máis calados do habitual. E eu miraba as súas faces e percatábame de que o estaban porque escoitaban abraiados ao noso convidado, fascinados coa súa conversa. E esta acabou viaxando dende o Sáhara ata a mente, pasando polos soños dos animais e sobre todo pola literatura, a arte, a cultura e a vida. Porque do divino e o humano falamos nestas tres horas que a nada chegaron. Ata de física cuántica debatemos! E a frase: "la campana que no suena toca el silencio".
E quedámonos con aquilo de que "a literatura non é diversión. Le porque te vas emocionar, porque vas sentir cousas novas, le para ver que pasa".
E seguiremos lendo no noso club e no devir cotián dos nosos días, porque estou segura de termos lectoras e lectores que saben e senten e preguntan aínda que non topen resposta.
E como ata tivemos o luxo de ter un fotógrafo profesional, xa colgarei as fotos noutra ocasión. Porque este post só quería ser un pequeno agradecemento a tanta xenerosidade.
Grazas Darío pola oportunidade.
Grazas Gonzalo pola compañía.

Homenaxe aos nosos teatreiros

Hoxe, 27 de marzo Día Mundial do Teatro, chegou a hora de rendirlle esta humilde homenaxe aos nosos grandes teatreiros. Foron dous anos nos que compartimos con eles moitas cousas: ensaios, broncas, choros, risas, algún que outro bocata e sobre todo, a paixón polo escenario e a interpretación.
Horas e horas ata ser unha gran familia: mamá Gracia, papá Anxo e unha morea de fill@s teatreir@s. E a eles vai adicada o noso artigo nun día coma o de hoxe. Con todo o cariño do mundo.



"Unha noite, en tempos inmemoriais, un grupo de homes reuniuse nunha canteira para se quentar arredor do lume e contar historias. De súpeto, un deles tivo a idea de se erguer e utilizar a súa sombra para ilustrar o seu conto. Usando a luz das lapas fixo aparecer personaxes inmensos sobre os muros da canteira. Os outros, abraiados, recoñeceron un por un o forte e o débil, o opresor e o oprimido, o deus e o mortal."

Un xesto de amor

Un deses anuncios publicitarios que fan que se nos encolla o corazón. Un golpe directo ás conciencias.



video

26/03/08

Vivín na Lúa

Non me chamedes monotemática por pórvos tantas curtas animadas, ben sei que temos lectores e lectoras que piden máis... e hai cousas preciosas, realmente.
I lived on the Moon é o título desta marabilla animada que gañou o premio a Mellor Filme no Internet Film Fest Berlin 07. Mundo máxico ou real. Un soño ou un conto sen palabras.



Vía Capítulo 0

Gonzalo Moure

Mañá o noso club de lectura, Momentos de silencio compartido, será visitado por Gonzalo Moure. El falaranos dos dous libros escollidos para esta ocasión, El beso del Sáhara e Palabras de caramelo, ademais do seu compromiso persoal con pobo saharaui. Agardámolo con impaciencia, xa que a experiencia con Fran Alonso foi inmellorábel, e o noso alumnado está desexoso de compartir as súas lecturas co autor. Mañá contámosvos.
De todos os xeitos, se queredes saber máis sobre o Sáhara e o noso club de lectura, non tes máis que ir á ligazón que tes a túa dereita.







Triki Triki Triki

En Capítulo 0 vemos este anuncio que presenta unha visión alternativa dun tema recorrente: as viaxes. Simpático, non?

25/03/08

Escravos do fútbol

Dan Macdougall conta a miserable situación na que se atopan miles de mozos africanos que empeñan todo o que teñen para entrar en esolas ilegais de fútbol, onde as falsas promesas dun contrato nunha liga europea lévaos á ruína familiar e a viaxes, ás veces, mortais en patera.
Hai familias que venden a súa casa e trasládanse a vivir á cidade coa fin de matricular aos seus fillos nestas academias ilegais. Calcúlase que hai sobre unhas 500. Entrenadores locais e intermediarios europeos e árabes dispútanse os mellores xogadores e fannos asinar, a idades tan temperás como os 7 anos, precontratos. Son un xeito de mercalos ás súas familias coa esperanza de sacer centos de miles de euros cando vendan a estes rapaces a equipos europeos.
Organización benéficas e ONGs están facendo oír a súa voz na actualidade para deixar patente a súa preocupación polas actividades das academias irregulares de fútbol. A explotación de futbolistas novos ten sido calificada de nova versión de "comercio de escravos" e por toda Europa está deixando tras de si un tráxico legado de xente nova futbolista que vive na mendicidade.

