Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/06/09

Lingua e embaixador no Vaticano

Texto de Manolo Rivas:


O ex alcalde da Coruña e actual embaixador de España no Vaticano, Francisco Vázquez, escribiu o pasado domingo un interesante artigo titulado De la lengua española (La Voz de Galicia, 21.6.09). Hai unha primeira parte feita con erudición e estilo ameno, que o lector agradece. Nótase no texto o palpitar de Vázquez ante os grandes relatos históricos e a paixón que nel espertan os seus protagonistas, sexan reais, como é o caso co emperador Carlos V, ou do mundo da ficción, pois é confeso o seu feitizo polos heroes da banda deseñada, dende o Príncipe Valente a Superman. O principal corpo do artigo está dedicado a glosar o intre histórico en que o Rei-emperador falou en lingua española na corte pontificia e converteuna así en "idioma diplomático e universal".

Non era a primeira vez que Carlos V se expresara nese escenario en castelán, pois era un xeito de marcar o seu poder ante os pontífices, mais nesta ocasión foi unha intervención longa e utilizada adrede coa estratexia de amoucar á representación francesa. El falaba moi ben o francés, por iso aquel discurso da Pascua de 1536 foi considerado unha "rodomontada". Un termo italiano que se adoita asimilar ao castelán "bravuconada". Aínda que neste caso acáelle mellor a idea de que falou así "por fachenda", por sentido de orgullo.

Dende logo que é moi interesante a figura de Carlos V. Entre os feitos admirábeis, o máis admirábel sen dúbida foi o de ser quen de retirarse cando estaba no máis alto cumio dun poder terreal e o sol, como ben nos aprenderon na escola, non se puña naquel inmenso imperio. Certo que se foi cando albiscou o terríbel fracaso que ían representar as guerras de relixión. Marchou daquela para o mosteiro estremeño de Yuste e concentrouse, entre outras afeccións curiosas, no coidado da súa formidábel colección de reloxos. Xogaba como un neno ao imposíbel de sincronizar todas as máquinas do tempo. E tamén lía as aventuras do Chevalier deliberé, do borgoñón Olivier de la Marche. Segundo o anecdotario de Manuel Domínguez Merino, no mosteiro participaba da rutina dos monxes e tocoulle un día espertar os relixiosos. Un deles tiña o sono pesado e o ex emperador espeliuno con rudeza, o que o outro aproveitou para un xuízo severo: "Non vos chegou con sacudir tanto tempo os que andaban polo mundo que aínda vides amolar os que nos retiramos del!".

O neto de Maximiliano de Austria, María de Borgoña, Fernando de Aragón e Isabel de Castela, o fillo de Filipe e Xoana (coñecidos polos alcumes de O Fermoso e A Tola), tivo unha herdanza cultural moi diversa que mantivo e cultivou cun especial don de linguas. Chegou a dominar o flamengo, o francés, o alemán, o italiano, o inglés e o castelán, ademais do que quixo de latín, que seica non foi moito. Segundo palabras que se lle atribúen, este sería o reparto: "O español sérveme para gobernar as España se as Indias, para falar con Deus y comigo mesmo; o inglés para escribir a miña tía Catarina de Aragón, raíña de Inglaterra; o italiano, para tratar co Papa, sobre temas de relixión e de estado; sírvome do flamengo para falar cos amigos; do alemán para discutir con Lutero, e do francés sempre que trato de traer ao rego a ese díscolo parente meu que se chama Francisco I de Francia". Máis célebre é o testemuño do xesuíta Bouhours: "[...] De falar ás mulleres, falaría italiano; de falar aos homes, francés; de falar ao seu cabalo, alemán; mais para falar con Deus, el falaría español". En versión pop e non rigorosa: "Un home debe dominar catro idiomas: o francés para a diplomacia, o italiano para amar, o español para pelexar e o alemán para domear os cabalos".

