Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/02/09

Dalí

Beber con optimismo

A publicidade de Coca Cola sempre é boa, e esta está que se sae: unha mensaxe chea de optimismo.



Vía

Edificios curiosos

Curiosos si que son, vós diredes se vos parecen arte, aínda que hai de todo, claro. Creo que algúns son fermosísimos:

27/02/09

Encontro con Antón Riveiro Coello

Hoxe foi un día absolutamente especial porque tivemos a excepcional ocasión de compartir as nosas lecturas cun home que se fai querer e admirar non só por como escribe senón por como é. Dende as 12,30 que chegou ao noso instituto até as 20,30 (si, ledes ben) que marchou, a nosa admiración por el foi en aumento.
Primeiro encontrouse co alumnado de 4º de ESO que lera Homónima, e logo co de 1º de Bacharelato que lera Os ollos de K; e pola tarde -despois dun bo cocido lalinense- club de lectura para falar d' As Rulas de Bakunin. Un día produtivo e especial.




Calendario de astrónomas

No ano 1609 Galileo Galilei apuntou por vez primeira o ceo cun telescopio. Foi o comezo de 400 anos de descubrimentos que aínda continúan. O 27 de outubro do 2006 a Unión Astronómica Internacional anunciou a declaración pola UNESCO do ano 2009 como o Ano Internacional da Astronomía.
Aquí atoparás recursos e información.
E este é un calendario dedidaco a 12 extraordinarias mulleres que desde Hipatia de Alejandría ata Paris Pismis contribuíron ao longo da historia ao coñecemento do Universo

rio Astronomas Alta-resolucion



Vía Aulablog

26/02/09

Retos matemáticos... e non tanto (XIX)

Estou un pouco cabreado porque por primeira vez non resolvestes completamente os retos (sigo dicindo que hai seis solucións distintas para o 1º reto da semana pasada...) pero, aínda así, e tendo en conta que o antroido e demais festexos puideron influír, aí vos van uns cantos máis...
Reto 1.- Consideremos os seguintes números: ABCD, CCDC, ADBA e CBBB. Tendo en conta que cada letra representa unha cifra distinta e que os catro números son primos, poderías dicir cales son?

Reto 2.- Cal é o número máis grande que se pode escribir con tres díxitos?

Reto 3.- Un home tiña un mono ao que lle gustaban moito os cacahuetes. Todas as mañás o home obsequiábao con 100 cacahuetes. Durante a xornada, o mono comía a metade dos que tiña, e gardaba a outra metade por se ao día seguinte non lle poñían máis. Cada día atopábase con 100 cacahuetes máis pola mañá, e cada día comía a metade. Así sucedeu día tras día, semana tras semana, mes tras mes e ano tras ano. Un bo día o mono contou pola noite os cacahuetes que gardara. Cantos tiña?

Reto 4.- Para abrir a porta do laboratorio que contén un produto secreto hai que pulsar catro botóns nunha orde determinada, en caso contrario o mecanismo de seguridade elimina ao intruso. O axente 00Pi descubriu as seguintes pistas:
  • os números colocados sobre os botóns son todos incorrectos.
  • O último botón en ser pulsado non está nun extremo.
  • O primeiro botón que se ha de pulsar e o último están separados entre si.

Coloca encima de cada botón o número que lle corresponde para abrir a porta.



Lille

Unha pasada!: un libro sen letras que conta a súa historia en imaxes pop up. Unha banda sonora lene e a gozar.





Vía No sólo libros

25/02/09

A nena que calou ao mundo

Unha compañeira do PLAMBE (Mónica de Vigo) lembrounos hai pouco a existencia deste vídeo-discurso que xa tiñamos medio esquecido: trátase dunha nena de 13 anos, Severn Cullis-Suzuki, que impresiona pola solidez dos seus argumentos e o modo en que trata temas de importancia mundial; hoxe en día é activista ambiental, licenciada en bioloxía evolutiva e ecoloxía pola Universidade de Yale. Aos 10 anos fundou ECO ( Environmental Children’s Organization) cun grupo de amigos de Vancouver e foi con eles con quen se desprazou no ano 1992 ao “Earth Summit” en Rio de Janeiro, onde en presenza de altos cargos mundiais e representantes da ONU deu o seguinte discurso:




Moving

Macaco e National Geographic unidos novamente no respecto ao planeta: "Moving" será a canción do próximo Día da Terra que se celebrará o 22 de Abril. Para o videoclip pediron a colaboración de destacadas figuras do cine e a música como Javier Bardem, Antonio Carmona, Rosario Flores, Javier Cámara, Juanes, Juan Luis Guerra....
"Moving" é ademais o primeiro single do novo traballo de Macaco, "Puerto Presente"




A colaboración do 2007 entrambos era esta, lembrades?