Le todo o artigo pinchando aquí: Nenos escravos do fútbol

Papiroflexia

Ultimamente estou a descubrir unhas curtas realmente sorprendentes. Espero que sexan do voso agrado, porque a min téñenme fascinada, realmente. A seguinte conta en apenas dous minutos como un personaxe que practica o origami nunha cidade síntese motivado a cambiar o seu contorno.
Joaquín Baldwin é un xove animador paraguaio afincado en EEUU que nos lanza unha mensaxe ecolóxica mediante esta historia simbólica. Con ela levou o premio do xurado no Popyy Jasper Film Festival de Canadá.



24/03/08

Dillo con flores

Unha pinga de humor para o final das vacacións (ou unha maneira perfecta para conquistar!)


video

Retos matemáticos... e non tanto (II)

A petición do noso habitual lector bolbor aquí vos traio un par de novos retos para que vos escachedes a cabeza. Se sabedes a resposta non dubidedes en facela pública...sorte!

Reto 1.- O xurado do proceso de dous homes acusados de asasinato declara culpable a un deles e inocente ao outro. O xuíz diríxese ao culpable e dille: "¡Este é o caso máis raro que vin na miña vida! Aínda que a súa culpabilidade está máis que probada, a lei obrígame a poñelo en liberdade"
Como é posible isto?

Reto 2.- A suma de tres cifras iguais dá como resultado 60. As cifras non son 20. Que cifras son?

Solucións ao reto anterior:
Enigma 1: unha non é dun euro, pero a outra si
Enigma 2: están ordenandas alfabéticamente
Enigma 3: el mesmo
Enigma 4: 59 ovos

La tercera virgen

Rematei de ler La tercera virgen de Fred Vargas. O bo deste tipo de novelas, policíacas, é que te absorben ata que as rematas, lendo con fruición cada liña, e esquecendo o mundo de arredor. A novela abre varias vías contendo misterio e aventuras e o detective principal non é un detective "al uso", conseguindo que a novela pareza máis lenta do que realmente é ata facer nós case imposibles. Ademais, temos a singularidade dun policía que fala en verso, unha Brigada que parece un reparto dunha obra de teatro e un escenario fabuloso, sobre todo para os que acabamos de vir de La France. Todas as pezas da historia están ben ensambladas, sen faltar o humor. A complexa investigación que pretende acabar cos crimes perfectamente executados pola Sombra é un exercicio deste xénero, dando ao libro un certo carácter fantasmal.



23/03/08

Aria

Unha muller que mira o mar, un amor que sempre se agarda; outra obra de dor esgazada. Da famosa ópera "Madame Butterfly" con música de Giacomo Puccini, esta curta adaptada libremente polo ruso-noruegués Pjotr Sapegin, nado en 1955, e que conseguiu numerosos premios internacionais. Unha animación de gran tenrura, a ver se vos gusta.




Nontodovanserlibros (XXIX)

Din del que é un dos guitarristas máis influíntes da historia do rock dentro dese selecto grupo no que se atopan mitos coma Jimi Hendrix ou Jimmy Page. Coa axuda da tonalidade, o volume e a electrónica fai da guitarra un instrumento de solistas, cunha técnica extremadamente rápida e precisa que lle fixo ser acreedor do curioso alcume de "Slowhand" (Man lenta).



Seguramente a maioría de vós xa deduciriades que o convidado de hoxe a esta sección non é outro que Eric Clapton. O seu estilo musical sufriu múltiples cambios ao longo da súa carreira, pero as súas raíces sempre estiveron no blues. Este músico inglés é recoñecido como un innovador en varias etapas da súa carreira, como son o blues-rock con John Mayall's Bluesbreakers e The Yardbirds, rock-blues-jazz fusión con Cream, y tamén como solista.
Tamén colaborou con The Beatles na gravación do álbum Branco como solista na canción "While My Guitar Gently Weeps". A súa guitarra eléctrica favorita e máis utilizada é a Fender Stratocaster.

free music

Antes de xulgar...

É indudábel que ás veces tendemos a xulgar os feitos ou ás persoas dun xeito moi apresurado. Velaquí tedes un par de exemplos do que vos estou a falar; iso si, cun chisco de humor, que nunca sobra!


22/03/08

Pola Igualdade da Muller (XXII)

Mira estes escritos que saíron das mentes máis sabias e eruditas. Non deixes de facelo para comprender a raza humana e a súa evolución.


Á vista destes textos, é evidente o difícil que está a ser para as mulleres conseguir a case igualdade co home.

Optimismo

Vin este vídeo en Tutoría GLBT e non podo deixar de traérvolo, a ver se vos gusta:

21/03/08

As mellores do mundo

Telegraph online publica un artigo no que amosan as que son as 50 mellores obras de arte de todos os tempos, así como os lugares onde se atopan e unha somera información sobre como chegar a elas. Hai representación de todas as épocas, desde as primeiras civilizacións até as tendencias modernas, desde o 2800 aC á década dos oitenta do pasado século, desde as primeiras esculturas exipcias até o Pop Art de Warhol.
Entre as españolas foron seleccionadas o mosteiro de Santo Domingo de Silos, As meninas de Velázquez, O 3 de maio de 1808 de Goya e As señoritas de Avignon de Picasso.
Recomendado para os amantes das viaxes de contido cultural.




