Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/02/11

Correr

Correr, de Jean Echenoz, é un deses libros que me pediu ser comprado dende os andeis da libraría. E agradézolle o detalle.
Correr novela la vida de Zátopek, un home que adicou a súa vida a ser o máis veloz: foi un atleta checo especialista en probas de fondo que viviu entre os anos 1922 e 2000.
Pero Correr non é só unha biografía. É unha novela que te devora e que non podes deixar de ler ata rematala. Coma o seu título, o lector convértese tamén nun corredor de fondo-lector que anceia seguir as súas páxinas para saber máis sobre este home sorprendente. De todos os xeitos, aínda que podería profundizar máis, resulta interesante a relación que establece o corredor co réxime comunista, os problemas que lle provoca, as restriccións para saír a outros países, as palabras mal interpretadas, as poucas veces que decide falar en contra e é castigado, a submisión, porque só desexa vivir tranquilo e feliz. E sobre todo chama a atención a súa vontade, o seu xeito de tentar ser o máis veloz a base de sacrificio (moi recomendable a lectura para parte do alumnado que cre poder chegar ao máis alto sen sacrificarse), a súa dozura, a súa modestia, a súa soidade.
Creo que é un libro que vos vai gustar.
Publica Anagrama.


2 comentarios:

biblioteca dixo...

Compreino para a biblio por recomendación de "a miña libreira" e paseillo a unha compañeira para que o lese. Non lle gustou moito e agora, lendo o teu artigo, vou meterlle eu o dente.
Marga

Ronsel dixo...

Pois xa me contarás entón. Agardo que esteamos de acordo, coma decote.
Bicos

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.