Mama Tierra


Vía

Agasallo para matemátic@s

Coñeces a algún(h@) matemátic@? Quéreslle facer un agasallo? Quero darche unha gran opción: este fantástico espertador. Iso si, antes de dar o paso de regalar isto, terás que asegurarte de que a persoa que durme c@ matemátic@ teña dúas cousas: paciencia e sentido do humor!


Aviso: eu non o preciso que xa teño quen me esperte!

24/02/09

Bienvenidos al Norte

Se vos apetece ir ao cine para rir, rir e mais rir, ide ver este filme. Ademais, é de chiste lingüístico, así que maxinade canto me puido gustar. Mágoa non vela en francés, se este é un idioma que dominedes, porque ten que ser unha pasada.
Dirixida e protagonizada por Dany Boon, rei da comedia francesa, conta de xeito entrañable a visión equívoca que podemos ter doutra xente, como parece que ocorre en Francia cos do norte. Toda a película se basea nun xeito de ser diferente e os artificios que o protagonista debe solucionar coa súa familia. Non sei se será unha gran película, pero é unha inxección de optimismo e gargallada que dura máis có tempo que podemos estar na sala.
Máis que recomendábel nestes tempos de políticas e crise.

Concelleira antropófaga

O Almodóvar máis irreverente presenta esta curta tirada da súa última rodaxe, "Los abrazos rotos". Nela cobra vida Chon -Carmen Machi-, unha concelleira cun singular, atrevido e simpático discurso que resume o humor do director e nos achega un monólogo ordinario e extraordinario. Seguro que vos divertides un anaco!




Vía

Con 11 anos

Tuba Sahaab vive nun suburbio de Islamabad (Pakistán) e con 11 anos escribe textos denunciando o sufrimento que padecen polo terror talibán nenas coma ela. Enfróntase ás armas coa forza da súa pluma: “Pequeñas gotas de lágrimas / sus rostros angelicales / lavados con sangre / duermen para siempre con ira”. Escribe sen medo ás represalias, denunciando cos seus escritos a miseria moral, a pesares de que preto da súa casa, no val de Swat, está a coñecida "praza do matadoiro" onde os talibáns exercen o control e depositan os cadáveres das súas vítimas.


Vía


Realidade ou fantasía

Novamente, desde ese centro que me encantaría visitar...



Grazas, Montse

23/02/09

Fotografías

Desas presentacións que quedan:



Católico?

Cos fillos nunca se sabe por onde poden saír...

22/02/09

Caixa de tintas

Con cor:

El color de la arena

Este álbum ilustrado de Elena O'Callaghan e ilustracións de María Jesús Santos fálanos do drama de vivir nun campo de refuxiados nas palabras dun neno que apenas é consciente desta traxedia a non ser pola escaseza de recursos da que nos fala no seu devir cotián. As ilustracións nos amosan ese vivir nun deserto que non dá nada e só quita, sen posibilidades de ver o mar, do que fala o avó do protagonista porque el si lembra outros tempos de liberdade; os debuxos teñen todos a cor da area, para imprimir de imaxes un texto sinxelo e profundo.
Un libro solidario para pequenos e grandes. Fermosamente triste. Como a realidade que conta.

Yo maté a Adolf Hitler


Outro cómic de Jason, autor de quen vos falei onte coa lectura de "No me dejes nunca". Este foi elixido unha das mellores lecturas do ano 2007. Realmente son uns cómics atípicos que saen do arquetípico: unha máquina do tempo que ofrece ao protagonista matar a Hitler, un protagonista cuxa profesión é asasino a soldo -como podería ser albanel- e unha moza que non se sente a gusto con ela. Os cambios de escena, os brillantes diálogos e unha especie de rutura temporal vaisefacendo unha historia que foxe do aparente, con historia de amor incluída. As elipses e os silencios constrúen unha parte da historia fundamental, con eses seres antropomórficos propios do autor.
Unha lectura diferente e recomendable.

