Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/07/10

El buen ladrón

Sorprendeume moitísimo este libro xa que cando o comecei, sen moita paixón, pensei que non me ía gustar demasiado... e vaia que me gustou! El buen ladrón de Hannah Tinti segue o ronsel dickensiano para escribir toda un homenaxe a este autor cun libro de aventuras dun neno orfo e manco que verá como a vida pode complicarse cada vez máis pero que a bondade e o amor poden triunfar se un resiste.
Chea de personaxes surrealistas, ás veces delirantes, sempre tenros, capaces de arricarnos unha bágoa e un sorriso, orixinais, patéticos, absurdos e conmovedores, a novela aventúrase nun mundo case cinematográfico que nos penetra coas súas palabras e nolas transforma en imaxes; hai xigantes e ananos, xordos e borrachos... unha galería hipnótica que nos embauca ata a última liña.
Tamén auscultamos o amor pola literatura, a importancia da letra escrita e da narración oral, posto que é esta capaz de salvar moitas veces a vida aos seus personaxes. Ata Don Quijote está presente! Toda unha homenaxe á tradición literaria universal.
Desde logo, a autora foi quen de me levar polos territorios americanos do século XIX, polos cemiterios abandoados e por ese universo estraño capaz de mesturar o máis sorprendente e incrible co máis misterioso e o máis verosímil. Todo a un mesmo tempo. Por que non vai un anano baixar pola cheminea se é certo que rexeitamos todo o diferente? Por que non vai un home nacer para matar e logo querer tanto a un neno como para deixar de facelo se este llo pide? Por que non? Porque a maxia da literatura de aventuras está aquí contida e gustaravos evadirvos con ela.
Palabra de lectora.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.