Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/03/11

Purga

Xa sabedes que me encanta buscar un só adxectivo para definir cada novela, o que non resulta doado nin seguramente axeitado. Pero hoxe voume quedar cun: "sobrecolledora". Así é a lectura desta novela que vos recomendo mil veces, do mellor que teño lido ultimamente. Desas que che deixan mastigando varios días, remoendo o lido, analizando, repasando e explorando. Desas que colles o teléfono para comentala coa Paramio, que escribes a Xabi para reclamar a súa opinión, que necesitas espallar porque non queres cavilala máis a soas. Ideal, supoño, para un club de lectura.
Estou a falar de Purga de Sofi Oksanen, editada por Salamandra. Un libro que nos fala sobre todo de supervivencia. Cando rematei a lectura, volvín ao título, para comprendelo en toda a súa intensidade.
Todo o libro está impregnado dunha poética que pode chegar a ser incomprensible pola temática; e aínda así, conséguea, con esa prosa sinxela e breve, chea de ritmo. Iremos da súa man a Estonia, á guerra dos Balcáns, á ocupación nazi, á invasión comunista de Stalin, ao tráfico de mulleres... e a nivel persoal darémoslle a man a todo tipo de humillacións, vexacións, medos, e ata amores. As páxinas farannos cambiar de escenarios, de datas, mais non de instinto de supervivencia. Que é, seguramente, o tema da obra: o que somos capaces de aturar por seguir vivindo. (Algo ao que sigo a lle dar voltas).

Di Xabi que o que máis lle gustou foi o debuxo da personaxe principal (a vella): un ser capaz, ao mesmo tempo, de grandezas e de miserias. É un ser anodino, vulgar, pobre e sinxelo. Moi real. Por iso resulta tan entrañable... Tamén me lembrou que hai un capítulo moi especial: non podo estar máis de acordo con el. Ese de torturas e evasións. Para non esquecer xamais.

10 comentarios:

Anónimo dixo...

Xa estou ansioso por este libro, que ademáis pintaba moi ben cando o ollei por primeira vez.

Ernesto dixo...

Celebrarei o bo traballo da miña nº7 léndoo.......o prometido.....

Ronsel dixo...

Prezado Ernesto: algún día lograrei subir de posto? Véxoo imposible... posto que fago canto me é posible!

biblioteca dixo...

Lo estoy leyendo estos días y, por lo que leí hasta ahora, suscribo lo que dices; muy acertado el adjetivo de "sobrecolledora".
De esos libro que estás deseosa de que llegue el momento de tenerlo entre las manos.
Felices vacaciones
Marga

biblioteca dixo...

Por cierto, aprovecho para hacerte una recomendación de lectura: Las hermanas Bunner de Edith Wharton.

Ronsel dixo...

Moitas grazas coma sempre pola recomendación e pola visita e o comentario. Éntrame agora a dúbida: faleiche de "Nada"?

biblioteca dixo...

Que cabeciña!!!! De "Nada" faleiche eu a ti.
Xa lin a reseña que fixeches.

Ronsel dixo...

Xa sei que mo recomendaches ti, pero eu tinha que te escribir e non o fixen. PErdoa.

Ernesto dixo...

Xa está! Gustoume, ten un aire con As Rulas de Bakunin pero non o consegue superar, temos que exportar a Antón Riveiro.

Ronsel dixo...

Anda! Como tiras para a casa! Non esaxeres, por favor. Alédame que che gustase. E que coincidamos.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.