En Venecia

Hoxe, dura nte a edición do Antroido 2009 en Venecia, terá lugar o Voo do Asno, clásica parodia do Voo do Anxo, e será premiada a máscara máis fermosa do Antroido 2009
As máscaras venecianas estaban realizadas en coiro ou papel maché. Hoxe reálizanse coa aplicación de Gesso e pan de ouro e píntanse a man, usando plumas naturais.
Se queres saber algo máis sobre as máscaras, preme aquí.





Vía Todas

21/02/09

Publicidade barata

Isto si que son anuncios de verdade, sen necesidade de pagar contiosas fortunas a publicistas:

No me dejes nunca


Unha lectura "estraña" a deste cómic. Estraña en canto ás diferentes solucións que o autor nos propón: un final-mosaico pouco habitual; estraña en canto ao reflexo dos personaxes (Hemingway, Scott Fitzgerald, Ezra Pound o James Joyce) e as súas personalidades traspasadas a comiqueiros no París dos anos vinte. Chama a atención o nome que a tradución española dá ao libro, pois o orixinal é Hemingway, que nada ten que ver con "No me dejes nunca". Con trazos sinxelos e orixinais, transmítenos orixinalmete a soidade e a angustia, así como ademais se atreve coa crítica literaria.
Chaman a atención os debuxos, trazos simples e personaxes convertidos en algo que se parece a cans, que se afasta bastante doutros cómics que teño lido.
Unha lectura moi orixinal e diferente que vos recomendo.

Arrugas


Recoméndovos a lectura deste cómic, sobre todo se xa imos tendo unha idade. É tan triste isto de se facer vellos e ser conscientes do teu propio declive! Disto fálanos Paco Roca, o autor, dunha loita perdida contra o destino que nos agarda. Un xeito entrañable de nos achegar á vellice, ao Alzheimer, ao esquenzo. Seguramente, unha das cousas que máis teñen chamado a atención deste libro é o tema: non resulta habitual nun cómic. Pero ademais, este traspasa o tema mesmo do Alzheimer para falarnos da soidade, da necesidade de amor e de amar, de sermos amados, de servir aínda para algo. E todo isto é conseguido sen sensacións lacrimóxenas, posto que o humor é sabiamente conxugado. Gustoume o tratamento da imaxe, as faces que se desdebuxan para darnos conta da loita contra a desmemoria.
Pensei moito nos meus pais, a verdade, na sorte que teño de que estean tan sans e de que sigan facendo tantas cousas por si mesmos. Aínda que non me lean, esta entrada vai sobre todo por eles dous.
De verdade, unha lectura moi recomendable. Quizais non raie a perfección, pero paga a pena.


Chasing Pavements

Adele, quen gañou o premio da crítica especializada nos Brit Awards de 2008, é agora gañadora de dous Premios Grammy, á Mellor Artista Revelación, e á Mellor Interpretación Pop Feminina, por “Chasing Pavements“; o vídeo paréceme fermosísimo:




Vía Todas

20/02/09

Fotos que fixeron Historia

Aínda que a maior parte destas fotografías xa andaron por este blogue, non queremos deixar pasar a oportunidade de traervos esta presentación que chegou ás nosas mans con todas elas:

Amigos?

Desde o Ceip Sant Jordi chéganos esta fermosa animación:





Grazas, Montse

Fermosa?

Divertido vídeo sobre ilusións -ou desilusións- ópticas:




Vía

19/02/09

Eu quero unha así!

Se tivese esta libraría preto da miña casa, seguro que acampaba alí:

Retos matemáticos... e non tanto (XVIII)

Como parece que estades polo labor de acabar coa emoción desta sección ás primeiras de cambio (do cal, por suposto, alégrome!) esta semana decidín incluír un reto que teña varias solucións posibles...

Reto 1.- Consegue o número 1000 empregando oito oitos e as catro operacións básicas.
(Eu atopei 6 solucións diferentes!)

...outro para romper o coco...

Reto 2.- Poderías dicir cal é o seguinte díxito na seguinte serie numérica 1,2,4,5,8,1000...?

... e un terceiro tipicamente matemático.

Reto 3.- Nun exame de matemáticas, un alumno ponse nervioso: rompe en 8 anacos a súa folla de papel, despois colle un dos anacos e párteo de novo en 8, e segue deste xeito collendo un dos anacos e partíndoo en oito. Tras cantos cortes terá 2003 anacos?


