Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

14/02/10

Dime algo sucio

Gustoume esta última novela de Diego Ameixeias, Dime algo sucio, novela coral con estrutura circular na que imos desfiañando anacos de vidas que nada teñen que ver entre si e que acabarán mesturándose por esas razóns que o destino ás veces nos ofrece, cunha lixeira (moi lixeira, a verdade) nota de esperanza ao final a pesar da violencia dalgunhas das súas páxinas. De fondo, a cidade de Oregón, facilmente identificable, que nos levará de paseo pola nosa cidade ourensá, polas súas rúas e calellas, mentres a vida e a morte vanse sucedendo nunha novela "case-negra" áxil, de lectura rápida polos seus minúsculos capítulos. Personaxes insatisfeitos que case rematan coa súa vida ou que aínda a estarían a iniciar se non fose truncada violentamente. Xente da rúa, taxitas, médicos, vendedores ambulantes, adolescentes... mestúranse nunha cidade fría onde a violencia convive connosco sen apenas decatarnos. Soidade, adolescencia, desexo, sexo, amor, enfermidade... barállanse anarquicamente para achegarnos unha visión real da sociedade na que nos movemos decote nun ritmo marcado enfaticamente por eses pequenos capítulos.
Unha novela a ter moi en conta no panorama da literatura negra galega.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.