Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/08/11

Brooklyn


Encantoume. Colm Tóibín consegue en Brooklyn, publicado en Lumen, unha novela maxistral sobre a emigración e os sentimentos. Emigración irlandesa -que podería ser calquera outra- a América e unha protagonista que nos gusta e nos intriga: lemos e sabemos dos seus sentimentos e pensamentos, e comprendemos a súa falta de carácter en tantas e tantas ocasións, tentando poñernos no seu lugar. Porque a protagonista está tan ben caracterizada que moitas veces consegue exasperarnos e sempre empatizamos. Porque é unha protagonista feminifa fóra de estereotipos que nos hipnotiza. E iso dentro dunha historia que podería ser tan típica e tópica. Porén, nada máis lonxe: a novela é maxistral e verosímil. Historia emocional que non cae no sentimentalismo pero que si provoca todos os sentimentos posibles: describe perfectamente, coas palabras xustas, a vida desta moza que ten que ir vivir o "soño americano", unha moza que vive rodeada dun destino inxusto que provocará que moitas das súas decisións poida que non sexan as máis axeitadas (esa é a dúbida que nos provoca aos lectores) pero que están aí, porque é tan real que así é a vida: cadaquén debe seguir segundo os pasos se vaian marcando.
Unha fermosa novela que vos gustará e sobre a que reflexionedes tan pronto como cerredes os lombos do libro: pódese escoller? Como tecer a vida de xeito veraz entre a verdade e a mentira que se crea? Como ser, simplemente, persoas?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.