(Admitimos que pode facer tal cantidade de anacos dun deles, incluso cando dito anaco sexa moi pequeno)


Aí vos queda iso!

Utiliza o preservativo!

Traballo realizado para condóns LifeStyle da Axencia OQO, outra mirada publicitaria ao uso do preservativo:

18/02/09

A cidade subterránea de Derinkuyu

Todo por amor

Unha fermosísima historia de amor:



video

Lalín Pork Art

Seguramente sabedes que estamos "no mes do cocido" e esas cousas todas. O que non sei se coñecedes é que ata Lalín chegou unha desas ideas enxeñosas do noso alcalde (é a primeira vez que esta frase non ten ápice de ironía) e temos unha exposición preciosa de porcos moi decoradiños. Recoñezo que me encantan... para que despois non me diga o amigo Toño que el non sabe disto pero si de vacas!
En total, 26 estatuas de fibra de vidro pintadas por artistas locais, aínda que -por suposto- ao alcalde parécenlle poucas e quere que sigan medrando (en número, non en tamaño), ademais de pasealas por España e parte do estranxeiro. Porque se había vacas, por que non vai haber porcos???




17/02/09

Eric Grohe

Pintar en calquera lugar:

The Black Hole

A ver onde nos metemos...


video

Medos

Unha e outra vez, non cansaremos de volver a Eduardo Galeano:

16/02/09

A canción

Identificacións particulares:

Carta a un hijo


Sigo co mesmo tema: o dos álbums ilustrados, que me está enganchando enormemente. E agora toca outro libro fermosísimo cuxo texto a maior parte de vós coñeceredes: Carta a un hijo de Rudyard Kipling, ilustrado por Mauro Evangelista. O texto coñécese tamén co nome inglés "If", poema composto por oito estrofas de catro versos nos que se reflicten o sentir do autor respecto dos valores morais que conforman a nosa personalidade. Todas as estrofas comezan coa mesma frase "Si puedes..." para levarnos á bondade, á paciencia, solidariedade, xustiza... para ser unha boa persoa.
Cada estrofa leva consigo unha ilustración a dobre folla facendo referencia á historia da literatura universal. As ilustracións son certamente fermosas e impresionantes. E o álbum é enorme en dimensións.
E non me digades que isto é literatura infantil. É literatura, si. E punto.
Collédeo nas vosas mans, ulídeo, paseade a vista polas ilustracións, lédeo, e disfrutade. É a mellor copa que podedes tomar. Garantido.



Los Amantes Mariposa


Por fin teño nas miñas mans este libro. Non é un libro, perdón, é unha obra de arte que acariño e saboreo desde que obra no meu poder. Deses álbums ilustrados que desexas acariñar e aos que volves de cando en vez para mergullarte nunhas ilustracións máxicas que case nos fan esquecer o texto, texto á súa vez precioso que nos fala dun amor imposible, ata convertérense en bolboretas... Un texto que é unha vella lenda chinesa, famosa en todo o mundo.
Pero ademais, teremos que nos fixar especialmente no nome de Benjamin Lacombe, xove que cun estilo propio non me fará esquecer a miña admirada Rebecca Dautremer. Recrea a lenda dun xeito prodixioso, con perspectivas alucinantes e cun dominio da expresividade facial absoluto.
Unha preciosidade de libro, de tamaño extra en todos os sentidos. Se podedes, non deixedes de telo!
Publicado por Edelvives.



Fume

Fermosísimo libro de OQO Editora, unha historia conmovedora de Antón Fortes cunhas intensas imaxes da ilustradora Joanna Concejo case sen cor para reflectir mellor a mensaxe do libro, a loita e a lembranza do Holocausto, na mesma liña doutras obras famosas que tratan este tema, pero cunha sensibilidade especial xa que a ilustración nos achega dun xeito especial á dura realidade dos campos de concentración. Ambos, o patetismo da historia coa forza expresiva das ilustracións que se converten en estouridos metáforicos da senrazón e da morte, son unha poderosa viaxe a este anaco de historia que nunca se debería esquecer.
Non é só un libro para ter ou para agasallar, é un libro para ter en conta, para que os nenos e as nenas o lean, para que as mamás e os papás o expliquen, para que nos axude a devolver a conciencia ás veces esquecida de que somos humanos. Co que esa palabra implica.