Día da Poesía

O Día Internacional da Poesía foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO no ano 2000, coa finalidade de fomentar o apoio aos poetas xoves, volver ao encantamento da oralidade, reestablecer o diálogo entre a poesía e as demais artes e lembrar que a convivencia e o diálogo entre as diversas culturas están na base das poesías do mundo.

"Diversa y movediza, la poesía lleva en sí la imagen del presente. Nunca se petrifica: es un ámbito en el que la relación con el mundo y con el sentido, con la cultura y con el lenguaje, se formulan una y otra vez con nuevas palabras. Cada año, el Día Mundial de la Poesía abre un espacio de diálogo y reflexión para afrontar una situación de marginalidad con la que intentan luchar múltiples manifestaciones, ferias y fiestas de la poesía"



Bulimiando la verdad.

Trago amargo de tinta roja.
Desde y hacia:
se devuelve al mundo

el placer.
Lo que queda y crece,
el veneno.
Bulimié en la vereda
el verdadero "expulsar".

Eva Lamborghini



O Orixinal

O meu lapis vermello segue a neve.
Nos pasos liberou palabras novas.

Antes de ti soaban
cara adentro.

Despois de nós falaron.

Tamén era preciso o traballo dos corvos.

"Escuro é o meu reino cando andas".

Tiro ao chan a coroa,
compartimos o tempo
camiño do meu lapis.
"sígueme, non me sigas".

E o tempo, o tempo arde.
Arde sen deixar cinzas.

O noso viño é acedo pero é noso.

María do Cebreiro

20/03/08

Non á violencia contra ás mulleres (XXXII)

En Rumanía, para incentivar as denuncias de violencia doméstica lévase a cabo a seguinte publicidade nos teléfonos públicos, e parece ser que deu resultado: duplicáronse as denuncias.
Agora ben, úsanse alí máis os teléfonos públicos ca aquí?



Leopoldo Nóvoa

A que ía ser primeira colaboración entre Trafegando ronseis e Iniciarte converteuse por mor das circunstancias na terceira: primeiro atendemos ao aniversario de Laxeiro e logo a Maruja Mallo pola Igualdade da Muller. É, por tanto, para ambos, Leopoldo Nóvoa un dos mellores artistas galegos actuais, e con el proseguimos a nosa serie de traballos colaborativos que a propia maxia da Blogosfera nos seduciu...

"Creo que toda a miña obra foi un intento permanente por recuperar a miña galeguidade” 24-VI-2005. Discurso de L. Nóvoa no seu ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes.
Nado en Salceda (Pontevedra) en 1919, segue, como tantos outros galegos, o camiño de ultramar. Nos anos da guerra civil estabelécese en Uruguay e entra en contacto cos fértiles círculos intelectuais do exilio. Lembremos que unha parte significativa dos intelectuais, escritores e artistas galegos estaban alí. Boa parte da obra de Colmeiro, de Laxeiro tamén, está pintada en Buenos Aires; alí escríbense o publícanse libros capitais; alí está Luís Seoane, home ponte entre a cultura galega e a arxentina. De Buenos Aires chega a edición da Historia de Galicia de Otero Pedrayo; o deseñador das portadas é Leopoldo Nóvoa. Sorprende o estreito parentesco que estes deseños manteñen coa obra máis recente do artista. Neles faise presente a FACE máis recoñecible de Leopoldo Nóvoa, o enigmático alfabeto da súa linguaxe.

É nas dúas cidades rioplatenses, Montevideo e Buenos Aires, onde se manifesta, arredor dos 50, a vocación plástica de Leopoldo Nóvoa. Referentes pictóricos?: A Torres-García débelle a convición de que é posíbel abordar un tipo de pintura construtivista non nihilista; humanizada. Como Luís Seoane, cre que é factíbel definir un lugar de síntese entre a arte popular e a vangarda; unha mirada diferente sobre os obxectos cotiáns.

Como sucede coa inmensa maioría dos artistas da súa xeración, Leopoldo Nóvoa empezou sendo un pintor figurativo. Non elude os rigores do debuxo, os labores da pincelada, as estratexias da composición. Pero xa palpabrexa un afán por fuxir dos límites do cadro; coma se non se sentise satisfeito no soporte tradicional; coma se necesitase un novo medio de expresión; coma se ambicionase algo que a pintura non lle podía dar.
A primeira resurreción de Leopoldo Nóvoa como artista prodúcese no período no que decide emprender unha obra titánica: O Mural do Cerro, a principios dos sesenta. Nel topa unha moral de traballo, unha nova poética e novos materiais.

