Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/12/09

El sonido de los colores

É que xa non sei como definir este libro. Dixen libro? Ah, si, é un libro! Ben, en realidade é unha explosión de cor, un agasallo para os sentidos, unha ledicia de telo entre as mans e observar cada detalle porque son tantos que cada vez algún ha de fuxir... Cando colles o libro na man sabes irrefutablemente o que é o amor a primeira vista: non pode ser doutro xeito.
El sonido de los colores de Jimmy Liao é unha viaxe abraiante por un mundo invidente, unha metáfora do mundo subterráneo que soñan aqueles que non ven, a maxinación dunha nena que viaxa polos túneles do metro transformados no que ela pensa, con amabilidade e tenrura, con ledicia e cor, sobre todo, e con fantasía a tope. Así, este submundo convértese en poesía, en luz, en música, en maxia: porque a escuridade real que rodea á nena cega non impide que poida colorear o seu mundo ao seu antollo. Non estaremos tamén tod@s nós cegos como a protagonista? Porque a metáfora consiste en reflectir aquí todo o que levamos dentro, os nosos medos e as nosas ilusións, o que a nosa mente cavila no paso polo mundo.
Cada páxina é un cadro impresionante. Unha visita a un museo que, ese é o luxo, podemos ter na nosa casa.
Alguén dixo que os álbums ilustrados eran para @s nen@s? Outro libro máis inclasificable que constitúe un regalo para os sentidos: para a vista polas cores que a inundan, para o oído pola poesía, para o gusto polo sabor que deixa a súa lectura, para o tacto polo contacto con cada páxina, para o olfacto polo olor do libro... e para a intelixencia por todo o que transmite.

“El año en que el ángel se despidió de mi

en la boca del metro,

poco a poco,

yo había ido perdiendo la vista.

Una mañana de otoño, el día en que cumplía quince años,

mientras fuera lloviznaba

y después de haberle dado de comer al gato,

a las seis y cinco,

me encaminé hacia el metro.”




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.