Guinea

Fernando Gamboa tenta difundir esta carta entre a poboación mundial. Este chamamento social vén motivado pola crúa realidade que descubriu acerca do pobo ecuatoguineano mentres investigaba para escribir a súa novela, que leva este título.





Si quieres cambiar el mundo, primero debes saber que ocurre dentro de él.

15/02/09

Poesía 1979-1996

Cando o outro día un amigo me regalou este recopilatorio de poemarios de Luis Alberto de Cuenca, fíxoo pensando que a min me ían gustar máis ca a el. Pero equivocouse. Porque non me gustou moito, a verdade. E nada ten que ver coas súas ideas políticas, ollo. Creo que é un poeta da cotidianeidade, do día a día, do hiperrealismo, pero non podo dicir exactamente por que non se convertirá nunca nun dos meus poetas de culto.
Ben, entre tantos poemas sempre hai algúns que nos "chegan" especialmente, pero a tónica xeral non é a mellor. Déixovos -coma sempre- algún poema escollido:


INSOMNIO

La vida dura demasiado poco.
No da tiempo a hacer nada. No hay manera
de reunir los suficientes días
para enterarte de algo. Te levantas,
abrazas a tu novia, desayunas,
trabajas, comes, duermes, vas al cine,
y ni siquiera tienes un momento
para leer a Séneca y creerte
que todo tiene arreglo en este mundo.
La vida es un instante. No me explico
por qué esta noche no se acaba nunca.


EL DESAYUNO

Me gustas cuando dices tonterías,
cuando metes la pata, cuando mientes,
cuando te vas de compras con tu madre
y llego tarde al cine por tu culpa.
Me gustas más cuando es mi cumpleaños
y me cubres de besos y de tartas,
o cuando eres feliz y se te nota,
o cuando eres genial con una frase
que lo resume todo, o cuando ríes
(tu risa es una ducha en el Infierno),
o cuando me perdonas un olvido.
Pero aún me gustas más, tanto que casi
no puedo resistir lo que me gustas,
cuando llena de vida, te despiertas
y lo primero que haces es decirme:
"Tengo un hambre feroz esta mañana.
Voy a empezar contigo el desayuno."


Ollo!

Campaña anti-tabaco

Campaña antitabaquista creada para a India pola axencia canadiana Bleublancrouge e que leva por nome Cigarrillos que fuman persoas. Imaxes que falan por si mesmas.



Vía

14/02/09

Viaxe ao Amor

Xa que hoxe imos dedicar o día ao Amor, quen mellor para falar del que Eduardo Punset? El escribiu un libro que se chama Viaje al amor, onde explica as teses científicas deste sentimento que sempre nos ocupa. (Premede na ligazón e facede a enquisa)
O amor é unha necesidade biolóxica xa que non podemos vivir sen amor. El volo explica:




Army of Love

The Army Of Love” é unha fermosa curta musical de animación dirixida por Melissa Mars e Thomas Guerigen. E que viva o amor!
Xa veredes como vos encanta.




Vía Todas

Amor en verso

Por suposto, nada mellor que a poesía para falar dese sentimento que nos fai revoar o corazón e sentir esas cóxegas na barriga. Xa que Andrea é unha namorada do amor, e de Mario Benedetti, imos dedicarlle especialmente este poema hoxe; para ela e para tod@s vós:

Te quiero

Tus manos son mi caricia,

mis acordes cotidianos;

te quiero porque tus manos

trabajan por la justicia.

Si te quiero es porque sos

mi amor, mi cómplice, y todo.

Y en la calle codo a codo

somos mucho más que dos.

Tus ojos son mi conjuro

contra la mala jornada;

te quiero por tu mirada

que mira y siembra futuro.

Tu boca que es tuya y mía,

Tu boca no se equivoca;

te quiero porque tu boca

sabe gritar rebeldía.

Si te quiero es porque sos

mi amor, mi cómplice y todo.

Y en la calle codo a codo

somos mucho más que dos.

Y por tu rostro sincero.

Y tu paso vagabundo.

Y tu llanto por el mundo.

Porque sos pueblo te quiero.

Y porque amor no es aurora,

ni cándida moraleja,

y porque somos pareja

que sabe que no está sola.

Te quiero en mi paraíso;

es decir, que en mi país

la gente viva feliz

aunque no tenga permiso.

Si te quiero es porque sos

mi amor, mi cómplice y todo.