Leopoldo Nóvoa abandona a pintura figurativa. Topa a súa propia poética. Pór orde ao caos ou someterse ao caos? Este vai ser, a partires de agora, o dilema que move toda a súa obra. Nace un artista guiado pola radicalidade, pola soidade. Dunha obra titánica xorde unha linguaxe silenciosa, sintética, serea. Todas as obras de Leopoldo Nóvoa están alentadas por un instinto poético; son extraordinarios poemas visuais.
Leopoldo Nóvoa decide instalarse en París no ano 1965. Alí atopa un público. As súas obras máis significativas manteñen a vocación de saírse dos límites do cadro, envexando en certo sentido a escultura. Son baixorelevos silandeiros; feridas de luz nunha superficie enigmática. Branco, vermello, azul, cores solitarias. O rotundo artista pode asumir a poética da levidade, expresar un mundo alixeirado de peso, comunicar desde o silencio.

No ano 1979 un incendio destrúe o seu taller. O lume fai desaparecer moitas das súas obras e obriga a Leopoldo Nóvoa a unha recapitulación, non se conforma con reescribir a obra perdida, topa un novo material: a cinza. A luz pode ser negra. A cinza converterase na materia prima de moitos dos seus cadros. Negro sobre negro, pero negro sobre vivo, tremente, inquedante. Algúen que pinta con cinzas crea sombras sobre sombras.

Pero existe un Leopoldo Nóvoa de pinturas negras e un Leopoldo Nóvoa de pinturas brancas. Complementándose. Existe un Leopoldo Nóvoa que enxalza o caos, a destrución, o lume, e existe un Leopoldo Nóvoa sereno, contido, silandeiro. Esta é a contradición que fertiliza a súa obra.

A principios dos 80 a súa obra comeza a ser recoñecida en Galicia e no resto de España. Aporta á plástica galega unha conciencia da modernidade. Preto do mosteiro de Armenteira constrúe a súa casa-taller, cunha fiestra ampla que mira á ría. Sorprendentemente, é a reflexión sobre a natureza a que proporciona moitos elementos á obra de Leopoldo Nóvoa. Os seus cadros nunca están encerrados en si mesmos, dialogan co creador, co espectador ou coa mesma paisaxe. Son paisaxes do coñecemento e da meditación.







Para ter máis información sobre Leopoldo Nóvoa podedes ves esta ligazón sobre unha exposición que realizou no Uruguai, un artigo sobre el en El Cultural ou unha listaxe coas súas exposicións.

Día Mundial da Auga

O Día Mundial da Auga é unha ocasión única para lembrar que mentres nós menosprezamos un ben tan fundamental para a nosa vida, moitas persoas no mundo non teñen acceso á cantidade de auga potable necesaria para a súa supervivencia. Nun mundo que está cuberto nas súas dúas terceiras partes por auga, pode parecer un contrasentido falar de que o difícil acceso á auga potable é a causa de enfermidades e miseria para 1500 millóns de persoas.
Existen tantos xeitos de considerar, utilizar e conmemorar a auga como tradicións culturais arredor do mundo. Sagrada, a auga sitúase no centro de numerosas relixións e utilízase en diversos rituais e cerimonias. Durante séculos, a auga foi fonte de inspiración para a arte, a música, a pintura, a literatura e o cine. Constitúe un factor esencial en diversos ámbitos científicos.
Cada rexión do mundo ten o seu particular xeito de consagrar a auga, pero todas recoñecen o seu valor e o lugar central que ocupa na vida humana. As tradicións culturais, as prácticas indíxenas e os valores sociais determinan o xeito en que as poboacións perciben e xestionan os recursos hídricos nas diferentes rexións do mundo.
A auga, ou máis ben a súa escaseza, é tamén un factor diferencial de sexos: unha de cada catro nenas non remata os estudos primarios fronte a un de cada sete nenos. A explicación ten que ver coa auga: as mulleres e as nenas dos países máis pobres adican unhas 40000 millóns de horas ao ano en ir buscar auga, en moitas ocasións a lugares distantes e perigosos. Nestes países os varóns non realizan este cometido.
O mapa que ves amosa a precipitación anual promedio, en milímetros e pulgadas, do mundo. As áreas verde claro poden ser consideradas "desertos"... fíxate en Groelandia e na Antártida!


Propoñémosche un xogo interactivo de Unicef, non tes máis que pinchar na imaxe e aprenderás xogando a importancia da auga e do seu aforro:

19/03/08

En vaqueiros

O programa da ONU para o Medio Ambiente (PNUMA) lanza un videoclip que xira arredor dos vaqueiros, coa fin de economizar auga e enerxía.
Leva os teus vaqueiros polo menos tres veces antes de poñelos na lavadora, lávaos con auga fría, sécaos ao ar e esquece pasar o ferro: isto equivale a cinco veces menos de enerxía consumida, clama unha parella no vídeo, que se editará en inglés, francés e español.


