Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/01/10

(des)prestige

Texto de Marga Romero en A Nosa Terra:

Esta vez non son 77.000 toneladas de petróleo. Mais botaron o barco á Ría, quéreno levar a mar aberto e afundilo ben lonxe. Como se pesa, como se mide, como se conta a dignidade dun pobo, a súa existencia. Como se poden achar as toneladas que vale unha lingua. Din levar o paquebote esmaltado cara ás Illas Británicas, mais volven enganar, saben que así ninguén aprendera a ler as súas liñas no horizonte. Afástano, arrédano das costas portuguesas, non vaia ser o demo, que no varadoiro prenda na silveira. Estamos tod@s no barco e ese NÓS, é inconmensurábel. Quen non desexa navegar por novas rotas polos infindos ríos da Europa. Polos mares do sur. Descubrir as fontes do Nilo. Hai quen arela outros portos sementados nas beiras do Orinoco ou do Amazonas, petar noutras portas e entrar nunha casa en Chachauí, sobre do cume do Cúndur-Cundúr ou en políglotas tabernas, paradas necesarias para ascender polas serras do Cáucaso ou polas neves do Himalaia. Aprender outras rotas non é cegar camiños que ascenden polo Xares a Trevinca ou coma serpes acompañan o paso dos mil ríos do país. É saber do estripeiro, aínda que aéreas, as raíces nesta terra. O 21 de xaneiro nós con roupa de domingo pola rúa coa forza da razón e da palabra, en chegando de todos os nomes do mapa de Fontán,constataremos na mellor das descubertas que leda vai a nao. E contra tanto mercenario, nós, que soñamos camiñar do Courel a Compostela por terras liberadas, demostraremos que tanto amor non pode ser inútil. Sen teas soñadoras, nin un paso atrás Galiza. En galego, coma sempre, nós, tamén navegar.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.