Y en la calle codo a codo

somos mucho más que dos.




Camiseta Anti San Valentín

Peace, Love and Death to Cupid.
Celebralo, hai que celebralo, sempre. O xeito é o que cambia...





Vía Todas


Manuale d'amore

Din por aí que hoxe é o Día dos Namorados (o resto do ano non se pode estar namorado). E para festexalo, ou para non ser menos, ímosvos falar dunha noticia que nos chamou a atención hai uns días: En Verona (onde transcorre a traxedia romántica "Romeo e Xulieta") vén de atoparse un códice do século XII con instrucións para escribir cartas de amor, o Modi dictaminum, un códice escrito en latín e sobre pergamiño por un clérigo de nome Guido.
Entre as recomendacións amorosas que alí nos indican, atopamos como debe escribir a muller ao seu home, como deben facelo os amantes, como presentarse ante a amada ou como despedirse (hai tantos saúdos como peixes no mar). Sinálanse diversos xeitos de gabar a beleza feminina e o uso de expresións que indiquen a incapacidade de describir un sentimento apaixoado como "ámote tan profundamente que non podería expresalo con palabras, nin aínda que todos os membros do meu corpo puidesen falar".
Ademais, a distancia que afasta os namorados e a lembranza de tempos felices caracteriza xa o que se ten chamado "mal de amores". Pero non creades, non todo é retórica platónica, xa que o clérigo (si, clérigo, xa sabedes que eran os que detentaban o poder cultural) tamén alude ao amor físico: beixos, apertas, desexo...


Para Francesco Stella, da Universidade de Siena, estamos diante do primeiro manual epistolar cun capítulo reservado ás cartas de amor. O mestre dá consellos de escritura mesmo ás mulleres, o que confirma a existencia dun público feminino laico e alfabetizado no Medioevo.

O autor exemplifica ademais os seus consellos, poñendo exemplos e xurdindo así a que pode ser a primeira carta de amor medieval coñecida:
"O teu afecto, miña amiga docísima, sabe que polo perfume do teu amor non me negaría a escalar montes ou a atravesar a nado mares, e mesmo afrontar perigos de morte".

Vía Papel en blanco


Xa sabedes que como pequeno exercicio literario teredes que escribir nos Comentarios unha pequena mensaxe de amor. A ver se sodes quen de superar a mestría do clérigo.


13/02/09

I Semana da BD (8)

Hoxe rematou a que ía ser semana e se converteu en quincena da Banda Deseñada e da Ilustración galega. O broche final púxoo Suso Cubeiro, un gran artista que non só foi simpatíquisimo e nos contou anécdotas da súa vida senón que realizou un cadro en pouco tempo deixándonos a todos e a todas atónit@s. Un balance moi positivo para esta actividade organizada polo noso equipo de ENDL e que procuraremos prosiga nos vindeiros cursos.


En catro botellas

A vida resumida en catro botellas:


O home que plantaba árbores

Preciosa animación que paga a pena, a pesar da súa longa duración:


Videos tu.tv


Ademais, nestes días sae do prelo un fermoso libro con este título da editorial Galaxia, con texto de Jean Giono e ilustracións do para xa nós amigo Jacobo Fernández; a tradución é de Ánxela Gracián. "Un libro que fala da xenerosidade humana sen límites, do respecto á natureza, do amor á terra..." Un libro para agasallar.

12/02/09

I Semana da BD (7)

Hoxe, e grazas á editorial A Nosa Terra, acompañounos Anxo Fariña. Este dirixiuse ao alumnado de 1º de ESO, quen previamente lera o seu libro Os Megatoxos. O autor/ilustrador amosou a súa experiencia neste tipo de eventos, facendo as delicias dun público que escoitou ávido a súa intervención. Xabier tivo a sorte de ser retratado como antiheroe e levou fachendoso o seu agasallo, mentres o resto do alumnado pedía para si un debuxo ou unha sinatura do autor. Anxo explicaba o seu xeito de construír mundos acompañando as súas palabras en todo momento cos debuxos. Resultou moi, moi entretido.


Retos matemáticos... e non tanto (XVI)

Novos retos para novos (...e non tanto) talentos. Traio algo de todo, para que teñades problemas para todos os gustos pero, se queredes propór algún, non tedes máis que envialo ao noso correo electrónico trafegandoronseis@hotmail.com e gustosamente farei a vosa proposta en semanas vindeiras. Dito queda!