Viaxar

Vale, vale... xa sei que está en todos os blogues, pero non podo evitar traérvolo, sobre todo despois de vervos en París saíndo da tenda de Louis Vuitton coma se fose de toda a vida... Que glamour se gasta o meu alumnado!!!
Esta publicidade invítanos a reflexionar sobre as motivacións e os obxectivos que hai detrás de cada viaxe... moi propio para estas datas cando somos poucos os que quedamos. É unha produción de Ogilvy & Mather para Louis Vuitton con música de Gustavo Santaloalla:


Debuxos para unha guerra

A acción do seguinte episodio de debuxos animados xaponeses transcorre no ano 1936 (está feito no 34), e nel varios animais enfróntanse a unha invasión estranxeira liderada por Mickey Mouse. É dicir, concienciación das masas, infancia incluída, da perversidade do inimigo. Cal sería a resposta americana?
O peor é maxinar que foi deses nenos que viron esas imaxes. As consecuencias das guerras. O terror. Aprenderemos algún día?



Vía Mangas Verdes

El librero de Selinunte


El librero de Selinunte de Roberto Vecchioni é o último libro que lin... canto tempo sen ler! Esperaba moito máis del, porque lera unhas críticas boísimas, e sempre sucede o mesmo: é mellor achegarse sen referencias.
É un conto, unha metáfora sobre as palabras. Como sen os libros non somos ninguén, porque sen eles perderiamos o poder evocador das palabras. O libreiro é un individuo sublime que sementa as palabras sen preocuparse do lugar en que caen. O malo é que a xente ten tanto recelo ao diferente que se sume na súa propia ignorancia. Todos agás o protagonista, contador da historia, único nese mundo sen verbas; só el terá capacidade para gardar para sempre no seu interior o poder que confiren as palabras, xa que os seus conveciños renegaran delas ata caer na existencia pobre do que vive sen elas.
Este libro é un canto á palabra, ao amor que sente este escritor por elas, un canto aos libros e a todas as historias escritas neles que nos contan a vida e a existencia atravesando o tempo e as épocas.
Como sería a nosa existencia sen palabras? Sen poder expresar o que sentimos, o que nos sucede, o que queremos contar? O cariño, a ira? Cantas situacións pode cambiar unha palabra?



18/03/08

Bolboretas monarca

O ascenso das temperaturas obriga a millóns de bolboretas monarca a voar cada vez máis alto nas montañas mexicanas para invernar.

As pólas do "oiamel", abeto mexicano de altura, filtran a máis de cincuenta metros do chan o sol templado de inverno. Nos frondosos, avesíos e silenciosos bosques de Michoacán, en áreas que varían de ano en ano segundo o seu capricho, millóns de bolboretas monarca -en multitudinaria danza, pegadas aos troncos ou colgadas en palpitantes acios- búrlanse do frío polar que abandoaron un mes e cinco mil quilómetros atrás.
Acaba outubro e Zitácuaro, Ocampo e Angangueo serán o Benidorm das monarca até que mediando abril emprendan camiño de regreso ao seu fogar estival en Estados Unidos e Canadá. Os seus descendentes, cando morra o seguinte outono, repetirán unha das migracións máis misteriosas e fascinantes da Natureza.
Tan diminuta -11 cm coas ás estendidas- como fermosa, a Danaus Plexippus Linneo é a raíña das bolboretas, capaz de percorrer 120 km nun día, de resistir as condicións variables do clima e de vivir ata nove meses, fronte aos 24 días do ciclo vital doutros lepidópteros. A súa importancia como axente polinizador e factor de equilibrio ecolóxico son enormes, e a súa visita anual a México é en boa parte responsábel da variedade de flores e plantas que alfombran o país.
Durante o verán, a monarca vive ao este das Montañas Rochosas e nos Grandes Lagos. Cando os días comezan a acurtar e baixan as temperaturas, a bolboreta desplázase cara a latitudes máis cálidas, en busca de alimento e de calor para pasar o seu letargo invernal. Algunhas viaxarán ata a costa central de California, outras baixarán ata o profundo México, as máis ousadas poden chegar a Cuba e mesmo culminar viaxes trasatlánticas.
Aínda se descoñece como a monarca lembra a súa rota e repite o seu destino xeración tras xeración. Os patróns de voo son hereditarios, o ritmo cicadiano (o reloxo interno) as impulsaría á diáspora e a posición do sol e os campos magnéticos serviríanlles de compás. Durante o voo, evitan as montañas e aproveitan os ventos do norte que sucan os vales abertos: aproveitan as correntes para planar e só baten as ás para cambiar de rumbo. Se o ar é moi forte pregan as súas ás en "V" para controlar a velocidade, e esténdenas por completo cando a penas sopra lixeira brisa. Voan durante as horas diurnas e pernoctan en grupos sobre as árbores que topan ao seu paso.
No seu mes de travesía, a monarca aliméntase de asclepias, unha plantas tamén chamadas "linguas de vaca" ou "quebramoas" que conteñen un alcaloide velenoso para outras especies, pero que a elas sérvelles de protección. A bolboreta, unha vez asimilou o veleno da planta, adquire sabor e olor desagradables para os depredadores, ao tempo que se viste de pigmentos colorantes. a asclepia serviralle tamén de niño onde depositará as súas larvas no camiño de retorno.
En 1975 descubriuse o santuario michoacano da monarca, a uns 3000 m sobre o nivel do mar. As bolboretas agrúpanse de noite e durante os días nubrados na parte media das árbores, onde os ventos non azoutan e as temperaturas son menos extremas. Aínda así, millóns de bolboretas morren de frío; soamente a metade da poboación sobrevive ao inverno.
A mediados de febreiro comeza o proceso de apareamento: o macho inicia o cortexo perseguindo ás femias e tratando de captivalas: cargará con elas sobre as súas ás e buscará un lugar tranquilo para a unión, que pode durar máis dunha hora. A maioría dos machos morren, exhaustos, tras un desenfreo sexual que pode durar tres días. A principios de marzo millóns de bolboretas baterán as súas ás ata topar unha corrente de aire ascendente que as poña no camiño de volta á casa.
Durante esta segunda migración cada femia depositará uns 600 ovos fecundados, para despois morrer. Catro días máis tarde, estes eclosionan e brotan as eirugas, que comen a casca que as contivo. Durante dúas semanas alimentaranse de substancias tóxicas para os posibles depredadores. Posteriormente formarán a crisálida: despois de doce días emergen as bolboretas maduras que volverán ás colonias de Norteamérica.


