Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/06/09

Pippo e os idiomas

Artigo de Antón Reixa:

Coraxe. Hoxe quero presentarvos a Pippo. Ten quince anos. Naceu e vive en Madrid. É fillo dunha italiana, italianísima. O seu pai é un galego que leva moito tempo en Madrid. A nai faloulle “lactariamente” en italiano. Cursa estudos nun centro italiano cun esquema de inmersión lingüística na lingua materna e algunha materia en español. A día de hoxe, Pippo fala con corrección e competencia italiano e castelán, avanza moitísimo en inglés, está comezando co francés e ten o desexo de coñecer o galego, a lingua do país do seu pai. O que é máis importante: ten unha intensa cultura literaria e audiovisual.

Pippo é o triunfo cultural da educación lingüística baseada na diversidade e na aplicación da discriminación positiva a favor da lingua menos presente no seu entorno social, o italiano. Os individuos provenientes deses sistemas de ensino resultan inequívocamente máis competentes nas súas linguas vehiculares e máis poliglotas. Atreveríame a dicir que máis felices lingüísticamente. Precisamente iso é o que está en perigo en Galicia, se a Xunta deroga o decreto o galego e do ensino. Hai unha enquisa inapelable que se verificou o 1 de marzo, amais de que habería que demostrar que o 100% dos votantes do PP queiran unha regulación lingüística como a que propón Galicia Bilingüe, o certo é que en números totais os votos a favor da alternativa á maioría absoluta do PP sumaron máis, e aquí si que non debería rexer a aritmética de escanos, senón a forza da razón da maioría social.

Melancolía. Moito me temo que estes razoamentos non valen e que a Xunta en ningún caso, despois da posta en escena da peculiar enquisa, vai deixar as cousas igual que estaban. Por iso, cómpre saír ao aire libre e á chuvia e reafirmar en voz alta as nosas convicións a favor da diversidade e da ecoloxía lingüísticas. Non é unha cuestión de identidades históricas alteradas ou de sermos máis ou menos (ou nada) nacionalistas, é crucial para a liberdade individual e colectiva. Non podemos impedirlle á cidadanía galega do futuro a opción “feliz” de seren efectivamente bilingües e políglotas. Solidarios ecoloxicamente con millóns de falantes de portugués e español.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.