Reto 1.- Unha parella de corvos voaban apaciblemente en liña recta a unha velocidade de 10 km/h. De súpeto, un deles, ávido probablemente de sede de aventuras, ponse a voar sempre sobre a mesma liña recta, a unha velocidade de 20 km/h. Despois de ter percorrido 80 km decidiu dar media volta e volver, aínda a unha velocidade de 20 km/h, ao encontro da súa compaña que seguira o seu voo a unha velocidade de 10 km/h.
Canto tempo lles leva volverse atopar?
Reto 2.- Escribimos no encerado os enteiros do 1 ao 19. Por descoido, un dos números foi borrado. A media dos 18 números restantes é 31/3.
Cal é o número perdido?
Reto 3.- Saberías que número é o que debe substituir aos interrograntes nestas filas de números?
113 (238) 521
238 (6511) 324
679 (7712) 301
818 (9610) 251
929 (? ?? ) 232
Reto 4.- Unha peña de amigos quere merendar unha tarta e quérena cortar en 8 pedazos iguais. Como son grandes amantes das matemáticas, discuten entre si sobre o mínimo número de cortes que lle haberá que dar ao pastel para conseguir os 8 pedazos iguais. Ante a sorpresa de todos, Breixo afirmou poder facelo só con tres cortes.
Saberías dicir como?

Cronopios

Hoxe, hai 25 anos, deixounos Julio Cortázar, o mellor cronopio xogador de palabras.
Del Centro Editores publica unha edición especial de "Historias de cronopios e de famas" con tres relatos inéditos (ollo!: edición non apta para todos os petos). Estes tres relatos son historias completamente terminadas e corrixidas por Cortázar que suprimiu na edición orixinal: ‘Never stop the Press’, ‘Vialidad’ e ‘Almuerzos’
Os cronopios, eses ‘verdes, erizados, húmedos objetos’ apareceron por vez primeira en 1952 durante un concerto de Stravinsky no Theatre des Champs Elysées de París:


Un cronopio pequeñito buscaba la llave de la puerta de la calle en la mesa de luz, la mesa de luz en el dormitorio, el dormitorio en la casa, la casa en la calle. Aquí se detenía el cronopio, pues para salir a la calle precisaba la llave de la puerta.

Ademais, Alfaguara publicará proximamente Papeles inesperados con 11 relatos, un capítulo inédito de "Libro de Manuel", 11 novos textos pertencentes a "Un tal Lucas", 4 autoentrevistas, 13 poemas descoñecidos, e varios textos "inclasificables", todos eles inéditos e descubertos hai apenas tres anos nos caixóns da súa casa.

Vía Papel en blanco

11/02/09

I Semana da BD (6)

Hoxe estaba prevista a visita de Xosé Tomás (en realidade estábao para hai unha semana, pero parece que os fados acordaron que non o coñecésemos) pero como non puido ser, tivo a amabilidade de conseguir que unha ilustradora realmente marabillosa nos acompañase: estamos a falar de Noemí López, quen non só nos amosou o seu proceso creador, senón que axudou ao alumnado a convertérense eles mesmos en debuxantes: as diferentes expresións faciais e corporais foron obxecto de estudo e deseño nunha parte do obradoiro, ademais de pecharmos os ollos para sermos quen de maxinar personaxes e debuxalos posteriormente. Foi unha grata experiencia tela no centro e demostrar, ademais, que novamente este mundo non é só de homes, que xa nolo estaba a semellar!





Moitas grazas, Noemí, por unha mañá tan agradábel.

Nontodovanserlibros (XXXVI)

Co paso do tempo esta banda murciana pasou a ocupar o segundo andel dentro das miñas preferenzas musicais, pero aínda e todo, non podo evitar escoitar de cando en vez algún dos seus discos. Tal vez foi a hipercoñecida Carolina a que marcou punto de inflexión na miña especial relación con M-Clan e non no sentido no que a maioría de vós estades a pensar. Sen dúbida ningunha, dentro da súa discografía quédome cos dous primeiros álbumes: Un buen momento e Coliseum caracterizados por un rock agresivo de tintes sureños e sons contundentes que, ao meu parecer, se foron transformando co paso dos anos en sons moito máis comerciais e achegados ás radio fórmulas.

A pesares de todo, sería absurdo quitarlle mérito á banda liderada por Carlos Tarque que se converteu por méritos propios nunha das referencias musicais dentro do panorama do rock español.


