Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/08/11

Malas ventas

Alex Robinson é o autor deste moi voluminoso cómic -chamado por tanto novela gráfica, con máis de 600 páxinas-: Malas ventas, publicado por Astiberri. Un cómic en branco e negro que fala da vida de varios personaxes, entre eles o alter ego do propio autor. Un libro que nos atrapa porque percorre a vida cotía destas persoas, as súas relacións entre eles e a sociedade que os rodea, a insatisfacción, o alcolismo, o amor, o sexo, o compañeirismo, a amizade, a fidelidade, as frustracións..., un día a día que mestura humor, sarcasmo, ironía, crítica, sátira... é dicir, humanidade, que é a aposta forte do cómic, o que o fai tan interesante.
Para morrer de risa as escenas que falan dos diferentes clientes das librarías (un dos protagonistas traballa nunha), e que nos recalcan que son todas reais: "¿Teneis libros de no ficción?". "¿Puedo fotocopiar unas pocas páginas? No quiero tener que comprar el libro". "No he podido encontrar libros sobre leones en mascotas". "¿Libros escritos por Sherlock Holmes?". "¿Tenéis, no sé, novelas?". "Busco Un tranvía llamado Tennesse por Williams no se qué... con la portada roja". E moitas máis frases hilarantes que nos fan comprender a desesperación do dependente.
Non vos asustedes polo grosor: lese deseguida e é moi ameno.


2 comentarios:

Anónimo dixo...

Gústame esa estampa das librerías que acostumbra a suceder máis a menudo do que se cre.

Ronsel dixo...

Inda botei unhas boas risas cando lin o que alí sucede. E seguramente é certo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.