Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/05/10

Con Begoña Caamaño

O pasado xoves 13 de maio compartimos club de lectura con Begoña Caamaño para falarmos do seu libro Circe ou o pracer do azul.
Esta é asepticamente a realidade. Agora ben, como enfrontarme a falar desta muller que me deixou totalmente "namorada"? Porque Begoña non foi só unha profesional, foi unha muller que falou como muller do que nos preocupa ás mulleres, unha muller que nos abriu o seu corazón e unha muller que non perdeu o sorriso nin un só segundo.
É difícil transmitir canto me fixo sentir. Cando a fun buscar, vina ao lonxe, sen recoñecela, coas súas trenciñas loiras e o vestido vaqueiro que semellaba máis unha das miñas alumnas que a escritora a quen eu buscaba. Pero prendeu en min deseguida. E en todas nós.

Logo falou. Falou de mitoloxía, do Álvaro Cunqueiro que cre nos mitos porque posúen enerxía, do fundamental que foron os mitos nos arquetipos femininos e a necesidade de reconstruír esa Mitoloxía para termos outros modelos de mulleres que Homero non debuxou.
Contounos que ela, nena lectora, necesitaba identificarse coas mozas protagonistas das novelas; pero leu A Odisea con 11 anos e non atopou con quen identificarse. De aí a relectura e a reescritura.
Algúns mitos nacen para xustificar o inxustificable. Como explicar senón que as mulleres estean sometidas aos homes? En Circe ou o pracer do azul non pretendeu a modernización da historia, para ela o reto foi conservar a historia dando voz ás silenciadas, contar o que nunca se contara anteriormente. Fiel a Homero, non hai heroínas: Circe quere demostrar como amar; Penélope quere un espazo onde poder vivir.
E quédome con esta frase coa que rimos un anaco: "Ulises foi o primeiro turista sexual da historia!". Tamén quixo reflexionar sobre a ética e os afectos. Ata que punto é lícito renunciar á ética pola paixón? A importancia de ser donas de nós.

Falou de Feminismo. Nós, as mulleres, somos educadas na competencia, xa que eles "son", sen máis; e isto crea entre as mulleres moita competencia. Somo vítimas da exclusión, construídas para sermos felices no momento en que o home nos ame. Ser Feminista inclúe a antirracismo, o anticapitalismo, a negación do Poder e a Opresión.



En fin. Pasamos horas coma se fosen minutos e desexamos que estes ficasen máis longos porque non nos chegou o tempo a nada. Quedamos con sede de escoitala e con fame de posuíla un pouco máis, porque máis quereriamos departir con ela sobre o divino e o humano, máis humano ca divino, que é o que nos proe.

Grazas, Begoña, mil veces.

4 comentarios:

Beni dixo...

Trataremos de que Begoña estea no noso club para o próximo curso: obxectivo prioritario. Que sorte tedes.

A profa dixo...

A Profa ten un agasallo para Trafegando ronseis.
http://aprofa.blogspot.com/2010/05/vale-pena-ficar-de-olho-nesse-blog.html
Saúdos.

Jennifer Mosquera dixo...

Hei de recoñecer que a pesar de que non rematei de ler o libro, a parte que lin pareceume bastante interesante. A perspectiva dende a que a autora nos pretende mostrar o amor é bastante interesante e merece ser analizado. Nel deaparace por completo o amor idealizdo que nos veñen vendendo os contos de fadas dende que eramos cativos, para dar lugar a un amor máis real e natural. Porque se algo é certo e que nada é para sempre!
Falando un pouco da visita da autora ó noso instituto quero dicir que me pareceu unha muller moi agradable e cuns principios e puntos de vista moi acertados para o mundo no que estamos vivindo agora mesmo e cos que estou totalmente de acordo.
Se houbera máis persoas coma ela, outro galo cantaría.
Xa só me resta dicir que espero poder ler moi pronto un dos moitos libros que lle quedan por escribir a esta autora.

Ana Cristina dixo...

Gustoume moito coñecer a esta autora porque realmente é moi simpática e resulta agradable falar con ela. O seu libro pareceume bastante bo e despois de nos contar cousas como por que decidira escribilo creo que agora o podo entender mellor. En definitiva espero poder coñecer máis persoas coma ela.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.