Iso si, para que poidades contrastar, tráiovos unha escolma de cancións coas que poderedes dicir se estades de acordo comigo...



Discover M-Clan!



Dónde está la revolución? (Coliseum, 1998)



Miedo (Sopa Fría, 2008)

Web 2.0 en África

Os agricultores en Uganda están utilizando as tecnoloxías da web 2.0 para aprender as técnicas que axudan a mellorar as súas colleitas. Ademais, a web 2.0 facilita que poidan compartir os seus coñecementos mediante foros, wikis e blogues. E non, non o estamos inventando, vímolo aquí.


10/02/09

Os Galicreques van á Galescola

Os Galicreques saen do caixón e arrasan na rede. Neste primeiro episodio os nosos Galicreques (Quintana, Touriño e Feijoo) van a unha Galescola e deben situar Galiza nun mapa:

Sarajevo Haggadah

Seguindo co mesmo tema do post anterior...

Sarajevo Haggadah é o texto de orixe sefardí máis antigo que se conserva e un dos máis valiosos do mundo (en 1991 foi taxado nuns 700 millóns de dólares); é tamén un dos máis fermosos.



A súa orixe remóntase a 1350, iluminado en Barcelona anonimamente. O seu contido é o ritual utilizado polos xudeus na noite de Pascua. Contén 34 páxinas iluminadas con escenas bíblicas desde a creación até a morte de Moisés.





Vía Bajo el Signo de Libra

Codex Gigas


O Codex Gigas ou a Biblia do Diaño é un manuscrito medieval gardado na Biblioteca Nacional en Estocolmo, famoso por dúas razóns: por ser o manuscrito europeo máis grande que existe e porque contén o retrato a páxina completa do Diaño, o que explica o seu nome alternativos.


A súa orixe é descoñecida. Unha nota manuscrita declara que foi empeñado no mosteiro en Sedlec polos seus donos, os monxes de Podlažice, en 1295, pasando logo ao mosteiro de Brevnov cerca de Praga. Todos estes mosteiros estaban en Bohemia -República Checa-.
Segundo a lenda, o Codex Gigas foi confeccionado por un escribán que recibiu a axuda do diaño para así poder rematar tamaña obra, 624 páxinas e 75 quilos de peso.


Vía Bajo el Signo de Libra


Unha tarde con Guti

O xoves pasado contamos no noso centro cun contacontos excepcional, Guti, quen veu contar para o alumnado de 1º de Bacharelato. Hoxe é Suso, o vicedirector, que nos conta a experiencia.

Cando che falan dalgún evento ao que vas acudir en termos un tanto excesivos corres o risco de sufrir unha enorme decepción. A visita de Guti ao Colmeiro viña precedida da sona d’ “o mellor contacontos de España”, que é o que afirma Celsiño coa súa xenerosidade sempre atenta. O alumnado tamén agardaba a súa chegada co escepticismo propio da súa idade e condición. Porén, non vos facedes unha idea do que regala este home, do que transmite, do que contaxia, do que nos aprende.

A experiencia foi unha viaxe no espazo e no tempo, unha viaxe a esa veciña tan descoñecida que é a provincia de Zamora, coas súas xentes, coa súa fala tan irmá da nosa, coas súas paisaxes, ás veces duras ás veces tenras, a ese tempo pasado que nunca debeu pasar, porque os contos reunían aos veciños nos “seranos” para asegurar unha tradición oral que atesoura romances e historias con máis de mil anos de estirpe.

Guti foi agradecendo a cada unha das súas informantes, con nome e apelidos, a inmensa riqueza que lle regalaron a el, e que el nos deixou a nós. Fixo que noventa minutos souberan a demasiado pouco, que as súas habilidades orais, musicais e como bailarín deixaran a máis de un coa boca entreaberta e o sorriso debuxado nos beizos.

Cando lle preguntamos cal era a forma de chegar ao gran público, el díxonos que o gran público eramos nós, e que pasar tardes nun ambiente tan agradable só podía agradecérllelo a amigos como Celso e Mario. Así que nós, desde logo, agradecémosllo con toda a sinceridade, e recomendámosvos a todos os que queirades vivir unha experiencia de verdade que busquedes a maneira de escoitalo, porque cada “serano” será diferente e difícil de esquecer.






Grazas, Suso

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.