Nado en 1500, criado en Flandres e Borgoña, o máis posíbel é que as primeiras linguas de Carlos fosen o flamengo e o borgoñón-francés. O artigo citado de Francisco Vázquez sitúanos ao Rei-emperador como un pioneiro paladín do castelán como "a lingua española", mais é moi ilustrativo, mesmo para os políticos de hoxe, aínda que o noso embaixador non o reflicte, o xeito en que Carlos se achegou ao castelán. Aínda que contou con algún instrutor enviado para este mester, o seu coñecemento era mínimo cando arribou para ser coroado rei de Castela, o que aconteceu en Valladolid en febreiro de 1518. Aí ocorreu algo moi importante. O futuro rei, como gobernador, adiantarase a colocar amizades flamengas nos principais cargos da Administración e mesmo no arcebispado de Toledo. Xente que non se preocupaba de falar a lingua do país. Que fan as Cortes de Castela? Para aceptar e xurar como rei a Carlos, esixen atender un listado de 88 peticións. Entre as principais, que o rei se compromete a aprender e falar o castelán, ademais de retirar dos postos administrativos a quen non reúnan esa condición. Carlos acepta. E entón as Cortes xurárono como rei.

Isto que conto é un complemento, coido que necesario, á exposición de Francisco Vázquez, mais non é a razón de ser primeira desta miña crónica. O meu arrinque vén pola deriva estraña e oblicua do embaixador articulista na final do seu escrito. Fai no texto o que Nabokov chama con enxeño, e en termos de xadrez, un salto de cabalo. Nunca pensei que o políglota Carlos V dera para tan pouco. Despois da crónica histórica do acontecido en Roma, o embaixador infórmanos dunha realidade obvia: a forza e a expansión do español (castelán) no mundo de hoxe. É algo do que nos felicitamos e aproveitamos, no mellor sentido, tanto como el. O embaixador lémbranos tamén que a Constitución estabelece que o español é "lingua común e oficial de todos os españois". E que o seu uso "representa o 15% do produto interior bruto de España". A cousa podería ficar moi ben aí, mais o galego Francisco Vázquez, malia a súa función diplomática, non renuncia ao descarte. Mentres son miles e miles os estranxeiros que estudan español no Instituto Cervantes, só un número moi reducido -un cesto de cereixas, digo eu!- estudan o galego, catalán ou éuscaro. Así que conclúe o seu, iso si, moi oportuno artigo co proverbio "Intelligenti pauca" ou "al buen entendedor pocas razones bastan". Eu debo ser intelixente e parvo a un tempo, porque entendo e non entendo. Como di e non di, eu entendo e non entendo.

Hai cousas fundamentais que o embaixador, que representa a todos os cidadáns españois, falen o que falen, elida no seu comentario. Non vou ir de rodomonte e lembrar a triste historia da Igrexa católica española en relación coas linguas romances, a comezar polo castelán. Tivo que vir George Borrow, da Sociedade Bíblica londinense, e a mediados do século XIX, para que se editase o Novo Testamento en español! E a xente do pobo tiña medo a coller o libro nas mans. O que si cómpre lembrar, sen estar perto da Santa Sede, é que o concilio vixente, o Vaticano II, recomenda vivamente o uso das linguas vernáculas, en especial das que foron marxinadas canda a xente que as fala. Cómpre lembrar tamén que a Constitución española, que no seu Artigo 3 (Título preliminar) di que "o castelán é a lingua española oficial do Estado", tamén engade, no mesmo artigo: "As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos" e "A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección". Cómpre tamén lembrar que as linguas non están para competir no Libro dos Récords. As linguas suman. Están para compartir. Nin os fineses nin os islandeses, por poñer dous exemplos, van renunciar á súa lingua e á súa riquísima literatura por seren poucos falantes. Mutatis mutandi, por que entende que a industria cultural é moi importante para España e non o pode ser, na súa escala, para Galicia?

Un bo entendedor, sen prexuízos, decátase con facilidade das magníficas coordenadas nas que se atopa Galicia para ser unha sociedade avanzada e un modelo de cosmopolitismo racional. Unha lingua, o galego, que nos permite comunicarnos con todos os países de fala portuguesa. Outra, o castelán, que nos abre as portas ao todo o eido hispano. Mais en lugar de modelo temos a subtracción lingüística. Quen nos dera políticos co entendemento daqueles fidalgos das Cortes de Castela!




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.