Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/07/09

O museo da inocencia

Este é o primeiro libro que leo de Orhan Pamuk e teño que recoñecer que me sorprendeu agradablemente, aínda que polo medio houbo unhas cantas páxinas que chegaron a facérseme pesadas. O libro fala sobre todo de amor, un amor apaixonado fóra de toda fronteira social que non chega a bo termo e que convence ao namorado a recoller calquera obxecto tocado pola amada ou calquera outra cousa que lla lembre. De aí o título, O museo da inocencia, xa que todos estes obxectos chegarán a ter esta finalidade: a de abrir un museo que recoñeza este inmenso amor do protagonista para que calquera poida contemplalo, admiralo e respectalo. (Parece ser que o propio autor vai abrir un así en Turquía, xa que percorreu mundo buscando todo tipo de obxectos para buscar unha relación entre estes e os seus donos).
Chama a atención o feito de que o propio escritor se engada na novela, posto que será un personaxe que rematará sendo crucial no libro, pois recoñecerase como o autor-protagonista aínda que deba poñerse na pel do namorado e terá a súa propia voz cara ao final do libro.
Como espazo deste amor, o libro iranos amosando unha sociedade convulsa, unha Turquía dos trinta últimos anos do século XX na que conflúen dúas perspectivas de ver o mundo e a modernización, así como todas as revoltas, toques de queda... que neses anos alí se produciron.
Unha obra interesante e moi ben escrita que de seguro vos gustará.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.