Pero o ascenso global das temperaturas -provocado polo cambio climático- levou ás bolboretas a buscar en terreos máis altos o ambiente fresco que necesitan e a adiantar a súa partida.

Kama Sutra lectora

Distintas posturas para ler, buscade a que mellor vos conveña... aínda que creo que as faces non son as máis axeitadas!!! Publicounas Lia González en Información 2.0:



O gato Simón

Realizadas por Simon Tofield para a produtora británica Tandem Films, son polo de agora dúas boísimas historias de animación sobre as relacións entre gatos e humanos.






Vía Capítulo 0

Michel Onfray e o ateísmo

Diferentes camiños levaron a centos de persoas pola opción non-relixiosa. O 93% dos científicos máis eminentes dos EEUU non crían nun deus persoal, resultado similar no Reino Unido. A maioría dos Premios Nobel de Ciencia son ateos, ao igual que a maioría da elite intelectual do mundo. Un destes intelectuais é o filósofo francés Michel Onfray.
Este naceu nun fogar moi pobre e foi abandoado aos dez anos; aos 28 anos sufriu un infarto e logo dous derrames cerebrais. Vive de xeito sinxelo, cre que a vida debe levarse pesando máis o ser que o ter.
Para el, as relixións son unicamente instrumentos de dominación e de alienación. Afirma que os tres monoteísmos profesan o mesmo odio ás mulleres, á sexualidade e detestan a liberdade. A dúbida non é filosófica, é metodolóxica e prepara o terreo á solución filosófica. Así a utilizou Descartes. Conformarse coa dúbida é deterse no medio do camiño, un filósofo ten a obriga de facer chegar o seu pensamento a algún lado. De todos os xeitos, son os que afirman a existencia de Deus quen deben demostrala. Porque se non é así, podería afirmarse calquera cousa -como por exemplo a existencia dos unicornios-, pedir ao interlocutor que probe que o que un di é unha necidade e, fronte á súa incapacidade para demostralo, concluír que o que se está a dicir é a verdade.
Asegura ademais que prefire unha verdade que doa a unha mentira que calme. Pero cada un pode preferir o opio da ilusión á realidade. As relixións invitan a vivir na expiación co pretexto de que vivir como se un estivese morto aquí abriranos a vida eterna unha vez mortos. Cómpre popularizar a filosofía para reconciliar o home consigo mesmo, co seu corpo, a súa vida, os outros e o mundo, sen que teña que pasar por todas esas ficcións relixiosas. Pero sempre haberá relixións porque estas viven da anguria e do medo dos homes.


17/03/08

Paz sen fronteiras

O cantante colombiano Juanes foi o artífice do concerto baixo o lema "Paz sen fronteiras" celebrado onte na fronteira entre Colombia e Venezuela. Durante máis de catro horas o público escoitou os cantantes españois Alejandro Sanz e Miguel Bosé, o dominicano Juan Luis Guerra, o ecuatoriano Juan Fernando Velasco, o venezolano Ricardo Montaner e o colombiano Carlos Vives:
Ecuador rompeu relacións con Colombia e despois sumáronse con accións similares Venezuela -que expulsou os diplomáticos colombianos e militarizou a fronteira- e Nicaragua. A crise concluíu o pasado venres no Cumio do Grupo de Río en Santo Domingo cando os presidentes Álvaro Uribe de Colombia, Rafael Correa de Ecuador, Daniel Ortega de Nicaragua e Hugo Chávez de Venezuela fixeron as paces.




