Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/02/11

Sin la sombra de las Torres

A editorial Norma tráenos este abraiante cómic de Art Spielgelman: tanto en formato como en contido, posto que Sin la sombra de las Torres é un libro diferente polo seu tamaño, pola súa publicación en cartolinas grosas en vez de papel, e pola historia. Neste enderezo podedes ver todas as páxinas.
Realmente estou un pouco amedrentada: como falar neste blogue deste libro? Eu són son unha lectora que tenta expresar a súa opinión sobre as diferentes lecturas que realizo. Porén, nin sequera sei moi ben cal é a miña opinión arestora. Debo ser franca: deste autor e deste título agardaba máis. Pero supoño que a miña pouca formación comiqueira inflúe nisto, e non quero dicir que o libro non me gustase, ao contrario. Porén, creo que queda como incompleto, porque a min cumpríame máis. Máis páxinas que seguisen as dez primeiras, onde o autor cuestiona as democracias e os seus "totalitarismos". Pola contra, encántame que engada páxinas reproducidas do mellor cómic clásico que doutro xeito non estarían posiblemente nas nosas mans.
Dende logo, se vos gusta o cómic, non deixedes de lela, de reflexionala. Ten frases memorables, e unha crítica moi pertinente a todo o acaecido arredor das Torres Xemelgas.
Aquí podedes ler máis sobre a obra.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.