Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/02/09

Arrugas


Recoméndovos a lectura deste cómic, sobre todo se xa imos tendo unha idade. É tan triste isto de se facer vellos e ser conscientes do teu propio declive! Disto fálanos Paco Roca, o autor, dunha loita perdida contra o destino que nos agarda. Un xeito entrañable de nos achegar á vellice, ao Alzheimer, ao esquenzo. Seguramente, unha das cousas que máis teñen chamado a atención deste libro é o tema: non resulta habitual nun cómic. Pero ademais, este traspasa o tema mesmo do Alzheimer para falarnos da soidade, da necesidade de amor e de amar, de sermos amados, de servir aínda para algo. E todo isto é conseguido sen sensacións lacrimóxenas, posto que o humor é sabiamente conxugado. Gustoume o tratamento da imaxe, as faces que se desdebuxan para darnos conta da loita contra a desmemoria.
Pensei moito nos meus pais, a verdade, na sorte que teño de que estean tan sans e de que sigan facendo tantas cousas por si mesmos. Aínda que non me lean, esta entrada vai sobre todo por eles dous.
De verdade, unha lectura moi recomendable. Quizais non raie a perfección, pero paga a pena.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.