Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/10/09

Némesis

Unha vez comenteivos que Jo Nesbo é, para min, un dos mellores autores de novela negra. Daquela, o libro que viña de ler era Petirrojo. Agora quero falarvos do segundo que del temos en castelán: Némesis. E non vos defraudará. Por emocionate e apaixoante. Porque estamos ante un detective débil, orixinal, humano. Porque o autor sabe manter o ritmo, o interese e a tensión desde a primeira ata a última páxina, sen que decaia a emoción.
Nesta obra fala da vinganza e o castigo, con referencia explícita ao mundo dos xitanos; o título fai alusión á deusa da vinganza na mitoloxía grega.
Asegúrovos que o tempo detense en compañía do protagonista, Harry Hole, e tamén que quedaredes, coma min, coas ganas de que sigan a traducir os libros deste autor, que converte a novela negra nunga arañeira chea de elegancia e intelixencia. Non hai dúbida da capacidade do autor en crear un ritmo trepidante que non decae nin nos diálogos nin na narración.
Se vos gusta este xénero, non o dubidedes: Jo Nesbo vai engancharvos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.