Vía La Huella Digital


Só no espazo

Unha curta en flash do animador grego Ilias Sounas cun final bastante inesperado.



Vía Capítulo 0

Os mesmos acordes

Certamente, só con cinco notas podes "guitarrear" ducias de cancións sen equivocacións.



16/03/08

Viaxe hipnótico pola ilusión

Ofrecémosche a posibilidade de mercar un billete para este voo polo fascinante mundo das ilusións ópticas e os paradoxos que o creador Eugen Erhan nos ofrece nesta curtametraxe.
Unha homenaxe máis ao noso admirado M.C. Escher

Humor para a reflexión

Seguimos reclamando a PAZ de todas as formas que se nos ocorren (e non nos cansaremos de facelo). Hoxe toca mostrarvos estas viñetas que atopei navegando pola rede.

Preme nelas para velas máis grandes


15/03/08

Clásicos do rock

Definitivamente, hoxe estou disposto a tirar a casa pola ventá e darvos outro pequeno agasallo en forma de música. Navegando, navegando... atopei esta preciosa ferramenta pola rede na que podemos escoitar ata 15 cancións diferentes dos nosos artistas favoritos cun simple click.

E que mellor para estrenala que facer unha viaxe por algún dos clásicos indispensables (para min) da historia do rock. Sei que faltan moitos, pero xa dixen que tiñan que ser quince!
Abrídevos ben de orellas!!

Cultura xeral

Déixovos un xogo para as vacacións. Responde a todas as preguntas correctamente e verás unha curiosa imaxe. Por certo, tamén che servirá para practicar o teu inglés!!

Veña, anímate!

Hitchcock e os matemáticos

Por moito que Alfred Hitchcock presente no seu filme "Strangers on a train" a este matemático borracho e cantarín, dou fe que non todos os matemáticos somos así!!
Polo menos no primeiro aspecto; respecto ao segundo non podo falar moi alto. Non credes?
Agardo que botedes unhas risas con este pequeno fragmento do filme.

14/03/08

Polución e xogos olímpicos

A perenne polución de Pekín vai ser un convidado de pedra durante a celebración dos próximos xogos olímpicos. A capital chinesa investiu 12.300 millóns de dólares nunha década para atallar un problema crecente que pon en tela de xuízo a idoneidade de celebrar alí a principal competición deportiva do mundo, pero os resultados, a pesares dos avances, seguen sendo insuficientes. Beijing absorbe diariamente un millar de vehículos novos ao seu tráfico rodado, a febre urbanística continúa e o crecemento económico non cesa, o que serve de contrapeso ás máis de 30 medidas ecolóxicas que ata o día de hoxe se teñen implantado.



O propio presidente do COI, o belga Jacques Rogge, afirmou no seu momento: "A pesar de todos os esforzos, o tempo pódese estar esgotando e as condicións requeridas para a competición dos atletas nas disciplinas de resistencia poderían non ser do cen por cen nun día determinado". Engadiu ademais que algunhas probas de especial dureza poderían chegar a ser reprogramadas a causa da deficiente calidade do ar "para que así sexa escrupulosamente respetada a saúde dos atletas".

E xa temos a primeira vítima deportiva por causa desta polución. O plusmarquista mundial de maratón, o etíope Haile Gebresselassie renunciou hai uns días a participar nesta proba nos Xogos aludindo que a súa saúde estaría en grande perigo en caso de correr os 42 km da maratón nesas condicións.

Retos matemáticos... e non tanto

Hoxe quero retarvos. Así, en maiúsculas: RETARVOS. Propóñovos catros enigmas para que forcedes os miolos. Sodes quen de resolvelos?
Se é así, ou ben dade a resposta nun comentario ou escribídenos ao noso correo.
Veña, veña...listillos!!

Enigma 1: Teño dúas moedas de curso legal e entre as dúas suman 3 euros, pero unha, non é de un euro. Como é posíbel?

Enigma 2: Serías quen de dicirme que criterio segue esta serie de números?

0, 5, 4, 2, 9, 8, 6, 7, 3, 1
Enigma 3: En certa ocasión preguntáronlle ao meu pai quen era a persona que estaba na foto que había sobre a mesa, e el contestou o seguinte:

"A miña familia é moi curta, eu só teño dúas irmás e a miña muller un irmán, e temos un fillo precioso, de momento fillo único, aínda que espero darlle algún irmán máis, pero volvendo á pregunta que me fixeches direiche, que o pai de quen está na foto é o fillo do meu pai."
Saberías dicirme quen era a persoa da foto?

Enigma 4: Unha velliña levaba ovos ao mercado pero a cesta nos que os levaba caella ao chan.
- ¿Cantos ovos levabas? - preguntaronlle,
- Non sei, lembro que ao contalos en grupos de 2, 3, 4 e 5, sobraban 1, 2, 3 e 4 respectivamente.

Cantos ovos tiña a velliña?

13/03/08

Imaxes en primeira liña de guerra

Aquí vos deixo unha recopilación de fotografías feitas polos membros das tropas españolas que estiveron destinadas en Afganistán durante todos estes anos. Imaxes en primeira liña do desastre da guerra. Nunca está de máis lembralo.

Censura chinesa na rede

Os usuarios da internet na China atópanse protexidos e tutelados polo chamado Gran Cortalumes (Great Firewall), un xigantesco sistema de censura informática que pretende filtrar e depurar politicamente a información á que os internautas chineses teñen acceso.


O goberno chinés, coma todo réxime colectivista trata aos seus cidadáns coma nenos, xulgándoos incapaces de decidir que deben ver, ler ou escoitar na Internet. A tal efecto, coloca a todos os internautas baixo unha rede local composta por centos de millóns de usuarios, os cales só teñen acceso aos contidos que os censores comunistas xulguen como axeitados. Xeralmente a censura aplícase a toda información de tinte "politicamente incorrecto", por exemplo, charlas sobre disidentes demócratas ou movementos autonomistas, a independencia do Tibet ou a masacre da Praza Tiannanmen en 1989.


En oposición aos esforzos do desproporcionado aparato represivo chinés atópase unha pequena empresa privada, Anonymizer Inc. que lanzou un novo produto ao mercado chinés, Operación Anti-censura o cal ofrece aos usuarios acceso seguro a toda a internet, libre de filtros. Segundo Anonymizer os censores poden tardar ata unha semana en ubicar e bloquear os servidores habilitados para proporcionar acceso libre a internet.

12/03/08

Escapa do tempo

Quedeime enganchado a este xogo e ensínovolo por se queredes probar sorte. Para a vosa información, só 74 persoas foron quen de chegar ao final. Eu, pois, non é por presumir pero... non fun quen (pero lograreino!!)

O obxectivo é evitar, movendo o rato, os números e os reloxos que van caendo.
Proba sorte premendo na imaxe!

Nontodovanserlibros (XXVIII)

Tina Turner é unha cantante de soul, R&B e rock, nacida Tennessee o 26 de novembro de 1939 co nome de Annie Mae Bullock. Desde o comezo da súa carreira a finais dos 50 xunto a Ike Turner, destacou pola acción dos seus directos e a súa carga sexual. Trala súa separación de Ike Turner nos 70 comezou unha próspera carreira solista.

Dona dun talento notablemente versátil e duradeiro, a Turner electrificou ao público co seu apaixonado, ardente estilo vocal e o seu sentido impecable do ritmo. Pode volver unha frase de soul ao revés, creando unha interpretación estática que queima e entra en combustión lenta mentres se escoita, ou cantar rock con tanta forza como os tipos máis duros, como evidenciou na maior parte do seu material durante o curso da súa carreira musical.

free music

11/03/08

Cuestión de talento

Non me puiden reprimir. Recoñézoo! Quedei tan abraiado con este video que vinme na obrigación de mostrárvolo. Un pianista moi especial, sen dúbida. Haiche xente ben virtuosa!

Agardo que a miña amiga e copropietaria de blog non me berre pola miña ousadía cando regrese da súa viaxe por Le France...

Xeometría e area

Durante os últimos dez anos, o artista neozelandés Peter Donnelly baixa cada domingo á praia de New Brighton para plasmar a súa particular forma de ver o mundo. Día tras día, Donnelly entra nunha especie de éxtase e adícase a trazar liñas e espirais, debuxos xeométricos que a agua vai devorando sen piedade. "Non o fago por cartos, nin por fama", asegura. "Ás veces alguén interesase por un debuxo. ¿Que é? - pregúntanme. E eu dígolles: area".
Arte ou matemática efímera?

Vía Fogonazos

10/03/08

Non á violencia contra as mulleres (XXXII)

A diario miles de nenas de todo o mundo son agredidas de camiño á escola ou cando están nela. Algunhas sofren ameazas de agresión sexual doutros estudantes, hai profesores que ofrecen notas máis altas a cambio de favores sexuais, e incluso son violadas na escola.
En Estados Unidos, o 83 % das estudantes de 12 a 16 anos sufriron acoso sexual. En Sudáfrica, unha terceira parte das violacións de nenas foron cometidas por profesores. En Tanzania, 14.000 nenas foron expulsadas nos últimos anos por quedarse embarazadas. En Xamaica, Togo, Nicaragua, Haití ou México, o acoso sexual está xeralizado na escola.
O resultado é que innumerables nenas non chegan a ir á escola ou abandoan os seus estudos.



Amnistía Internacional fai un chamamento mundial para por fin áa violencia contra as nenas nas escolas. Contamos coa túa colaboración. Actúa!!

Preme na imaxe para apoiar esta campaña

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.